pobo indíxena de filiación nahua que fundou Tenochtitlán From Wikipedia, the free encyclopedia
Os aztecas -chamados así na historiografía tradicional-, ou mexicas,[1] foron un pobo indíxena de filiación náhuatl que fundou Tenochtitlán e ó redor do século XV converteuse no centro dun dos estados máis extensos que coñeceu Mesoamérica asentado nun illote ó poñente do lago de Texcoco hoxe practicamente seco, sobre o que se asenta a actual Cidade de México, e que corresponde á localización xeográfica da mesma. Aliados con outros pobos da cunca lacustre do Val de México -Tlacopan e Texcoco- os mexicas someteron a varios pobos indíxenas que se asentaron no centro e no sur do territorio actual México agrupados territorialmente en altépetl.
As palabras náhuatl (aztecatl [asˈtekat͡ɬ], singular)[2] e (aztecah [asˈtekaʔ], plural)[2] significan "pobo de Aztlan",[3] un lugar mítico considerado a orixe de varios grupos étnicos no centro de México. O vocábulo non foi usado como endónimo polos propios aztecas, mais si se atopa nas diferentes informes sobre migracións dos mexica, onde se describen as distintas tribos que deixaron xuntas Aztlan. Nun relato sobre a viaxe dende Aztlan, Huitzilopochtli, a deidade tutelar da tribo mexica, di aos seus seguidores na viaxe que "agora xa non se chama azteca, agora xa son mexitin [Mexica]".[4]
No uso actual, o termo "azteca" refírese a miúdo exclusivamente ao pobo mexica de Tenochtitlan (hoxe Cidade de México), situada nunha illa do lago Texcoco, que se referían a si mesmos como Mēxihcah (pronunciación en náhuatl: [meːˈʃiʔkaʔ], a designación tribal que incluía o Tlatelolco), Tenochcah (pronuncia en náhuatl: [teˈnot͡ʃkaʔ], referíndose só aos mexica de Tenochtitlan, excluíndo Tlatelolco) ou Cōlhuah (pronuncia en náhuatl: [ˈkoːlwaʔ], referíndose á súa xenealoxía real que os unía a Culhuacan).[5][6]
Ás veces o vocábulo tamén inclúe os habitantes das dúas principais cidades-estado aliadas de Tenochtitlan, os acolhuas de Texcoco e os tepanecos de Tlacopan, que xunto cos mexica formaron a Triple Alianza Azteca que controlaba o que se coñece a miúdo como o "Imperio Azteca". O uso do termo "azteca" para describir o imperio centrado en Tenochtitlan foi criticado por Robert H. Barlow que prefería a expresión "Culhua-Mexica",[5][7] e por Pedro Carrasco que prefiría a expresión "Imperio Tenochca".[8] Carrasco escribe sobre o termo "azteca" que "non serve para comprender a complexidade étnica do antigo México e para identificar o elemento dominante na entidade política que estamos a estudar".[8]
Noutros contextos, azteca pode referirse a todas as cidades estados e aos seus pobos, que compartían gran parte da súa historia étnica e trazos culturais cos mexica, os acolhuas e os tepanecos e que a miúdo tamén usaron a lingua náhuatl como lingua franca. Un exemplo é Law and Politics in Aztec Texcoco, de Jerome A. Offner.[9] Neste sentido, é posible falar dunha "civilización azteca" que inclúe todos os patróns culturais particulares comúns á maioría dos pobos que habitaban o centro de México a finais do período posclásico.[10] Tal uso tamén pode estender o vocábulo "azteca" a todos os grupos do centro de México que se incorporaron cultural ou politicamente á esfera de dominio do imperio azteca.[11]
Cando se usa para describir grupos étnicos, o termo "azteca" refírese a varios pobos de fala náhuatl do centro de México no período posclásico da cronoloxía mesoamericana, especialmente os mexicas, o grupo étnico que tivo un papel principal no establecemento do imperio hexemónico con sede en Tenochtitlan. O termo esténdese a outros grupos étnicos asociados ao imperio azteca, como os acolhua, os tepanecos e outros que se incorporaron ao imperio. Charles Gibson enumera unha serie de grupos no centro de México que inclúe no seu estudo The Aztecs Under Spanish Rule (1964). Estes inclúen os culhuaque, os cuitlahuaque, os mixquica, os xochimilca, os chalca, os tepaneca, os acolhuaque e os mexica.[12]
No uso máis antigo o vocábulo usábase normalmente sobre os grupos étnicos modernos que falaban náhuatl, xa que o náhuatl anteriormente se refería como a "lingua azteca". No uso recente, estes grupos étnicos son chamados pobos nahua.[13][14] Lingüisticamente, o termo "azteca" aínda se emprega sobre a rama das linguas uto-aztecas (tamén ás veces chamadas linguas yuto-nahuan) que inclúen a lingua náhuatl e as súas parentes máis próximas pochutec e pipil.[15]
Para os propios aztecas a palabra "azteca" non era un endónimo para ningún grupo étnico en particular. Pola contra, era un termo paraugas usado para referirse a varios grupos étnicos, non todos falantes do náhuatl, que reclamaban a herdanza do mítico lugar de orixe, Aztlan. Alexander von Humboldt orixinou o uso moderno de "azteca" en 1810, como un termo colectivo aplicado a todas as persoas vinculadas por comercio, costume, relixión e lingua ao estado mexica e á Triple Alianza. En 1843, coa publicación do traballo de William H. Prescott sobre a historia da conquista de México, o termo foi adoptado pola maior parte do mundo, incluídos eruditos mexicanos do século XIX que o vían como un xeito de distinguir os mexicanos contemporáneos dos mexicanos anteriores á conquista. Este uso foi obxecto de debate nos últimos anos, mais o termo "azteca" aínda é máis común.[6]
A orixe dos mexicas sitúase entre o grupo de falantes de náhuatl do norte do actual México e devanceiros dos asentados durante a chamada etapa chichimeca. tradicionalmente pensouse que houbo unha división raza entre Aridoamérica -con grupos cazadores e recolectores principalmente- e Mesoamérica, con pobos sedentarios e agricultores. Grazas ós estudos mais recentes sábese que non foi así e que a diversidade étnica permitiu a moitos grupos de orixe chichimeco posuír diferentes graos de estratificación e sedentarismo, segundo as variantes rexionais e as condicións ambientais onde se asentaron. Por iso ó ter un contacto maior con grupos mesoamericanos adoptan modos e usos civís que xa tiñan dalgunha forma no norte do actual México.
No século XII desintegrouse Tollan, provocando unha dispersión demográfica de grupos tolteca-chichimecas que avanzaron sobre Cholula, ocupándoa logo de derrotar ós grupos olmeca-xicalancas alí asentados coa axuda militar concertada polos xefes Icxicóuatl e Quetzalteueyac, líderes dos cholultecas, en Chicomoztoc. Alí obtiveron o apoio dos totomiauques, dos cuauhtinchantlacas, dos acolhúas chichimecas, dos texcaltecas, dos malpantecas, dos zacatacas e dos tzauctecas. Dita alianza militar derrotou ós olmeca-xicalancas asentados no altiplano central dos atepetl de Xochimilco, Ayapanco, Teciuhquemecan, Texalucan, Tilihuacan Cuiloc e Auzolco, provocando o asentamento e procesos maiores de interrelación étnica.
Grupos chichimecas inmigrantes do norte non deixarán de migrar cara ao Altiplano Central e os vales de Puebla e Tlaxcala, orixinando maiores conflitos e alianzas entre altépetl.
Os mexicas foron a última gran migración chichimeca cara ao Altiplano Central, o cal ocorreu entre os séculos XII e Século XIV o mito mexica oficial enuncia a súa orixe mítica en Aztlán, unha illa orixinaria de onde prtiron por designios divinos. A evidencia histórica mostra que a idea de Aztlan responde xunto a outros moitos simbolismos e difrasismos mexicas,a unha concepción mítica e arquetípica do illote México-Tenochtitlán, no que o mito fraguou xa co esplendor de dita urbe, amais de que as fontes documentais mencionan unha asimilación do mesoamerican dende as primeiras migracións.
Segundo os mexicas a saída da illa fíxose en sete grupos denominados calpultin, do que era o máis forte os huitznahuaque, que tiñan como deus tutelar a Huitzilopochtli, na compaña dos teomamaques ou sacerdotes que portaban os diversos tlaquimilollis ou vultos sagrados, que contiñaChapultepec polos altépetl de n despoxos dos devanceiros ou diversos obxectos moi sagrados para as aínda tribos. O Códice Boturini enuncia a ruta oficial feita polos mexicas, que incluíu sitios de Hidalgo e México dos que foron sucesivamente expulsdados. Naquel tempo había xa moitos altépetl que contaban con séculos de asentamento e cun grao superior de civilización e asimilación da tradición mesoamericá da que os mexicas tomarán todo o seu coñecemento. O altépetl de Texcoco dos acolhúas incluso na maior etapa de esplendor mexica seguiu conservando unha supremacía intelectual sobre México-Tenochtitlán (cunha amoxcalli ou casa dos libros esplendorosa) e unha postura moral sobre os mexica de tipo nobre ecomo posuidores dunha cultura mais anterga. ó chegares os mexicas á cunca de México atoparon un panorama político complexo e asentado, así como o sometimento por parte dos tepanecas de Aztcapotzalco a case tódolos altépetl. Logo de saír expulsados de Chapultepec polos altépetl de Aztcapotzalco, Xaltocan, Culhuacan e Xochmilco, asentanse en Tizapan, dominio territorial de Culhuacan, o cal abandonan pola dureza das condicións e un enfrontamento cos culhuacas, dirixíndose cara a rexión de Texcoco antes de elixir un illote onde xa existían asentamentos previos segundo evidencias arqueolóxicas.
Segundo a historia aceptada oficialmente, nun illote o poñente do Lago Texcoco fundaron os mexicas México-Tenochtitlán no ano 2 Calli ou 1325 onde se cumpriu segundo o mito oficial, a prfecí dunha aguia engulindo unha serpe enriba dun nopal. Agora sábese que os mexicas se estableceron previamente en diversas poboacións, incluso fundaron algunhas cidades. A información cifrada nos documentos revela que xa habitaban o illote dende 1274 o asentamento final incluíu a aceptación de Aztcapotzalco como altéptl supremo, tributándolle periodicamente e unha condición xeral de obediencia. O illote estaba cuberto de carrizas, tulares e unha grande diversidade subacuática que lles permitirá a supervivencia e unha posición militar estratéxica, se ben os primeiros anos as súas condicións de vida serán precarias.
A chegada dos conquistadores españois en 1523, baixo o mando de Hernán Cortés, acabou co Imperio Azteca. Cuauhtémoc, o último monarca azteca, foi asasinado e a súa capital, Tenochtitlán, destruída polo lume.
México-Tenochtitlan estaba situado sobre un illote ao occidente do lago de Texcoco, na área lacustre da conca de México. A cultura mexica ocupou a maior parte do centro e do sur do actual México, estendéndose dende o poñente do val de Toluca, abranguendo case todos os estados de Veracruz e Puebla no centro; Hidalgo, México e Morelos, no sur; gran parte dos estados de Guerrero e Oaxaca e ademais a Costa de Chiapas ata a fronteira con Guatemala. Non obstante, quedaban fóra dos seus dominios os señoríos de Meztitlán (en Hidalgo), Teotitlán e Tututepec (en Oaxaca), purépechas (en Michoacán), Yopitzingo (en Guerrero) e Tlaxcala.
A conca de México é unha entidade xeográfica de máis de 7800 quilómetros cadrados de superficie que se localiza na parte meridional do Altiplano Central de México. Trátase dunha conca limitada por cadeas de altas montañas en forma de anfiteatro, que tiña no medio un sistema lacustre integrado polos lagos Zumpango, Xaltocan, Texcoco, Xochimilco e Chalco. Onde o nivel era baixo e as augas doces, como nos lagos de Xochimilco e Chalco, era posible o cultivo chinampero. Entre os 2270 e os 2750 metros sobre o nivel do mar está comprendida a área de somonte, cunhas terras fértiles propicias para o desenvolvemento de bosques así como para a práctica agrícola extensiva. A partir dos 2750 metros sobre o nivel do mar as abas están dominadas por bosques de coníferas e poboadas por fauna maior. A pesar de estar situada ao sur do Trópico de Cáncer, a conca de México contaba na época prehispánica cun clima temperado con precipitacións medias de 700 milímetros anuais.
A educación universal obrigatoria dos nenos ata os catorce anos estaba en mans dos seus pais, mais supervisada polas autoridades dos seus calpulli. Parte desta educación consistía na aprendizaxe dunha colección de refráns, chamados huēhuetlàtolli ("refráns dos vellos"), que representaban os ideais aztecas.
Había dous tipos de escolas: telpochcalli, para os estudos prácticos e militares, e calmécac, para aprendizaxes especializadas na escritura, na astronomía, na teoloxía e no liderado.
A relixión azteca foi a síntese das crenzas e tradicións milenarias dos antigos pobos mesoamericanos, dunha complexidade que implicaba a propia existencia, a creación do universo e a situación do ser humano con respecto ao divino, estreitamente ligada á agricultura e á chuvia. O concerto humano tiña a súa razón de ser na natureza divina e implicaba diversos conceptos, dos cales os aztecas eran os herdeiros dun núcleo relixioso mesoamericano construído ao longo de moitos séculos.
Como afirmou o erudito Alfredo López Austin, na concepción mesoamericana a materia integrouse nunha parte animada (visible, tanxible) e outra cunha carga interna con dúas forzas, unha brillante, quente e seca e a outra escura, fría e húmida, semellante á noción do cosmos (que sintetizaba unha crenza cosmogónica de que a parte luminosa era a bóveda celeste ata o lugar onde moraba o sol —de características masculinas/paternas, producindo chuvia fértil— e a parte escura co submundo —feminino/destinatario materno da chuvia fertilizante e lugar de concepción humana e natural). Os deuses estaban integrados de xeito variado por estas dúas materias e mantiñan unha comunicación constante cos humanos, que podían chegar a "aloxarse" nos corpos mundanos dun xeito intenso (convertendo o ser habitado no propio deus, como nos festivais en que sacrificaban un nobre que estaba habitado por Xipe Tótec) ou de xeito lixeiro provocando perversións ou virtudes.
Estas forzas impregnaban todo o habitado na Terra e o seu equilibrio caracterizab a orde micro e macrocósmica, que había que manter. No caso azteca, unha sólida elite sacerdotal posuía o poder da comunicación e o equilibrio como unha forma de submisión ideolóxica co groso da poboación, neófito nas explicacións cosmogónicas. As festas relixiosas pretendían equilibrar a vontade creativa contra a destrutiva ou prexudicial e garantir así a continuidade dos ciclos, dende o vital ata o agrícola. Foi ata os pobos posclásicos cando a combinación destas crenzas xunto coa necesaria renovación vital e a reciclaxe das forzas vitais tiveron no sangue humano a expresión viva do ritual da continuidade. Por esta razón, sacrificábase os humanos invadidos polas forzas divinas e que eran inmolados para renovar os poderes dos deuses "humanizados" ou na procura de comida (auga preciosa ou atl-tlachinolli), vital para asegurarse o tránsito celeste. A partir da reforma de Tlacaélel, materializouse a crenza para os aztecas de que o sangue era o alimento de Tonatiuh, que se transportaba polo ceo en dúas serpes enormes. Esta crenza represéntase na Pedra do Sol. En relación con isto, cómpre mencionar que as elites políticas, relixiosas e militares practicaban o canibalismo ritual coas vítimas dos sacrificios.
Quetzalcóatl era un deus antigo, anterior aos aztecas, do que existen diferentes versións: para algúns era o creador do ser humano, mentres que para outros era un deus civilizador. Tamén é coñecido como o deus do vento baixo o nome de Ehécatl, que é unha das súas formas, e outra das súas formas é a do deus da auga e o deus da fertilidade. Quetzalcóatl está considerado o fillo da deusa virxe Coatlicue e irmán xemelgo do deus Xólotl. Como introdutor da cultura, trouxo ao ser humano a agricultura e o calendario, e é o patrón das artes e oficios. Nun mito azteca, o deus Quetzalcóatl deixouse seducir por Tezcatlipoca, mais lanzouse a unha pira funeraria cheo de arrepentimento. Despois da súa morte, o seu corazón converteuse na estrela da mañá e, como tal, está ligado á divindade Tlahuizcalpantecuhtli. En calquera caso, este deus, descrito como un ser de cara branca e barbudo, era un deus pacífico e civilizador, oposto ao sacrificio humano, que intentou deter esta práctica ritual. Fracasado no seu propósito, emigrou cara ao leste, prometendo que un día regresaría nun ano dado da conta azteca. O mito de Quetzalcóatl é interesante para comprender a reacción dos aztecas á chegada dos conquistadores españois.
Os aztecas eran un bo pobo escultor xa que facían esculturas de todos os tamaños en que reflectían temas relixiosos ou da natureza. Capturaron a esencia do que querían representar e logo realizaron os seus traballos con moito detalle. Nas esculturas máis grandes adoitaban representar deuses e reis. As máis pequenas empregábanse para representacións de animais e obxectos comúns. Os aztecas empregaban pedra e madeira e ás veces decoraban as esculturas con pintura de cores ou incrustadas con pedras preciosas.
A música, as cancións e o baile acompañaban todas as cerimonias de carácter relixioso, matrimonios, funerais, sacrificios, as de carácter político como o ascenso dun novo líder, as de carácter guerreiro e mesmo as festas relacionadas cos ciclos do calendario. Os bailes relixiosos realizábanse nos patios dos templos.
Sen dúbida, os tres astros que máis chamaron a atención dos aztecas foron o Sol, a Lúa e o planeta Venus, razón pola cal estas estrelas deron lugar a grandes crenzas e mitos. Por unha banda crían que a Lúa era un deus que se sacrificara e, por outra, que era o fillo de Tlaloc. Pensaban que as manchas vagamente visibles estaban feitas por coellos. Do mesmo xeito, atribuíronlle a morte e a reactivación do seu ambiente (por exemplo: vexetación, menstruación etc.) Debido á súa forma de "desaparecer" e "reaparecer". A Lúa representaba a feminidade, a fertilidade, a vexetación e tamén a borracheira, tendo como símbolo tecciztlì (o caracol de mar), que á súa vez é o símbolo do sistema reprodutivo feminino. Cando se producía unha eclipse, pensaban que a Lúa morría (por esta razón era un deus sacrificado) e representábana como unha deusa en oposición ao Sol (estrela masculina). Na antiga Teotihuacan, os homes eran sacrificados ao Sol e as mulleres á Lúa. En certos aspectos a Lúa está relacionada coa auga, nos manuscritos represéntase en forma de recipiente en forma de media lúa cheo de auga, destacando a silueta do coello.
As deusas (como a da auga) non teñen poucos atributos en común, especialmente na súa roupa. Os deuses da borracheira (sendo varios, xa que hai varias formas de emborracharse) como o do "pulque" eran considerados divindades lunares, xa que se considerou a causa de abundantes cultivos, facendo que os deuses da borracheira fosen deuses das colleitas abundantes e da protección do banquete, verdadeiras festas de bebidas para celebrar a abundancia. Chamábanse Centzon Totochtin, os "catrocentos coellos", mais ao analizar os seus nomes decátase de que se refiren a nomes de cidades (por exemplo, Tepoztlán, poboado nahua no val de Cuernavaca), isto explícase porque se agrupaban deuses locais para cada colleita e cada festa. Sen dúbida, o máis importante dos catrocentos coellos foi Ometochtli "Deus coello". Estes deuses foron tan importantes que se lles consagraron varios himnos relixiosos.
O planeta Venus chamábase Hueycitlalin (a "grande estrela"). No seu aspecto deus era Tlahuizcalpantecuhtli. Varios manuscritos representan este deus como un arqueiro. Temíase como causa de doenzas e, para evitalas, procurábase reparar as gretas das casas e pechar calquera oco nelas cando Venus se dirixía cara ao horizonte occidental.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.