From Wikipedia, the free encyclopedia
Macedonia é un termo que foi fonte de confusión e de debate debido a que se usou para designar, ao longo do tempo, múltiplas e diversas áreas xeográficas, políticas, históricas, lingüísticas e demográficas. Os grupos étnicos que viven na zona denominaron da mesma maneira a diversas entidades e de diferentes formas a unha única entidade, o que xerou, e xera, problemas tanto para os seus habitantes como para os estranxeiros.
Historicamente, a rexión estivo marcada polos continuos cambios políticos na historia da península Balcánica. En canto á xeografía, non existe unha definición clara dos límites da rexión e os nomes das súas subdivisións non son aceptadas nin por académicos nin polos seus propios habitantes. No caso da demografía, na zona habitan principalmente catro grupos étnicos, tres dos cales se autodefinen como "macedonios": un grupo sudeslavo, que o fai a nivel nacional, e un búlgaro e outro grego, que o fan a nivel rexional. Lingüisticamente, os nomes e orixes das linguas faladas na zona son tema de gran controversia, mentres que no mundo político, o uso do nome de Macedonia xerou incluso unha intensa disputa diplomática entre os estados de Grecia e Macedonia do Norte, conflito que se mantén sen solución definitiva a pesar da intervención das Nacións Unidas.
Existen tres teorías sobre a orixe do nome "Macedonia". De acordo coa mitoloxía grega, Macedón era o nome do xefe da tribo que se asentaría na rexión e que fundaría o Reino de Macedonia. Segundo Heródoto, os makednoí eran unha tribo doria.[1]
O nome tamén podería derivar do adxectivo μακεδνός (makednós), que significa "alto", e que usou Homero para designar unha árbore na Odisea,[2] e que segundo o gramático Hesiquio de Alexandría sería unha palabra do dórico que significaría "grande" ou "pesado".[3] Comunmente crese que tanto os macedonios como os seus antecesores makednoí eran considerados persoas de grande estatura.[4][5][6]
Unha terceira hipótese suxire que o nome makedónes significaría "habitantes das terras altas", de acordo cun antigo termo do antigo idioma macedonio, μακι-κεδόνες (maki-kedónes, "do alto planeta").[7][8] A World Book Encyclopedia acepta esta teoría, pero baseada no termo grego makednós que se referiría ás altas montañas da zona.
Reino de Macedonia | Provincia romana de Macedonia |
---|---|
Thema bizantino | Dominación otomá |
Extensión do territorio histórico de Macedonia |
O antigo Reino de Macedonia, que existiu entre os séculos VII a.C. e II a.C., foi o primeiro Estado que se asentou na rexión xeográfica homónima. As súas fronteiras eran máis ou menos constantes, aínda que non está claro se certas zonas interiores, como Lincestis, formaban parte do reino en si ou eran estados independentes en constante loita contra os reis macedonios.
Durante o reinado de Filipo II, Macedonia expandiuse considerabelmente, incluíndo a zona da península Calcídica e territorios ao norte en dirección ao río Danubio. Filipo terminou gobernando sobre gran parte de Grecia e o seu reino expandiríase muito máis cando o seu fillo, Alexandre o Grande, o converteu nun imperio que gobernou gran parte do mundo coñecido até o momento.
Coa morte de Alexadre, Macedonia volveu ser un pequeno reino debido a que o Imperio se dividiu en varios estados. Tras a súa conquista polos romanos nas chamadas Guerras Macedónicas, o Senado Romano estableceu a provincia de Macedonia, cuxa extensión variou ao longo dos séculos e, a partir do emperador Constantino, formou a Diocese de Macedonia, que era parte da Prefectura de Illyricum.
Cando a rexión pasou a ser parte do Imperio bizantino, o thema establecido baixo o mesmo nome estaba situado nunha zona moito máis ao oriente, excluíndo a Calcídica e mesmo a zona de Tesalónica.
Posteriormente, o Imperio Otomán, que gobernou o territorio até o século XIX nunca tivo en dita zona unha unidade administrativa co nome de Macedonia.
As entidades políticas que algunha vez levaron o nome "Macedonia" durante a antigüidade son:
O reino mantívose cunha moito menor extensión até que foi dividido en catro repúblicas por Roma no ano 168 a.C.
Cando en 1904 gran parte do seu territorio foi posto baixo administración internacional, Macedonia estaba dividida entre os distritos de Tesalónica, Monastir, Üsküb, Kosovo, Drama e Serrai.[12][13][14][15] Entre 1912 e 1913, a rexión foi repartida entre os estados independentes balcánicos tras a súa vitoria sobre os otománs na Primeira Guerra Balcánica. As fronteiras entre Grecia, Serbia e Bulgaria terminarían de definirse despois da Segunda Guerra Balcánica e a primeira guerra mundial, e son esencialmente as existentes no día de hoxe.
Desde o inicio da Guerra de independencia de Grecia, o goberno provisional de dito país reclamou Macedonia como parte do territorio nacional grego pero, segundo o tratado de Constantinopla de 1832 que definiu as fronteiras tras a súa independencia do Imperio Otomán, o límite norte do país estaba na liña Arta – Volos, deixando fóra a Macedonia.[16] Cando o Imperio Otomán comezou a disgregarse, Macedonia foi reclamada por todos os membros da denominada Liga Balcánica (Serbia, Montenegro, Grecia e Bulgaria) e tamén por Romanía. De acordo ao tratado de San Stefano que puxo fin á Guerra Ruso-Turca de 1877-1878, toda a rexión macedonia foi incluída en Bulgaria, a excepción da zona de Tesalónica. Porén, o Congreso de Berlín de 1878 devoleu gran parte da rexión ao Imperio turco.
En 1912 comezou a Primeira Guerra Balcánica cando os exércitos da Liga Balcánica invadiron e ocuparon o territorio macedonio. Tras a vitoria sobre os turcos, os membros da Liga tiveron diferenzas a causa da repartición do territorio conquistado, o que levou ao estalido da Segunda Guerra Balcánica. Como resultado desta última contenda, o indefinido territorio de Macedonia foi dividido entre Grecia, Bulgaria e Serbia, que estableceron as súas fronteiras definitivas en 1913 no Tratado de Bucarest, as cales mantéñense esencialmente até a actualidade.
As entidades políticas que existiron ou existen durante este período de tempo co nome de "Macedonia" son as seguintes:
A elección do nome Macedonia pola Antiga República Iugoslava de Macedonia (ARIM)[20] leva directamente ao tema da usurpación do patrimonio cultural do seu país veciño. Este nome constitúe a base para reclamar dereitos sobre toda a rexión xeográfica de Macedonia. Máis especificamente, o chamar unicamente aos eslavomacedonios como "macedonios" monopoliza o uso deste nome e crea confusión semiolóxica e viola o dereito de autodeterminación dos macedonios gregos. O uso deste nome pola ARIM tamén pode crear problemas económicos e, consecuentemente, converterse nun trampolín de distorsión da realidade e a base para actividades afastadas dos estándares propostos pola Unión Europea, especialmente a cláusula de boas relacións cos países fronteirizos. O mellor exemplo disto pode verse no contido dos textos escolares da ARIM. [21]Ministerio de Asuntos Exteriores de Grecia, 2006.
Macedonia (como un termo xeográfico actual) refírese en xeral a unha rexión da península Balcánica, no sur de Europa, que comprende entre 60 000 e 70 000 km2. Aínda que non existe ningunha definición oficial por parte de ningunha organización internacional ou estado, nalgúns contextos a rexión aparece delimitada polas concas dos ríos Haliacmón, Vardar e Estrimón e as chairas próximas a Tesalónica e Serrai.
Nun contexto histórico a rexión presentou notábeis variacións nas súas fronteiras ao longo dos Balcáns, despois de que os seus límites foran definidos xeralmente de acordo coas necesidades administrativas dos seus conquistadores. Durante a dominación otomán, que durou cinco séculos, Macedonia non foi unha división administrativa, como quedou dito.[22] O xeógrafo H. R. Wilkinson afirma que se ben a rexión "desafía definicións", a maioría dos cartógrafos están de acordo "na súa situación xeral".[23] Macedonia xa estaba bastante ben definida contra 1897, cando William Ewart Gladstone propuxo unha "Macedonia para os macedonios", na que se incluía implicitamente a todos os habitantes da rexión, sen importar a súa etnia,[24] pero as diferentes nacións balcánicas comezarían a proclamar os seus dereitos despois da sinatura do Tratado de San Stefano de 1878 e logo da súa revisión no Congreso de Berlín.
Varios mapas etnográficos elaboráronse durante este período de controversia; moitos deles difiren principalmente nas zonas designadas para cada nacionalidade dentro de Macedonia. Isto debeuse en parte ao resultado das diferentes alternativas para a definición: aos habitantes de Macedonia podían asignárselles diferentes nacionalidades dependendo de se a clasificación se realizaba baseándose na relixión, na ascendencia, no idioma, na identidade ou por decisión persoal.
Ademais, os censos otománs que tomaban como base a relixión eran adoito malinterpretados; a ascendencia ou raza eran definidas sobre todo mediante conxecturas; os habitantes da rexión podían falar máis dunha lingua, por exemplo, unha na súa casa e outra fóra dela e, por outro lado, os diversos dialectos podían ser definidos como derivacións de diversas linguas (por exemplo, serbio, macedonio ou búlgaro).
Os mapas tamén difiren nos límites asignados a Macedonia. As únicas fronteiras indiscutíbeis eran o mar Exeo polo sur e as fronteiras de Serbia e Bulgaria anteriores a 1885; se Macedonia limitaba cos territorios da Serbia medieval, Albania ou Tracia (partes da Rumelia otomá) ten sido orixe de debate.[23] Algúns etnógrafos, como o grego Cleanthes Nicolaides, o austríaco Meinhard e o búlgaro Vasil Kǎnčev, aceptaron como fronteira as montañas Šar e as de Crna Gora,[25] tal como o facían algúns estudosos anteriores a 1878;[23] porén, algúns especialistas como o serbio Gopčevič estableceron unha liña moito máis ao sur, deixando toda a rexión entre Skopje e Strumica na "Vella Serbia", noción que foi apoiada por algúns xeógrafos modernos de Grecia.[23]
Ademais, algúns mapas varían nalgúns detalles, especialmente respecto a que cidades e localidades eran ou non macedonias. Un mapa italiano inclúe a Prizren, mentres que Nicolaides e Meinhard trazaron os seus límites xusto ao sur. Cara ao sur e o oeste, Grevená, Korçë e Konitsa varían en diversos mapas, mentres carta ao leste, usualmente a liñaa toma o curso do río Mesta cara ao norte, aínda que nun mapa dun xeógrafo alemán a liña se encontra moito máis cara occidente, excluíndo por exemplo a Bansko e Nevrokop.[23]
A rexión de Macedonia divídese comunmente en tres grandes rexións e dúas menores,[30] especialmente na discusión da chamada "cuestión macedonia". Aínda que estes termos son utilizados por académicos neutrais, foron adoptados pola literatura de carácter irredentista.[31]
Ademais destas tres grandes subrexións, hai dúas pequenas rexións en Albania e Serbia que se consideran parte de Macedonia, principalmente por irredentistas e non por académicos.[31]
Termos étnicos de Macedonia | |
---|---|
Macedonios ca. 5 millóns de persoas | Todos os habitantes da rexión, sen importar a súa orixe étnica. |
Macedonios [37] ca. 1,3 millóns de persoas | Grupo étnico contemporáneo, denominado tamén eslavomacedonios ou macedonios eslavos, sobre todo polas autoridades gregas para referirse á minoría étnica eslava en Grecia.[38][39] |
Macedonios[40] ca. 2 millóns de persoas | Cidadáns da República de Macedonia |
Macedonios ca. 2,6 millóns de persoas | Grupo rexional grego, denominado tamén como macedonios gregos ou macedonios exeicos[32] |
Macedonios Sen datos de poboación | Pobo da antigüidade, denominado tamén como antigos macedonios. |
Macedonios ca. 300 mil persoas | Grupo rexional búlgaro,[41] denominado tamén como pirineiros. |
Macedorromaneses ca. 300 mil persoas | Nome alternativo para os arromaneses.[42] |
A rexión, tal como se definiu anteriormente, ten unha poboación próxima aos 5 millóns de habitantes. No caso das definicións de grupos étnicos, existe unha importante disputa por parte de dous grupos contemporáneos sobre o uso do termo macedonio. A poboación etnicamente macedonia da República de Macedonia identifícase como "macedonios" a nivel nacional, mentres que en Grecia, os habitantes da zona de Macedonia considéranse "macedonios" a nivel rexional e como "gregos" a nivel nacional. A diverxencia de uso entre ambos os grupos étnicos xerou unha variedade de denominacións para referirse a grupos homónimos.
En xeral, os grupos que se consideran como "macedonios", é dicir, como habitantes naturais da rexión, son os que se detallan a continuación.
Como grupo étnico, denomínase macedonios [43] aos eslavos que forman a maioría da poboación da actual República de Macedonia. Segundo estatísticas do ano 2002, a poboación de macedonios étnicos dentro de dito estado era de 1 297 981 habitantes.[36][44] Por outro lado, legalmente, macedonio é tamén todo nacional da República de Macedonia, sen importar as súas características étnicas nin a pertenza a algunha relixión. Porén, no preámbulo da súa constitución,[45] faise especial distinción entre "o pobo macedonio" e "os albaneses, turcos, valacos, romaneses e outras nacionalidades que habitan na República de Macedonia", aos que se lles asegura "igualdade como ciudadáns".[46] O ano 2002, a poboación total do país era de 2 022 547 habitantes,[44] polo que os macedonios non étinicos cifrábanse en 724 566 persoas.
Como grupo rexional de Grecia, os macedonios son as persoas de etnia grega que habitan ou proveñen do territorio de Macedonia, que constitúen case a totalidade da poboación de dita rexión. De acordo co censo de 2001, a poboación deste territorio era de 2 625 681 persoas.[47] Coñécense tamén como antigos macedonios aos habitantes da Macedonia histórica,[24] cuxos máximos gobernantes, Filipo II de Macedonia e Alexandre Magno se consideraban a si mesmos como gregos.[48][49]
No caso de Bulgaria, "macedonio" é o xentilicio dos habitantes da rexión suroriental do país, que na súa maioría se identifican como búlgaros a nivel nacional e tamén étnico.[50] En 2001, a poboación total da Macedonia búlgara era de 341 245 habitantes, entre os que se contaban 3 117 eslavomacedonios.[51] Os macedonios búlgaros tamén poden autodenominarse como pirineiros (пиринци, pirintsi en lingua búlgara)[52][53] para evitaren confusións con outras denominacións similares.
O termo "macedorromanés" úsase ás veces como un sinónimo de arromanés, individuo dun pobo que vive no sur dos Balcáns, entre o norte de Grecia, Bulgaria, a República de Macedonia e Albania e, como unha comunidade inmigrante, na Dobruxa Setentrional, Romanía. De acordo coa Ethnologue, a poboación total de arromaneses era, en 1993, de 306 237 persoas.[54] Este termo é o único que corresponde a un acrónimo utilizado tanto polos propios arromaneses como polos outros grupos étnicos.[55] Cómpre destacar que en romanés, os arromaneses denomínanse "machedoni", a diferenza dos habitantes de Macedonia, que son coñecidos como "macedoneni".
Outro grupo étnico que habita a rexón de Macedonia son os albaneses, concentrados principalmente na República de Macedonia (nas zonas fronteirizas con Albania e Kosovo) e na subrexión albanesa de Macedonia, ao redor do lago de Ohrid. En 2002, os habitantes albaneses na República de Macedonia eran 509 083, o 25,2 % do total da poboación nacional.[44]
En galego todos estes termos temos que utilizalos de acordo co contexto no que se usan, porque o Dicionario da Real Academia Galega só se define oficialmente macedonio -a, como adxectivo, "1. De Macedonia ou dos seus habitantes" e, como substantivo, "2. Persoa natural ou habitante de Macedonia",[56] sen máis indicacións.
Porén, o Gran dicionario Xerais da lingua especifica algo máis: macedonio -a, como adxectivo, "1. Relativo ou pertencente a Macedonia (Europa) ou ós seus habitantes; macedónico. 2. Relativo ó antigo imperio de Macedonia" e, como substantivo masculino, "3. Lingua falada na antiga Macedonia, relacionada cos dialectos gregos e con suposta orixe indoeuropea. 4. Lingua da actual Macedonia pertencente á familia eslava."
Ademais, inclúe o "elemento de formación de palabras" macedo-, "que fai referencia a Macedonia ou ós Macedonios" e que emprega en tres termos: macedo-grego -a, adxectivo "relativo ou pertencente ó individuo e ó territorio de etnia macedonia que están baixo xurisdición grega"; macedo-romanés -esa, substantivo masculino (sic), "dialecto romanés falado no norte de Grecia, sur da antiga Iugoslavia, Bulgaria e Albania", e macedo-serbio -a, como adxectivo, "1. Relativo ó individuo e territorio macedonio que están baixo xurisdición serbia", e como adxectivo e substantivo, "2. Individuo pertencente á etnia macedonia que vive en territorio serbio".[57][58]
Termos lingüísticos de Macedonia | |
---|---|
Macedonio[59] | Lingua eslava contemporánea, denominada tamén eslavomacedonio ou macedonio eslavo.[60][61][62] |
Macedonio | Dialecto do idioma grego moderno |
Macedonio | Lingua ou dialecto falado na Antigüidade |
Macedorromanés | Denominación para a lingua arromanesa |
Ao ser o idioma un dos elementos máis comunmente asociados á identidade nacional, as mesmas disputas existentes no plano da demografía pódense encontrar tamén na lingüística. Basicamente existen dous grandes debates sobre o uso da palabra "macedonio" para describir un fenómeno lingüístico, xa sexa un idioma o un dialecto.
Por un lado, as orixes do antigo idioma macedonio son incertas e non se puido determinar se corresponde a un dialecto grego próximo ao dórico[63][64] ou ao eólico,[65] unha lingua irmá do grego antigo, co que formaría un supergrupo lingüístico grecomacedonio ou helénico, ou se era unha lingua indoeuropea independente e próxima ao grego, ao tracio e ao frixio.[66] [67] A comunidade científica, a pesar das súas discrepancias, chegou ao acordo de que non existen evidencias suficientes para poderen determinar con certeza algunhas destas hipóteses,[68] aínda que existe material dispoñíbel, como o léxico de Hesiquio de Alexandría.[69]
Por outro lado, o idioma sudeslavo coñecido na actualidade como macedonio[70] non ten ningunha relación co antigo idioma. Sobre esta lingua existen dúas disputas principais; a primeira corresponde á denominación desta, mentres que a segunda refírese a se este idioma é realmente distinto do idioma búlgaro ou non é máis que un dialecto, posición apoiada principalmente por grupos nacionalistas búlgaros,[71] pero tamén por parte da poboación en xenal.
Na actualidade coñécese como macedonio tamén un dialecto da lingua grega moderna, mentres que o macedorromanés é unha das denominacións que recibe o idioma romance oriental falado polos arromaneses.[55]
Todas as controversias en termos xeográficos, lingüísticos e demográficos manifestáronse a nivel político internacional, especialmente tras a disolución de Iugoslavia a comezos dos anos 1990. Entre os novos estados formados a partir da antiga República Federal Socialista de Iugoslavia, a chamada República Socialista de Macedonia declarou a súa independencia, de forma pacífica, o 8 de setembro de 1991, co nome de República de Macedonia.[72]
Porén, o uso deste nome, ao igual que a primeira bandeira de Macedonia do Norte, foi rexeitado pola República Helénica por considerar estes feitos unha usurpación dos símbolos da tradición cultural grega e sinal de irredentismo.[73]
En 1993, grazas á mediación da Organización das Nacións Unidas, ambos os países chegaron a un acordo provisorio para a utilización dos nomes de "República de Macedonia" en asuntos internos e de "Antiga República Iugoslava de Macedonia (ARIM)" a nivel internacional,[74] deixando pendente unha solución definitiva. Porén, o acordo é criticado en ambos os países: en Grecia rexéitase que se aceptara un nome que contén a palabra "Macedonia", mentres que no novo estado exíxese o uso dun nome máis curto e identificativo.
Actualmente, Grecia utiliza oficialmente a denominación πρώην Γιουγκοσλαβική Δημοκρατία της Μακεδονίας ou a súa abreviación ΠΓΔΜ,[75] mentres que as Nacións Unidas refírense exclusivamente ao país como "Antiga República Iugoslava de Macedonia",[76] ao igual que outras organizacións como a Unión Europea,[77] a OTAN,[78] o Fondo Monetario Internacional,[79] a Organización Mundial do Comercio (OMC),[80] o Comité Olímpico Internacional (COI),[81] o Banco Mundial (BM),[82] o Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BERD),[83] a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE),[84] a FIFA,[85] e a FIBA,[86] entre outros. Por outro lado, algúns países (entre ele Estados Unidos, Rusia e a República Popular Chinesa) utilizan a denominación constitucional do país.
Macedonia é tamén o nome dunha macrorrexión de Grecia, dividida en tres rexións: Macedonia Occidental, Macedonia Central e Macedonia Oriental e Tracia. Esta macrorrexión é administrada polo Ministerio de Macedonia e Tracia, e a súa capital é a cidade de Salónica, considerada como a capital conxunta do país (συμπρωτεύουσα, symprotévousa),[87] en contraste con Atenas, a capital oficial.
Macedonios eslavos de tendencias nacionalistas extremas expresaron desexos irredentistas aspirando a construír unha "Macedonia unida" xuntando á que eles chaman Macedonia do Exeo ou Macedonia exeica (actualmente en Grecia),[88][89][90] a Macedonia de Pirin (en Bulgaria),[91] a rexión de Mala Prespa e Golo Bardo (en Albania),[92] e as de Gora e Prohor Pčinjski (en Serbia).[93] Porén, en todas as zonas mencionadas anteriormente, as poboacións son na súa maioría grecomacedonios, búlgaros, albaneses e serbios, respectivamente. Algúns libros de texto escolares e publicacións gobernamentais da República de Macedonia consideran a dito país como parte dun territorio non completamente libre.[94][95][96][97]
Loring M. Danforth, profesor de antropoloxía que traballou no Bates College dos Estados Unidos e que escribiu diversos artigos e libros sobre o nacionalismo na República de Macedonia, Grecia e Australia, mencionou:
Os nacionalistas extremistas macedonios, que se empeñan en demostrar a continuidade entre os antigos e os modernos macedonios, negan ser eslavos e reclaman ser directos descendentes de Alexandre o Grande e os antigos macedonios. A visión macedonia máis moderada, xeralmente adoptada por xente máis educada e que foi apoiada por Kiro Gligorov, o primeiro presidente da recentemente independizada República de Macedonia, é que os actuais macedonios non teñen relación con Alexandre Magno, senón que son pobos eslavos cuxos antepasados chegaron a Macedonia durante o século VI. En tanto, persoas tanto das visións extremas e moderadas aseguran que os antigos macedonios eran dun grupo non-grego diferente.
Ademais de reafirmaren a existencia da nación macedonia, os macedonios están empeñados en reafirmar a existencia dunha única lingua macedonia. A pesar de recoñecer as similitudes entre o macedonio e outras linguas eslavas meridionais, consideran que as diferenzas con elas lle permite ser unha lingua separada. Tamén enfatizan que, a pesar de que o estándar literario do idioma macedonio non foi formalmente creado e recoñecido até 1944, ten unha historia de máis de mil anos, que pode remontarse ao antigo eslavo eclesiástico usado polos santos Cirilo e Metodio durante o século IX.
Aínda que todos os macedonios están de acordo en que existen minorías macedonias en Bulgaria e Grecia, que foron suxeito de duras políticas de asimilación forzada, existen dúas posicións sobre o seu futuro. A meta dos nacionalistas máis extremos é crear unha "Macedonia libre, unida e independente", formada tras "liberar" as partes de Macedonia "temporalmente ocupadas" por Bulgaria e Grecia. Nacionalistas máis moderados, en cambio, recoñecen a inviolabilidade das fronteiras gregas e búlgaras, renunciando a posíbeis reclamacións territoriais; porén, demandan que ambos os países recoñezan ás minorías macedonias e lles garantan os dereitos humanos mínimos que merecen.Loring M. Danforth[98]
A constitución da República de Macedonia foi modificada en 1995 e non inclúe agora ningunha referencia sobre posíbeis reclamacións territoriais.
O profesor Danforth describe, de igual forma, as posicións do nacionalismo grego:
De acordo coa posición do nacionalismo grego sobre a "cuestión macedonia", como Alexandre o Grande e os antigos macedonios eran gregos, e como a Antiga Grecia e a Grecia moderna están unidas por unha liña histórica de continuidade racial e cultural, só os gregos teñen dereito a identificarse como macedonios, e non os eslavos da Iugoslavia meridional, que se estableceron en Macedonia contra o século IX e que se denominaron a si mesmos como "búlgaros" até 1944. Os gregos, en tanto, denominan aos macedonios como "skopjanos" (de Skopje, a capital da República de Macedonia), práctica comparábel a chamar "atenienses" aos gregos. A negación da identidade macedonia por parte da ideoloxía nacionalista grega enfócase en tres puntos principais: a existencia dunha nación macedonia, unha lingua macedonia e unha minoría macedonia en Grecia. Desde a perspectiva nacionalista grega, non pode haber unha nación macedonia se nunca houbo un estado independente macedonio: a nación macedonia non sería máis que unha creación artificial, unha "invención" de Tito, quen bautizou a un mosaico de nacionalidades co nome grego de "macedonios".
De forma similar, os nacionalistas helénicos argumentan que como o antigo idioma macedonio era grego, o idioma eslavo falado polos "skopjanos" nom pode denominarse como "idioma macedonio". Algunhas fontes de orixe grega refírense ao "idioma de Skopje" e o definen como un dialecto corrompido do idioma búlgaro. Finalmente, o goberno de Grecia nega a existencia dunha minoría macedonia no norte do país, asegurando que só existe un pequeno número de "helenos eslavófonos" ou "gregos bilingües" que falan grego xunto a un dialecto eslavo local, pero que teñen "consciencia nacional grega".
Desde a perspectiva do nacionalismo grego, o uso da denominación "macedonio" por parte dos "eslavos de Skopje" constitúe un crime ou un plaxio contra o pobo grego. Por chamarse a si mesmos "macedonios" están roubando un nome grego, están pervertendo o patrimonio cultural grego, están falsificando a historia grega. Evangelos Kofos, un historiador que traballaba no Ministerio de Asuntos Exteriores grego, lle dixo unha vez a un reporteiro estranxeiro, "isto é como se un ladrón entrara na miña casa e roubara a máis prezada das miñas xoias: a miña historia, a miña cultura, a miña identidade". Os temores gregos de que o uso do nome "Macedonia" polos eslavos levará inevitabelmente á aparición de reclamacións irredentistas no territorio da Macedonia grega vense acrecentados por algúns acontecementos históricos relativamente recentes. Durante a Segunda Guerra Mundial, Bulgaria ocupou parte do norte de Grecia mentres que unha das metas dos fundadores da República Popular de Macedonia en 1944 foi a "unificación de toda a nación macedonia", que se lograría cola "liberación dos dous outros territorios" de Macedonia.Loring M. Danforth[98]
Macedonia
Albanés: | Maqedonia | Grego: | Μακεδονία (Makedonía) | Serbio: | Македонија, Makedonija | ||
Armenio: | Մակեդոնիա (Makedonia) | Ladino: | Makedonia, מקדוניה | Serbio arcaico: | Маћедонија, Maćedonija | ||
Arromanés: | Machidunia/Machedonia | Macedonio: | Македонија (Makedonija) | Turco: | Makedonya | ||
Búlgaro: | Македония (Makedoniya) | Romaní: | Makedoniya |
Todas as controversias mencionadas anteriormente xeraron unha serie de denominacións por parte dos diferentes grupos en conflito. Aínda que algúns xurdiron, en principio, sen afán pexorativo, poen ser considerados como tales por parte dos ouros grupos. Ademais, tanto macedonios de orixe a grega coma eslava utilizan as formas derivadas da palabra "Macedonia" para describirse a si mesmos e utilizan outras denominacións para o grupo oposto. A isto súmanse as denominacións dos grupos extremistas con respecto á relación entre búlgaros e macedonios eslavos,[99] tanto polos que negan calquera relación entre ambas as nacións como os nacionalistas búlgaros que a promoven.[100] e que incluso reciben o apoio de extremistas helénicos.[101] Ademais, tanto búlgaros coma macedonios eslavos néganse a recoñecer a autodeterminación das minorías eslavoparlantes de Grecia Setentrional, que se consideran comunmente como gregos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.