Jorge Luis Borges
escritor arxentino, coñecido especialmente polos seus contos e ensaios e a súa destacada obra poética / From Wikipedia, the free encyclopedia
Jorge Francisco Isidoro Luis Borges Acevedo ( pronunciación (axuda · info)), nado en Buenos Aires, Arxentina, o 24 de agosto de 1899 e finado en Xenebra, Suíza, o 14 de xuño de 1986 foi un escritor arxentino. Foi coñecido especialmente polos seus contos e ensaios e a súa destacada obra poética. A súa obra, fundamental na literatura e o pensamento universal, ademais de obxecto de minuciosas análises e múltiples interpretacións, exclúe todo dogmatismo.[1]
Ontoloxías fantásticas, xenealoxías sincrónicas, gramáticas utópicas, xeografías novelescas, múltiples historias universais, bestiarios lóxicos, éticas narrativas, matemáticas imaxinarias, dramas teolóxicos, invencións xeométricas e recordos inventados son parte da inmensa paisaxe que, nas súas obras, Borges ofrece tanto aos estudosos como ao lector non especializado. Sobre todo, a filosofía, concibida como perplexidade; o pensamento como conxectura, e a poesía, a forma suprema da racionalidade. Aínda que foi un literato puro, é preferido por semióticos, matemáticos, filólogos, filósofos e mitólogos, xa que Borges ofrece —a través da perfección da súa linguaxe, dos seus coñecementos, do universalismo das súas ideas, da orixinalidade das súas ficcións e da beleza da súa poesía— unha obra que fai honra á lingua española e ao pensamento universal.[2]
A súa relación coa literatura comezou a moi temperá idade; aos catro anos xa sabía ler e escribir. Diría, xa con 71 anos, que «Se tivese que sinalar o feito capital da miña vida, diría a biblioteca do meu pai. En realidade, creo non saír nunca desa biblioteca. É coma se aínda a estivese vendo… recordo con nitidez os gravados en aceiro da Chambers's Encyclopaedia e da Británica».[3]
Galardoado con numerosos premios,[4] foi tamén polémico polas súas posturas políticas de corte conservador (dereitista), que puideron ser óbice para gañar o Premio Nobel de Literatura,[5][6] ao que foi candidato durante case trinta anos.
Que un individuo queira espertar noutro individuo recordos que non pertenceron máis que a un terceiro é un paradoxo evidente. Executar con despreocupación ese paradoxo é a inocente vontade de toda biografía.J. L. Borges, Evaristo Carriego[7]