Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Konrad Zuse, nado en Berlín o 22 de xuño de 1910 e finado en Hünfeld o 18 de decembro de 1995, foi un enxeñeiro civil, científico computacional pioneiro, inventor e empresario alemán. A súa maior achega foi a primeira computadora programábel; o Z3 foi operativo a partir de maio de 1941. Grazas a esta máquina e as súas predecesoras, Zuse foi considerado o inventor da computadora moderna.[1][2][3][4][5][6]
Zuse destacou tamén pola máquina de computación S2, considerada a primeira computadora de control de procesos. Fundou unha das primeiras empresas de computadoras en 1941, producindo o Z4, que se converteu na primeira computadora comercial. Dende 1943[7] a 1945[8] deseñou a primeira linguaxe de programación de alto nivel, Plankalkül. En 1969, Zuse suxeriu o concepto dun universo baseado en computación no seu libro Rechnender Raum.
Gran parte do seu primeiro traballo foi financiado pola súa familia e comercio, mais a partir de 1939 recibiu fontes do goberno nazi.[9] Debido á segunda guerra mundial, o traballo de Zuse foi enormemente ignorado no Reino Unido e nos Estados Unidos. Posiblemente a súa primeira influencia documentada nunha empresa estadounidense foi a opción de IBM nas súa patentes en 1946.
Existe unha réplica do seu Z3, ademais do Z4 orixinal, no Deutsches Museum de Múnic. O Deutsches Technikmuseum de Berlín ten unha exposición dedicada a Zuse, en que mostra doce das súas máquinas, incluída unha réplica da Z1 e varias pinturas realizadas por Zuse.
Nado en Berlín, Zuse graduouse como enxeñeiro civil pola Technische Hochschule Berlin-Charlottenburg en 1935. Durante os seus estudos de enxeñaría, Zuse tivo que facer moitos cálculos rutineiros a man, o que atopaba aburrido. Esta experiencia levouno a imaxinar cunha máquina que puidese facer cálculos.
Comezou a traballar na fábrica de avións de Henschel en Dessau, mais só un ano despois renunciou ao seu traballo para construír unha máquina programable. Traballou no apartamento dos seus pais en 1938 ata lograr o seu primeiro intento, chamado Z1, que era unha calculadora mecánica binaria operada con electricidade e de programabilidade limitada. Lía instrucións dende unha cinta perforada. Z1 nunca funcionou ben, debido á falta de suficiente precisión mecánica. A Z1 e os seus planos orixinais foron destruídos durante a segunda guerra mundial.
A compañía de Zuse foi destruída en 1945 por un ataque aliado, xunto coa Z3. A Z4, baseada en relés e parcialmente rematada, fora levada con anterioridade a un lugar máis seguro. Zuse deseñou unha linguaxe de programación de alto nivel, o Plankalkül, supostamente entre 1941 e 1945, aínda que non o publicou ata 1972. Ningún compilador ou intérprete estivo dispoñible para o Plankalkül ata que un equipo da Universidade Libre de Berlín o puxo en marcha en 2000, cinco anos despois da morte de Zuse.
En 1946, Zuse fundou a primeira compañía de computadoras do mundo, Zuse-Ingenieurbüro Hopferau. Conseguiu capital de risco a través da ETH Zürich e unha opción de IBM sobre as patentes de Zuse.
Zuse fundou outra compañía, Zuse KG en 1949. A Z4 foi rematada e entregada a unha compañía en Suíza en setembro de 1950. Nese momento era a única computadora que estaba a funcionar no continente europeo, e a primeira computadora do mundo que foi vendida, superando a Ferranti Mark I por cinco meses e a UNIVAC I por dez meses. Outras computadoras, todas numeradas cunha Z inicial, foron construídas por Zuse e a súa empresa. Destacan Z11, que foi vendida á industria da óptica e ás universidades e Z12 que foi a primeira computadora cunha memoria baseada en cinta magnética.
En 1967, Zuse KG construíra un total de 251 computadoras. Debido a problemas financeiros, foi vendida á compañía Siemens AG. Ese mesmo ano, Zuse suxeriu que o universo en si mesmo era unha retícula de computadoras (física computacional). En 1969 publicou o libro Rechnender Raum.
Entre 1987 e 1989, Zuse recreou a Z1 e sufriu un ataque cardíaco durante o proxecto. O resultado final tiña 30 000 compoñentes, custou 800 000 marcos, e requiriu catro persoas (incluído Zuse) para construíla. Os fondos para ese proxecto de retrocomputación foron provistos por Siemens e por un consorcio de cinco compañías.
Zuse recibiu varios premios polo seu traballo. Despois do seu retiro, centrouse na súa afección, a pintura.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.