From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de 10 dólares Cabeza India (en inglés: Indian Head Eagle) é unha moeda de ouro co valor facial de 10 dólares que foi emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos de xeito continuo desde 1907 ata 1916, e despois de forma irregular ata 1933.
10 dólares Cabeza India [1][2] | |
---|---|
A/: busto da Liberdade cara á esquerda cun toucado de plumas indias. 13 estrelas na parte superior
Lenda: LIBERTY (no diadema). |
R/: aguia sobre feixe de frechas e póla de oliveira. Valor facial non exergo.
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / IN GOD WE TRUST (só a partir de 1908) / TEN DOLLARS |
|
Tanto o anverso como o reverso desta moeda foron deseñados polo escultor Augustus Saint-Gaudens, quen non chegou a ver a moeda en circulación, xa que faleceu en agosto de 1907, antes do seu lanzamento oficial.
A partir de 1904, o presidente Theodore Roosevelt propuxo novos deseños máis artísticos para as moedas estadounidenses, o que levou a US Mint a contratar a Saint-Gaudens para os crear. Ao principio, Roosevelt e Saint-Gaudens consideraron a posibilidade de crear un deseño uniforme para os catro valores faciais cuñados en ouro, pero en 1907 Roosevelt decidiu utilizar para o anverso da moeda de 10 dólares —tamén coñecida como eagle ("aguia")— un modelo que o escultor concibira inicialmente para a moeda dun centavo. Para o reverso da moeda de 10 dólares, o presidente decidiuse por un deseño que amosaba unha aguia calva en pé que fora desenvolvido para a moeda de 20 dólares —"dobre aguia"— tamén obra de Saint-Gaudens, en tanto que o anverso amosaba un busto da Liberdade cara á esquerda cun toucado de plumas indias.
A moeda esculpida por Saint-Gaudens tiña un relevo demasiado alto para que a Casa da Moeda puidese cuñala doadamente, e tardou meses en modificar o deseño para que a moeda puidese cuñarse cun só golpe das prensas. Saint-Gaudens finou o 3 de agosto de 1907, e Roosevelt insistiu en que a nova moeda de 10 dólares se terminase e se cuñase ese mesmo mes. O 31 de agosto entregáronselle ao presidente unhas probas que difiren das moedas cuñadas posteriormente para a circulación.
A omisión do lema In God We Trust ("En Deus confiamos") nas novas moedas provocou a indignación da poboación e levou o Congreso a aprobar un proxecto de lei que ordenaba a súa inclusión. Así as cousas, o gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber, engadiu as palabras e introduciu de paso pequenas modificacións no deseño.
A moeda de 10 dólares Indian Head cuñouse regularmente ata 1916, e despois de xeito intermitente ata que o presidente Franklin Roosevelt ordenou á Casa da Moeda que deixase de producir moedas de ouro en 1933. Con ela finalizou a serie de moedas de 10 dólares de ouro cuñadas para a circulación que se iniciara en 1795. Moitas destas moedas foron fundidas polo Goberno a finais da década de 1930; a emisión de 1933 é unha rareza particular, xa que se distribuíron moi poucos exemplares.
En 1904, o presidente Theodore Roosevelt escribiulle ao secretario do Tesouro, Leslie Mortier Shaw, queixándose de que a cuñaxe de moeda estadounidense carecía de mérito artístico, e suxeriulle que o Tesouro contratase un artista privado para preparar novos deseños de moedas, como o escultor Augustus Saint-Gaudens.[3] Atendendo a suxestión de Roosevelt, a Casa da Moeda contratou a Saint-Gaudens para redeseñar o centavo e as catro moedas de ouro do sistema: os 20 dólares (dobre aguia), os 10 dólares (aguia), os 5 dólares (media aguia) e os 2½ dólares (cuarto de aguia). O deseño coñecido como Liberty Head ("cabeza da Liberdade") cuñárase por primeira vez na moeda de 10 dólares en 1838;[4] e a derradeira incorporación a esa serie foi a moeda de 20 dólares Liberty Head, cuñada por primeira vez para a circulación en 1850.[5] Os deseños desas pezas permaneceran sen cambios durante máis de 25 anos, o que posibilitaba que puidesen cambiarse sen unha lei do Congreso.[6]
En 1905, o gravador da Casa da Moeda Charles E. Barber gravou o anverso da medalla de inauguración de Roosevelt, en tanto que o seu axudante George T. Morgan se encargou do gravado do reverso. A Roosevelt non lle gustou o traballo e contratou a Saint-Gaudens para que deseñase unha medalla non oficial conmemorativa da inauguración.[7] Saint-Gaudens previu a resistencia de Barber no asunto da nova cuñaxe e, neste sentido, escribiulle ao seu irmán Louis: "Barber é un S.O.A.B. ["fillo de puta"], mais tiven unha charla co presidente, quen lle ordenou ao secretario Shaw na miña presenza que lle cortase a cabeza a Barber se non cumpría as nosas ordes".[8]
Roosevelt ficou impresionado por uns modelos que Saint-Gaudens preparara para a moeda dun centavo nos que aparecía unha cabeza da Liberdade. A principios de 1907, escribiu a Saint-Gaudens para lle propor que se engadise un gorro de guerra indio ao anverso do centavo: "Creo firmemente que polo menos nunha moeda deberiamos ter o toucado de plumas indio. É claramente americano e moi pintoresco. Non se podería ter unha cabeza como a de agora, pero co toucado de plumas?".[9] O historiador numismático Walter Breen describe isto como "a absurda adición dun gorro de plumas",[10] e o historiador de arte Cornelius Vermeule afirma que os 10 dólares Cabeza India "non chegaron a ser unha gran moeda porque Roosevelt interferiu" no seu deseño.[11] Non obstante, Saint-Gaudens engadiulle o toucado á cabeza da Liberdade en febreiro de 1907.[12] Estaba indeciso sobre que deseño utilizar para as pezas de ouro, que aínda debían ter un aspecto uniforme, e propuxo utilizar tamén o toucado da Liberdade para a moeda de 20 dólares. Mais Roosevelt decidiu provisionalmente utilizar deseños diferentes en ambas as moedas, deixándolle á moeda de 10 dólares o toucado da Liberdade. Pola súa banda, a moeda de 20 dólares de Saint-Gaudens amosaría a unha Liberdade camiñando cara a adiante, cunha aguia voando no reverso. O presidente estaba disposto a reunirse persoalmente con Saint-Gaudens se este se opuña, pero o escultor estaba gravemente enfermo de cancro e non se chegou a celebrar reunión ningunha.[13]
O director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, George E. Roberts, escribiulle a Saint-Gaudens o 25 de maio de 1907: "Agora está decidido [...] o deseño para a moeda de 10 dólares será a cabeza de plumas da Liberdade coa aguia de pé".[13] Saint-Gaudens e os seus axudantes avanzaron axiña na revisión, e enviou modelos da nova moeda o 1 de xuño cunha carta na que se indicaba que o relevo dos novos modelos debía ser cuñable pola Casa da Moeda. As moedas de 20 dólares estaban a demorarse porque Saint-Gaudens enviara dúas veces á Casa da Moeda modelos cun relevo demasiado alto, que non podía cuñarse dun só golpe, como se requiría para a moeda circulante.[14] A súa carta foi remitida á Ceca de Filadelfia, onde o superintendente John Landis fixo que o gravador xefe, Charles E. Barber, a lese e puxese as súas iniciais. O 7 de xuño, Barber respondeu a Landis:[15]
“ | Permítome informar de que recibín dous modelos en xeso e tamén unha copia dunha carta do Sr. Saint-Gaudens ao director, na que hai certas afirmacións que son un tanto enganosas [...] o relevo do deseño débese axustar ás condicións fixadas e, xa que logo, o único relevo que eu coñecía era o relevo de moedas; os modelos agora enviados non teñen relevo de moedas. [...] A data está en notación romana, non se previu nin sequera a do ano seguinte, xa que non queda lugar, e como estas moedas teñen que estar vixentes durante vinte e cinco anos antes de que se poida facer outro cambio, creo necesario declarar que dentro de poucos anos sería imposible datar os cuños. | ” |
Roberts escribiulle a Saint-Gaudens o 11 de xuño e suxeriulle que podería haber problemas coa data e co relevo; non recibiu resposta e volveu escribir o 18 de xuño. Esta vez o escultor respondeulle que estivera esperando o regreso do seu axudante Henry Hering, que se encargara de gran parte das xestións coa Casa da Moeda. Estaba de acordo en que os números romanos non eran aconsellables para a moeda de 10 dólares e enviou novos modelos á Casa da Moeda o 24 de xuño. Barber utilizou estes modelos para preparar un cuño, xunto cunha fundición de bronce que se produciu de xeito privado, e a Casa da Moeda cuñou pezas experimentais o 19 de xullo. Estas pezas de "alto relevo" requiriron varios golpes de prensa para realzar completamente o deseño. Saint-Gaudens escribiu á Casa da Moeda a mediados de xullo: "estou esperando saber sobre isto para proceder cos outros relevos", e envióuselle unha das novas pezas, xunto cunha moeda de 10 dólares do modelo Liberty Head para comparar.[16]
O 19 de xullo, Roberts envioulle un par de moedas similares ao secretario do Tesouro George Cortelyou, e sinalou que Saint-Gaudens utilizaba un acabamento suave para o deseño en lugar da cuñaxe afiada característica das pezas de ouro da Liberdade, e suxeriu que isto podería fomentar a falsificación.[16] Roberts comunicoulle estas preocupacións a Saint-Gaudens, quen solicitou moldes dos cuños utilizados para cuñar as novas pezas; os moldes foron enviados á súa casa en Cornish, Nova Hampshire, o 28 de xullo.[17] Saint-Gaudens morreu alí de cancro o 3 de agosto de 1907, e Roosevelt escribiulle á súa viúva Augusta: "considero un dos privilexios da miña Administración terlle encargado dúas das nosas moedas".[18]
Roberts deixou o cargo o 31 de xullo de 1907 para se converter en presidente do Commercial National Bank de Chicago. O seu sucesor, o daquela superintendente da Ceca de San Francisco, Frank A. Leach, non tomou posesión ata o 1 de novembro, e por iso o antigo director da Casa da Moeda, Robert Preston, actuou como director interino.[16]
O 7 de agosto, Roosevelt ordenou ao secretario Cortelyou que os deseños das moedas de 10 e de 20 dólares estivesen terminados e en produción o 1 de setembro. Con Landis de vacacións,[19] Cortelyou pasoulle a carta do presidente ao superintendente en funcións da Ceca de Filadelfia, Albert A. Norris, e deulle instrucións para que "se ocupase deste asunto de inmediato e levase a cabo as instrucións do presidente; e que se fixese todo o posible para acelerar o traballo".[20] Preston escribiulle a Roberts para lle solicitar información sobre a nova cuñaxe, e o ex director da Casa da Moeda respondeulle o 12 de agosto, esbozando a correspondencia con Saint-Gaudens e sinalando: "non se recibiron instrucións do presidente en relación ás moedas de 5 e de 2½ dólares, pero eu esperaba que o deseño da moeda de 10 dólares se utilizaría nelas". O presidente decidiu deixar as moedas dun centavo e as cuñadas en níquel sen cambios".[21]
En resposta ás instrucións do presidente, Barber escribiu a Norris para o informar de que o deseño da moeda de 10 dólares estaba pendente de aprobación desde xullo, sen mencionar o desexo da Casa da Moeda dun cuño con arestas máis afiadas. Norris sinalou na súa carta posterior ao director en funcións Preston que a Casa da Moeda tivera problemas co cuño de colar que gravaría o canto da moeda e imprimiría as 46 estrelas, que representaban o número de estados que habería despois da xa programada admisión de Oklahoma na Unión a finais de 1907. As autoridades da Casa da Moeda acudiran sen éxito aos seus homólogos da Monnaie de Paris na procura de consello, mais o taller mecánico da US Mint foi quen de perfeccionar o collar.[22] Norris defendeu a Barber na súa carta a Preston:[23]
“ | Creo que o presidente comete unha inxustiza co Sr. Barber cando fala aquí de "certo pesadume mental e incapacidade para realizar o traballo moderno máis axiña, como demostran estes atrasos". A realización dos modelos para estas moedas encargóuselle a Saint Gaudens, que era escultor e non tiña experiencia no deseño de moedas. Cando se recibiron os modelos, notificouse á Oficina [da Casa da Moeda] que os cuños feitos a partir deles non funcionarían na prensa de cuñaxe [...] os modelos foron devoltos a Saint Gaudens, por petición súa, e proporcionouse un xogo modificado despois dalgún tempo. Informouse a Casa da Moeda Oficina de que nin sequera estes cuños serían satisfactorios para cuñar moedas, pero fabricáronse os cuños e comprobouse que non podían utilizarse na prensa de cuñaxe. Como imos cuñar moedas para o presidente?. | ” |
A finais de agosto, Augustus Saint-Gaudens enviou novos modelos para a moeda de 10 dólares ao director en funcións Preston. Cando Barber os examinou, observou que "os cuños fabricados a partir destes modelos suporían unha gran mellora con respecto aos xa realizados"[24] e afirmou que, con estes modelos, a Casa da Moeda podería ter a moeda en plena produción nun mes. Homer Saint-Gaudens, fillo do escultor, escribiulle a Preston: "Mr. Hering terminou por fin a moeda de 10 dólares cun relevo lixeiramente inferior ao da moeda [de ouro] francesa de Chaplin, [sic, en realidade Chaplain] que é o relevo máis baixo que Mr. Barber pode cuñar".[24] Mentres tanto, Cortelyou ordenou que se cuñasen 500 pezas na prensa de alta presión da Casa da Moeda a partir dos cuños que esta tiña dos esforzos anteriores de Saint-Gaudens, cumprindo así coa letra da orde do presidente do 7 de agosto. Preston enviou unha nota a Norris, na que o advertía de que era probable que o presidente pedise 100 pezas e lle suxería que tivese as moedas dispoñibles "para que as poida subministrar sen demora".[25] Segundo o historiador numismático Roger Burdette, "tratábase dunha 'póliza de seguro', posta en marcha por Cortelyou contra a furia presidencial".[26] O presidente viu os espécimes de mostra da moeda de 10 dólares o 31 de agosto, e expresou a súa satisfacción con elas e o seu desexo de ver máis cuñadas.[25]
Como o deseño de Saint-Gaudens non incluía unha grafila, o exceso de metal formaba unha "aleta" ou extrusión da moeda. A aleta rompía con facilidade e existía o perigo de que as moedas perdesen peso axiña, o que diminuía a súa utilidade como moeda comercial. Este problema foi solucionado por Barber, quen se encargou de gravar a grafila.[27]
Cuñáronse na prensa de medallas unhas cincocentas pezas a partir dos cuños orixinais de Saint-Gaudens, e distribuíronse na súa maior parte entre funcionarios do goberno. Estas coñécense como pezas de "bordo en liña", o que denota o ángulo agudo no que o campo da moeda se encontra co canto, sen o intermedio dunha grafila.[28] Estiveron dispoñibles para a súa compra na Casa da Moeda polo seu valor nominal polo menos ata 1912.[29] Unha delas acadou nunha poxa en xaneiro de 2011 os 230.000 dólares.[30] Cuñouse un total de 32.000 exemplares utilizando os cuños de Saint-Gaudens modificados por Barber, na súa maior parte utilizando prensas de cuñaxe ordinarias. Estas coñécense como pezas de "bordo redondeado".[31] O 9 de novembro de 1907, cos cuños fabricados a partir dos modelos de baixorrelevo de Saint-Gaudens en plena produción, Frank Leach, o novo director da Casa da Moeda, decidiu fundir 31.950 dos exemplares de bordo redondeado, salvando só cincuenta.[32] Segundo Leach nas súas memorias, estes "entregáronse a museos de arte e a funcionarios e outras persoas relacionadas co traballo".[33] Os exemplares de bordo redondeado que sobreviviron pódense distinguir doadamente das cuñaxes posteriores, xa que teñen puntos antes, entre e despois das palabras TEN DOLLARS ("Dez dólares") no reverso.[32] Un deles, que estivera en posesión da familia Leach durante un século, vendeuse en xaneiro de 2011 por 2.185.000 dólares.[30]
O director da Casa da Moeda, Leach, describiu as pezas nun informe dirixido a Cortelyou no que resumía o proxecto de redeseño:[34]
“ | O anverso da moeda de 10 dólares leva a cabeza emplumada da Liberdade, que orixinalmente estaba destinada á peza dun centavo. Ao presidente gustoulle tanto este deseño que decidiu colocalo na moeda de 10 dólares. Segundo o artista, a cabeza deseñouse consonte as suxestións do presidente. No reverso aparece a aguia en pé, e no canto das moedas hai corenta e seis estrelas, unha por cada estado. | ” |
Saint-Gaudens baseou a súa cabeza da Liberdade nun modelo que esculpira pero non utilizara para a estatua da Vitoria no Monumento a William Tecumseh Sherman, na cidade de Nova York, crendo aínda que o deseño sería aceptado para o centavo. O busto de Harriet Eugenia Anderson tamén inspirou a Saint-Gaudens no seu modelo e baixorrelevo titulado ΝΙΚΗ ΕΙΡΗΝΗ (en grego: "Vitoria e paz").[35]
O seu deseño do reverso era unha aguia de pé sobre un feixe de frechas cunha póla de oliveira aos seus pés.[36] Este foi o seu concepto orixinal para o reverso da moeda de 20 dólares, e garda unha gran similitude co seu reverso para a medalla inaugural.[37] Segundo unha fonte, a súa inspiración final para o reverso foi unha moeda de Tolomeo I de Exipto que representaba unha aguia en pé, ilustrada nun libro que el posuía e que lle prestara a Roosevelt.[38]
Jeff Garrett e Ron Guth cualifican os detalles da moeda como "algo fantásticos"; sinalan a improbabilidade de que unha muller leve un toucado que só levan os guerreiros e describen a palabra LIBERTY do toucado como "colocada de xeito incongruente".[39]
As novas moedas de 10 dólares Cabeza India entraron en circulación arredor do 4 de novembro de 1907, aínda que Leach non recibiu a aprobación formal para emitir as moedas ata o 19 de decembro.[40]
Xa o 7 de novembro apareceron artigos nos xornais nos que se sinalaba a omisión do lema IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") sobre esta moeda, e a Casa da Moeda comezou de camiño a recibir numerosas queixas a este respecto. Roosevelt cría que utilizar o nome de Deus nas moedas era sacrílego, e confirmara con avogados do Goberno que ningunha lei exixía o uso do lema. Saint-Gaudens quería incluír só o mínimo de letras nas novas moedas e parecéralle satisfactorio omitir o lema. Segundo o seu fillo Homer, Saint-Gaudens consideraba que o lema In God We Trust era unha intrusión artística que non exixía a lei, polo que o descartara por completo e, deste xeito, atraeu sobre si os comentarios da poboación".[41][42] A Cámara de Representantes aprobou entón un proxecto de lei que ordenaba o uso do lema nas novas moedas de 10 e de 20 dólares en marzo de 1908, e o Senado fixo o mesmo en maio. Roosevelt, coa opinión pública en contra, asinou a lei ese mesmo mes,[43] e Barber colocou o lema no reverso, á esquerda do peito da aguia.[44]
Nas "pezas sen lema" cuñadas na Ceca de Denver en 1908, a marca de ceca "D" aparece sobre as follas preto das gadoupas da aguia no reverso; nas pezas con lema, cuñadas tanto en Denver como na Ceca de San Francisco (marca de ceca "S") a partir de 1908, a marca de ceca aparece á esquerda da frecha sobre a que se ergue a ave.[45] Barber tamén introduciu outros cambios menores na moeda; segundo Breen, "á parte da adición do lema, ningún dos pequenos cambios de Barber son defendibles como melloras, a menos que un insista en que tiña que aparecer máis do primeiro U de UNUM. Tampouco aumenta a calidade da impresión".[42]
As marcas de ceca de Denver de 1908 a 1910 son moito máis grandes que as dos anos seguintes; as marcas de ceca de San Francisco son sen todos os casos pequenas. Coa admisión de Novo México e Arizona como estados en 1912, o número de estrelas no canto aumentou de 46 a 48.[42]
A moeda cuñouse todos os anos desde 1907 ata 1916.[46] Durante a primeira guerra mundial, coas moedas de ouro cunha prima por riba do valor nominal e moitas pezas de ouro que regresaban de Europa para pagar os materiais de guerra, houbo pouca necesidade de novas moedas de ouro;[47] a cuñaxe dos 10 dólares interrompeuse despois de 1916.[48] Posteriormente, estas moedas cuñáronse só en 1920 (en San Francisco), en 1926 (en Filadelfia), en 1930 (en San Francisco) e as derradeiras emisións en Filadelfia en 1932 e 1933.[49]
En marzo de 1933, o presidente Franklin Roosevelt ordenou que non se liberase máis ouro en forma de moedas do Tesouro e, como resultado, a Casa da Moeda detivo a súa produción de moedas deste metal, pondo fin ás moedas con valor facial de 10 dólares, que comezara en 1795.[50]
O 28 de decembro de 1933, o secretario do Tesouro en funcións, Henry Morgenthau, ordenou aos estadounidenses que entregasen todas as moedas e os certificados de ouro, con limitadas excepcións, para recibiren papel moeda como pagamento.[51] Millóns de moedas de ouro foron fundidas polo Tesouro nos anos seguintes. Moitas das moedas de ouro que se ven hoxe no comercio numismático foran exportadas a Europa antes de 1933 e repatriadas despois de pórse fin ás restricións sobre a posesión de ouro.[52]
Coa excepción das pezas de altorrelevo de 1907, ningunha data ou marca de ceca das tiraxes de circulación da moeda de 10 dólares Cabeza India anteriores a 1920 é particularmente rara.[42] A 1911-D (Denver), cunha cuñaxe de 30.100 exemplares, ten un aumento de cotización en condicións de conservación excepcionais, que non se aprecia xa nos estados máis ordinarios.[53] Malia a súa cuñaxe de 126.500 exemplares, a 1920-S (San Francisco) é dunha rareza superior. Foi pouco coleccionada no seu momento, e con Europa aínda recuperándose da guerra, non se produciu moita exportación cara ao vello continente; en consecuencia, a maioría foron fundidas despois de 1933.[48]
Por outra parte, só un puñado de moedas de 1933 chegaron a ser distribuídas antes de que Roosevelt puxese fin ao pagamento de ouro, e practicamente toda a cuñaxe, de 312.500 exemplares, acabou refundíndose. Un dos exemplares que se conservou vendeuse en 2004, nunha condición de conservación perfecta (o mellor exemplar coñecido desa data) por 718.750 dólares.[54] Sábese que sobreviviron aproximadamente 40 espécimes datados en 1933.[55]
En paralelo ás emisións para a súa posta en circulación, cuñáronse exemplares con acabamento especial proof (fondo espello e relevo mate) desde 1907 ata 1915, todas en Filadelfia. Non se coñecen con exactitude todas as cantidades, pero a máis alta da que se sabe o número cuñado é a de 1910, cunha tiraxe de 204 (unha delas vendeuse por 80.500 dólares en 2006). Un dos exemplares superviventes das pezas de bordo redondeado, na súa maioría fundidas, corresponde a este acabamento especial proof; este exemplar único está en mans privadas.[56] O experto numismático Mike Fuljenz, no seu libro sobre as pezas de ouro con deseños indios cuñadas a principios do século XX, suxire que esta moeda era unha peza de proba, para comprobar o resultado dos novos cuños.[57] Coñécense diferentes acabamentos para as moedas proof. A única peza de 1907 ten un acabamento satinado, nos deseños en relevo, aínda que os exemplares proof posteriores se cuñaron cun acabamento mate escuro. Algúns exemplares proof de 1908 a 1910 cuñáronse cunha tonalidade máis clara.[56]
Na moeda de 10 dólares Cabeza India, a marca de ceca aparece como unha inicial en tamaño pequeno, á esquerda da data non anverso, agás na emisión de 1908 "sen lema", na que aparece non reverso encima das follas, preto das gadoupas da aguia.
Ano | Ceca | Tiraxe [1][2][58] | ||
---|---|---|---|---|
Proof | Circulación | |||
1907 | 239.456 | |||
1908 | sen lema | 35.500 | ||
sen lema | D | 210.000 | ||
con lema | 116 | 341.370 | ||
con lema | D | 836.500 | ||
con lema | S | 59.850 | ||
1909 | 74 | 184.789 | ||
D | 121.540 | |||
S | 292.350 | |||
1910 | 204 | 318.500 | ||
D | 2.356.640 | |||
S | 811.000 | |||
1911 | 95 | 505.500 | ||
D | 30.100 | |||
S | 51.000 | |||
1912 | 83 | 405.000 | ||
S | 300.000 | |||
1913 | 71 | 442.000 | ||
S | 66.000 | |||
1914 | 50 | 151.000 | ||
D | 343.500 | |||
S | 208.000 | |||
1915 | 75 | 351.000 | ||
S | 59.000 | |||
1916 | S | 138.500 | ||
1920 | S | 126.500 | ||
1926 | 1.014.000 | |||
1930 | S | 96.000 | ||
1932 | 4.463.000 | |||
1933 | 312.500 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.