Max Weber
From Wikipedia, the free encyclopedia
Maximilian Weber, nado o 21 de abril de 1864 en Erfurt e finado o 14 de xuño de 1920 en Múnic, foi un economista e sociólogo alemán, considerado un dos fundadores do estudo moderno antipositivista, da socioloxía e da administración pública.
A pesar de ser recoñecido como un dos pais da socioloxía, xunto con Karl Marx, Auguste Comte e Émile Durkheim,[1] Weber nunca se viu a si mesmo como sociólogo, senón como historiador;[2] para el, a socioloxía e a historia eran dúas empresas converxentes. Con todo, sobre o final da súa vida en 1920, escribiu nunha carta ao economista Robert Liefmann: "Se me convertín finalmente en sociólogo (porque tal é oficialmente a miña profesión), é sobre todo para exorcizar a pantasma aínda viva dos conceptos colectivos (...)".[3]
Os seus traballos máis importantes relaciónanse coa socioloxía da relixión e o goberno, pero tamén escribiu moito no campo da economía. A súa obra máis recoñecida é o ensaio Die protestantische Ethik und der 'Geist' des Kapitalismus (en galego, A ética protestante e o espírito do capitalismo), que foi o inicio dun traballo sobre a socioloxía da relixión.[4] Pero a recompilación Wirtschaft und Gesellschaft (en galego, Economía e sociedade), publicada postumamente entre 1921 e 1922, é a suma máis completa e sistemática das súas ideas e conceptos.
Weber argumentou que a relixión foi un dos aspectos máis importantes que influíron no desenvolvemento das culturas occidental e oriental. Noutras das súas obras famosas, Wissenschaft als Beruf (en galego, A ciencia como vocación), e Politik als Beruf (en galego, A política como vocación), Weber definiu o Estado como unha entidade que ostenta o monopolio da violencia e os medios de coacción, unha definición que foi fundamental no estudo da ciencia política moderna en Occidente.[5][6][7]