![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/64/Heidegger_2_%25281960%2529.jpg/640px-Heidegger_2_%25281960%2529.jpg&w=640&q=50)
Martin Heidegger
filósofo alemán / From Wikipedia, the free encyclopedia
Martin Heidegger, nado en Messkirch (Baden-Württemberg) o 26 de setembro de 1889 e finado en Friburgo o 26 de maio de 1976, foi un filósofo alemán. Esta considerado o pensador e o filósofo alemán máis importante do século XX.[1][2][3][4][5][6] Aínda que o seu traballo influíu sobre todo na Fenomenoloxía e na filosofía europea contemporánea, tivo igualmente influencia máis aló desta, en campos como a Arquitectura, a Crítica literaria, a Teoloxía e as ciencias cognitivas.[7]
Nos seus comezos foi discípulo de Edmund Husserl, estivo inmerso no proxecto fenomenolóxico do seu mestre e o seu interese centrouse rapidamente na pregunta polo sentido do ser. Esta pregunta guiará gran parte do seu pensamento e é con ocasión do seu intento de darlle unha "resposta" coa obra Ser e tempo, publicada en 1927, cando vai adquirir unha gran notoriedade internacional, incluso máis alá dos campos especificamente filosóficos.
Na década de 1930 ten lugar aquilo que se denominou o Xiro (en alemán, Die Kehre) da súa filosofía, coas súas obras Carta sobre o humanismo e Introdución á metafísica. Tratou así de preparar un novo camiño para o seu pensamento que se mantivera afastado da metafísica. Segundo Hans-Georg Gadamer, este termo acabou agrupando todas as proposicións contra as que Heidegger desenvolveu a súa filosofía.[8]
A influencia de Heidegger na filosofía francesa foi particularmente notable. Isto déixase notar sobre todo en filósofos coma Jean-Paul Sartre, Jean Beaufret, Emmanuel Levinas, Jacques Derrida, Maurice Merleau-Ponty ou Michel Foucault.[9][lower-alpha 1]
Así mesmo, Heidegger é un dos filósofos cuxa personalidade e obra xeraron máis controversia pola súa actitude durante os anos 1933 e 1934, mentres foi reitor da Universidade de Friburgo trala chegada de Adolf Hitler ao poder en 1933. Ademais de ser un dos principais intelectuais do movemento revolucionario conservador,[11][12][13][14][15] foi membro e seguidor do Partido Nazi,[16] aínda que existe controversia entre a concordancia da súa filosofía co nazismo.[17][18]