A balea anana,[6] Caperea marginata (Gray, 1846), é unha especie da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos, o único representante da familia dos neobalénidos (Neobalaenidae).
Balea anana Caperea marginata Rango fósil: mioceno - actualidade | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Caperea marginata | |||||||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||
DD (datos insuficientes) [1] | |||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Caperea marginata (Gray, 1846) [5] | |||||||||||||||||||||||||||
Diustribución de Caperea marginata | |||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||
|
Taxonomía
Foi descrita en 1846 por John Edward Gray, que traballaba na sección de Zooloxía do Museo Británico, e que a denominou como Balaena marginata, e a situou, loxicamante, na familia dos balénidos.[5]
Efectivamente, esta especie comparte características taxonómicas da familia dos balénidos, como son a falta de dobras gulares e presentar o rostro arqueado como as baleas francas, aínda que con algunhas diferenzas, polo que en 1864 o propio Gray reclasificouna no novo xénero Caperea, así mesmo fundado por el.[4]
As principais diferenzas cos balénidos son a presenza dunha aleta dorsal e un corpo alongado, o que aproxima esta especie aos rorcuais (nome común que se dá aos cetáceos da familia dos balenoptéridos), resultando así como unha especie de características intermedias entre ambas as familias, polo que Gray (en 1874) e Miller, en 1923, reclasificárno na familia monoespecífica dos neobalénidos.[2]
Até hai pouco, esta especie de balea era o único membro do xénero Caperea e da familia dos Neobalaenidae, como quedou dito arriba. Porén, en decembro de 2012, os paleontólogos R. Ewan Fordyce e Felix G. Marx compararon os ósos do cranio da balea anana cos dos cetáceos extintos, e descubriron que a especie estaría moi cerca dos membros da extinta familia dos cetoteríidos (Cetotheriidae), facéndoa un sobrevivente pigmeo desta familia extinguida.[3]
Características
A balea anana é a máis pequena e menos coñecida de todas as baleas con barbas (misticetos), polo que aínda está pouco estudada, e coñécese sobre todo polas súas amplas migracións, sobre todo en Nova Zelandia, sur de Australia e sur de África, pero hai pouca información dispoñíbel.[7]
Os adultos chegan a medir até tan só 6,5 m de lonxitude, a alcanzar un peso de entre 3 e 3,5 t. Como os rorcuais, teñen o corpo alongado e esvelto, e presentan aleta dorsal, pero carecen de dobras gulares. Os seus cranios son máis curtos que os doutras baleas, e o úmero é proporcionalmente máis curto que o dos rorcuais e, na man, teñen 4 dedos en lugar de 5.[2]
Os baleatos, ao naceren, miden entre 1,6 e 2,2 m.[7]
As súas principais características físicas son as seguintes:[7]
- Boca moi arqueada, coa mandíbula inferior de cor clara, e a superior escura.
As enxivas e a lingua son brancas, contrastando coa cor escura da parte superior da cabeza. As barbas (de 213 a 230 a cada lado) son de cor marfil. - Aleta dorsal pequena, falciforme, rematada en punta, e co bordo posterior cóncavo. Aletas pectorais pequenas e estreitas, coas puntas lixeiramente arredondadas e coas partes superiores de cor escura, que destaca da cor moito máis clara da rexión ventral do corpo. Aleta caudal ancha, cunha escotadura central ben marcada, e as partes superiores de cor gris escura, e as inferiores moi claras, cos bordos escuros.
- A coloración das partes superiores do corpo é gris escura ou gris azulada, e a das inferiores gris clara pou case branca, que pode ir escurecendo coa idade do animal.
- Non presentan calosidades na cabeza.
Hábitat, distribución e poboación
Distribución
As baleas ananas viven en augas temperadas do hemisferio sur, tanto preto coma lonxe da costa. A maioría das observacións fixéronse entre os 31º S e os 52º S, aínda que existe unha na Terra do Fogo, na punta meridional de Suramérica, a 55º S. O límite real parece ser a temperatura das augas superficiais, entre os 5 e os 20 °C. A maior parte das onservacóns efectuáronse en baías protexidas e pouco profundas, pero tamén se viron exemplares illados en mar aberto. Os individuos xuvenís poden migrar cara a augas costeiras durante a primavera e o verán. Algunhas poboacións son residentes todo o ano, como as de Tasmania.[7]
Aínda que ten unha distribución circumpolar, como quedou dito, hai observacións de que poden subir até os 20º S, polo menos nas costas de Benguela (Angola).[8]
Hai só uns poucos rexistros confirmados de baleas ananas no mar, pero hai moitas citas de varamentos na Arxentina, Illas Malvinas, Namibia, Suráfrica, Chile, costas oeste, sur e leste de Australia e as illas Norte e Sur de Nova Zelandia.[8][9][10][11][12]
Dous individuos foron capturados por un buque baleeiro no Atlántico sur, entre os 34° e os 35° S.[13] Un infrecuente avistamento dun grupo duns 80 individuos produciuse en 1992 a unhas 320 millas náuticas de Cape Leeuwin (suroeste de Australia).[14] E un grupo de 14 exemplares foi avistado en 2001 a 46° S no Pacífico sur, a 450 km ao sueste de Nova Zelandia.[15]
Poboación
A balea anana é unha das especies menos coñecidas dos misticetos, e hai moi poucos rexistros para intentar unha estimación do tamaño da súa poboación. Un único avistamento duns 80 individuos no Índico suroriental,[14] representa máis da metade dos rexistros de individuos vivos avistados. Á parte dos dous grandes grupos antes mencionados, os máis dos avistamentos foron dun ou dous individuos, ás veces en asociación con outras especies de baleas e de golfiños.
Comportamento
As baleas ananas son pouco visíbeis no mar, e o seu sopro respiratorio é pequeno e pouco rechamangueiro. Xeralmente non pasan máis duns poucos segundos fóra da auga, e non se teñen observado saltos nin rabeleadas. Saen á superficie de xeito semellante ao do rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata), lanzando o fociño fóra da auga pero, a diferenza deste, o dorso (incluíndo a aleta dorsal) adoita quedar oculto; a cola nunca sae de forma clara da auga. Polo xeral nadan lentamente, con ondulacións do corpo, e son incapaces de faceren aceleracións rápidas. Os escasos rexistros indican que as inmersións máis longas duran entre 40 seg e 4 min.[7]
Alimentación
Os estómagos dis dous individuos capturados en operacións de baleeiros rusos [13] e dun individuo inmaturo,[16] contiñan principalmente copépodos.
Ameazas e medidas de protección
Esta especie pouco coñecida nunca foi cazada comercialmente. Non hai ningunha evidencia de ameazas antropoxénicas directas. A especie poden ser naturalmente rara en toda a súa área de distribución, ou simplemente que é difícil de detectar ou identificar, ou talvez aínda non se decubriron as súas zonas de concentración.[1]
Non hai ningunha medida específica para a conservación desta especie, pero esta está asegurada polas medidas de protección xenérica das baleas, figurando tanto no Apéndice I da CITES como no Apéndice II da CMS.[1]
Estado de conservación
A Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualificou en 2008 a situación da especie como "DD" (datos insuficientes), cualificación que mantén no 2013, debido á escaseza de rexistros vivos, á ausencia dunha estimación global do tamaño da súa poboación e o coñecemento limitado do rango das subpoboacións locais. Dada a falta de ameazas coñecidas e á súa probabelmente ampla distribución, é pouco probábel que a balea anana deba cualificarse nunha categoría de ameaza, pero cos poucos datos dispoñíbeis, en ausencia de calquera estimación do tamaño da poboación, non pode avaliarse nalgún dos criterios de ameaza.[1]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.