aviador e militar español (1897-1936) From Wikipedia, the free encyclopedia
Julio Ruiz de Alda Miqueleiz, nado en Estella (Navarra) o 7 de outubro de 1897[1] e finado en Madrid o 23 de agosto de 1936, foi un militar e aviador español, considerado un pioneiro da aviación, que acadou unha gran popularidade —xunto ao comandante Ramón Franco— co voo do Plus Ultra en 1926.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de outubro de 1897 Lizarra, España |
Morte | 23 de agosto de 1936 (38 anos) Madrid, España |
Causa da morte | homicidio, ferida por arma de fogo |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | aviador militar , observador aéreo (pt) , autor |
Partido político | Falange Española Falange Española |
Lingua | Lingua castelá |
Carreira militar | |
Lealdade | Restauración borbónica en España |
Rama militar | Aeronáutica Militar Española (en) |
Conflito | Guerra do Rif |
Familia | |
Cónxuxe | Amelia Azarola Echeverría |
Fillos | Juan Antonio Ruiz de Alda Azarola (en) |
Nos anos da Segunda República foi cofundador de Falanxe Española[2] e morreu asasinado na matanza do Cárcere Modelo de Madrid, ao mes de iniciada a guerra civil española.
Fillo de Silvio Ruiz de Alda e Francisca Miqueleiz, foi o maior dos seus irmáns e naceu na localidade navarra de Estella o 7 de outubro de 1897, na rúa de Zapatería, número 1, nunha casa que coa súa monumental escalinata, as súas reixas labradas e o brasón da súa fachada, conserva aínda o carácter de palacio o dezaoito que tiña dende a súa orixe.
Con quince anos ingresou na Academia preparatoria Militar Iriarte. Tras supera-lo exame de ingreso na Academia de Artillaría de Segovia, ingresou o 1 de setembro de 1913, co número 1 da súa promoción.
Licenciouse da Academia de Artillaría de Segovia co rango de tenente.[3] Inicialmente foi destinado ao Rexemento de Montaña con base en Vitoria e pouco despois será destinado ao Rexemento Mixto con base en Tetuán, por mor da Guerra de África. Destinado a Ceuta, foi chamado en marzo de 1922 ao aeródromo de Cuatro Vientos para segui-lo curso de observador aéreo. A partir daquel momento uniríase á nacente Aviación militar española.[3] En setembro, ascendido a capitán, trasládase a Marrocos como observador en prácticas, terminando o ano na base de Mar Chica.
O 27 de xaneiro de 1923 obtén o título de observador de aeroplano e pasa ao aeródromo de Tetuán, de cuxos talleres se fai cargo en xuño. Durante as campañas militares de Marrocos, tivo unha destacada actuación.[3]
En 1925, foi o primeiro observador que se ofreceu a Ramón Franco para acompañalo no seu voo a Arxentina, trala baixa do capitán Mariano Barberán. Pouco tempo despois realiza a gran fazaña de cruzar o océano Atlántico sur no hidroavión Plus Ultra, con Ramón Franco, Juan Manual Durán González e o mecánico Pablo Rada, nun traxecto de máis de 10.000 km entre Palos de la Frontera (Huelva) e Bos Aires.O avión, un Dornier Wall, ao ter moi pouca autonomía, obrigounos a facer moitas escalas que incrementou a relevancia do percorrido.[4] Por esta fazaña, recibiu a Medalla ao Mérito Aéreo e foi nomeado xentilhome de cámara con exercicio do rei Afonso XIII e membro do Consello Superior de Aviación. A viaxe do «Plus ultra» deu a Ruiz de Alda unha gran fama entre a poboación.[5]
Crese que obtivo o título de piloto pola Escola aérea de Xetafe. É neste momento, cando crea a Compañía Española de Traballos Fotogramétricos Aéreos (CETFA), pero este proxecto vese interrompido polo novo conflito no Protectorado de Marrocos.
Foi ascendido a xefe de grupo, e nomeado presidente da sección española da Federación Aeronáutica Internacional.[2] Asiste como relator e vicepresidente, ao congreso internacional de aviadores transatlánticos, celebrado en Roma, onde recibe de mans de Benito Mussolini a encomenda de San Gregorio o Magno.
Tentou unha nova fazaña, cando empezou a preparar a volta ao mundo, outra vez xunto a Ramón Franco, a bordo dun Dornier 16, pero fracasou en xuño de 1928. E tamén tomou parte, en 1929, noutro intento de voo transatlántico (Madrid-Nova York-Madrid), pero resultou nun novo fracaso.[4]
Trala proclamación da Segunda República, viuse cada vez máis atraído polos movementos de extrema dereita e a ideoloxía fascista. Xunto a José Antonio Primo de Rivera e Rafael Sánchez Mazas, fundou o pequeno Movemento Español Sindicalista (MES),[6] de escasa entidade. Posteriormente, en 1933, Ruiz de Alda foi un dos fundadores do movemento fascista Falanxe Española (FE) xunto a Primo de Rivera, Sánchez Mazas e Alfonso García Valdecasas.[6][7] De feito, foi un dos tres oradores —xunto a Primo de Rivera e Valdecasas— no mitin fundacional de Falanxe o 29 de outubro de 1933 no teatro da Comedia.[8]
Mantivo unha firme amizade co doutor Juan Negrín por mediación da súa esposa Amelia, discípula e admiradora do científico e entón deputado socialista canario. José Antonio Primo de Rivera tentou atraerse politicamente a Negrín por mediación de Ruiz de Alda pero as súas peticións sempre foron rexeitadas.[9]
Tamén estivo moi relacionado co teórico fascista Ramiro Ledesma, o que levaría á unión entre Falanxe e as Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (JONS). Tras esta unión Ruiz de Alda formou parte do triunvirato que inicialmente liderou o partido.[10] Nas eleccións de 1936, foi candidato a Cortes republicanas pola circunscrición de Santander,[11][12] aínda que non obtivo acta de deputado. De feito, Ruiz de Alda obtivo na provincia santanderina uns resultados electorais puramente simbólicos que non chegaron aos 4.000 votos.[13]
O 14 de marzo de 1936, Ruiz de Alda foi detido no seu despacho no marco da operación policial que desmantelou a cúpula de Falanxe e con posterioridade foi recluído no Cárcere Modelo de Madrid.[10][14]
O 22 de agosto de 1936 a prisión foi invadida por milicianos anarquistas, que se fixeron co control da mesma e decidiron a execución de varios presos significados. Ruiz de Alda formou parte do grupo de 28-30 persoas que foron seleccionadas polos milicianos e fusiladas nos patios do cárcere,[15][16] durante a coñecida como matanza do Cárcere Modelo. Días antes de ser asasinado, Ruiz de Alda rexeitara unha oferta de traballar para a República que lle fixo chegar a súa esposa, Amelia Azarola —sobriña do almirante Antonio Azarola, quen poucos días antes fora fusilado polos sublevados en Ferrol—.[10]
Durante o franquismo, a Escola Superior de Educación Física Feminina, que funcionou entre 1956 e 1977, recibiu o seu nome con carácter honorífico.[17][18] Así mesmo, durante o período franquista numerosas rúas e prazas de diversas cidades españolas foron renomeadas na súa honra.
En San Javier (Murcia) hai un instituto de educación secundaria chamado IES Ruiz de Alda[19] en honra a este piloto de aviación. Ademais, na mesma zona, hai unha antiga colonia militar pertencente a Santiago de la Ribera chamada Colonia Julio Ruiz de Alda, máis coñecida como Cidade do Aire.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.