Jeet Kune Do (en chinés: 截拳道; cantonés: Jitkyùndou; pinyin: Jiéquándào, lit. "O camiño do puño que intercepta"), tamén chamado Jeet Kun Do ou JKD, é unha arte marcial chinesa desenvolvida por Bruce Lee.
Historia
Foi creada por Bruce Lee entre os anos 1960 e 1973 aínda que nun principio estivo baseada no wing chun (esta interpretación pode verse como unha referencia ó principio do Wing Chun de simultánea defensa e contraataque), o Jeet Kune Do, primeiramente chamado "Jun Fan Gung Fu" (chinés: 振藩功夫; cantonés: Janfàan Gūngfū; pinyin: Zhènfán Gōngfū. Literalmente: "O Kung Fu de Bruce Lee") é un método de combate novo.
Jeet Kune Do non é Kung Fu chinés tradicional. É o resultado da investigación e a "fusión" de Wing Chun, o boxeo occidental, a esgrima e de técnicas novas e propias que buscan a efectividade ante todo. Pero o mestre Lee morreu cedo, en 1973, sen poder deixar unha comprensión completa da súa arte. Porén, abriu o camiño á superación a varias xeracións coa súa forma de pensar, converténdose no mellor loitador e especialista en artes marciais.
De todos modos o mestre Bruce Lee reflectía en todas e cada unha das súas películas a súa peculiar arte de combate, o Jeet Kune Do, quedando así gardadas algunhas das súas técnicas nestas e no seu libro, no que demostraba a través de fotografías este estilo tan técnico como efectivo.
Filosofía
Lee defendía o Jeet Kune Do como unha filosofía alén das artes marciais: "A arte do Jeet Kune Do é sinxelamente o de simplificar. Favorecer a carencia de forma para poder asumir tódalas formas", "Usándoa no camiño como camiño e a non limitación como limitación".
O feito de que o fundador do Jeet Kune, Bruce, estudara filosofía occidental na Universidade de Washington e á vez exercera como profesor de filosofía chinesa, expoñen a súa personalidade e traxectoria como froito deste coñecemento aplicado ás artes marciais, o cal esta intimamente vencellado ás súas raíces. As bases chinesas confucianistas (Deus é a humanidade e a finalidade do pensamento a harmonía da vida) e as bases do taoísmo (unha forma de ver o mundo e de vivir integrada en harmonía coa natureza); o símbolo do taoísmo é a auga; o distintivo é o ying-yang; a flexibilidade é o concepto fundamental do Tao. Disciplinas como o jiu-jitsu, que consiste en aproveitar o impulso do adversario para desvialo no momento oportuno e derrotalo coa súa propia forza baséanse no taoísmo.
Nestas mentalidades chinesas, as cousas cotiás e insignificantes adoitan ter un significado moi profundo.
O Jeet Kune Do é simple, directo e "non clásico": Bruce Lee desenvolveu o concepto único das artes marciais para cada persoa, xa que un non se ten que axustar ó Jeet Kune Do, senón que debe axustar a arte a un mesmo. Pode ser calquera cousa menos estática e, se cadra debido a isto, unha das principais características do Jeet Kune Do é a constante evolución, e a frase de Lee "O non-límite como límite" que rexe os seus practicantes. O proceso de aprendizaxe do Jeet Kune Do é de seu un proceso de "desaprendizaxe", é simplificar, é evitar posicións anatomicamente incorrectas e filosofías pragmaticamente equívocas, é centrarse na loita e non ver alén do combate en si para non perder o obxectivo: gañar e sobrevivir.
Os 3 piares do Jeet Kune Do son a velocidade, a aliñación e o desprazamento. Efectividade, e o "Golpeo e ti non me tocas" como tradución de "Jeet Kune Do", ou "Puño que intercepta". É dicir, evitar que o ataque do contrario xurda efecto.
Os movementos son unha combinación de defensa-ataque baseada na simpleza e efectividade máis que en figuras clásicas. A mentalidade fronte ó combate ha de ser unha mentalidade gañadora, sen anticiparse ó resultado do combate, deixando que a natureza flúa.
Feitos do JKD
- Estrutura pechada e economía no ataque e na defensa (Ataque: golpes vivos cos membros adiantados. Defensa: Chi Sao)
- As armas para golpear e patear deben ser versátiles, soltas e fluídas. As fortes ferramentas a través dun pulimento continuo.
- O ritmo roto, o medio compás e o compás dun ou de tres e medio (tanto o ataque como á contra).
- Adestramento físico, con pesas. Condición física completa.
- O movemento directo JKD é o ataque nas contras lanzándose desde o lugar orixinal sen tornar á posición.
- Mobilidade corporal e xogo de pernas lixeiro. Potencia solta, potente acometida como conxunto. Soltura de "muelle" sen ter o corpo laxo. Conciencia mental flexible.
- Traballo sen crispación, tácticas de ataque inesperadas.
- Fortaleza corpo a corpo:
- Arremetidas con cambio de posición, Proxeccións, agarres e inmobilizacións.
- Combate total no sparring, adestramento por contacto real sobre brancos móbiles.
- Estrutura total máis ca parcial. Expresión individual máis ca colectiva, espontaneidade fronte a rixidez. O adestramento de continuidade do eu expresivo detrás dos movementos físicos.
- Fluír constante (movemento en recto e en curva combinados, cara a arriba e cara a abaixo, dereitazo e esquerdazo de gancho, pasos laterais, agacharse e evadirse, círculos coa man).
- Unha posición ben equilibrada durante o movemento, constantemente. Continuidade entre o emprego a fondo e a soltura.
O arsenal
Bruce Lee dixo:
A bagaxe técnica do Jeet Kune Do é moi ampla, tan ampla como a túa imaxinación cho permita, recorda o non-límite como límite, asentados sobre unha sólida base, como é unha garda lateral, con xeonllos lixeiramente flexionados, talóns levemente levantados e desprazamentos laterais realizados sobre as puntas dos pés.'[1]
En canto a golpes de man, están o o finger jab, o jab cross, uppercut ou os golpes de revés. No plano das patadas, cabe destacar que se considera a patada lateral como o golpe máis potente do arsenal técnico. As patadas baixas, ó igual que as patadas en xiro, frontais, en revés, descendentes, ascendentes, en salto e todo tipo de golpes cos xeonllos, ó igual que o uso do cóbado en xiro ascendente, en xiro diagonal ou vertical. As patadas de xiro, se están ben aplicadas, poden ser moi fortes. Absolutamente todo está permitido. "A rúa non é un torneo". O estilo que máis se asemella ó Jeet Kune Do é o boxeo tailandés. A enerxía prodúcese cando a non-intención inicia o movemento desde o pé atrasado e flectado, subindo polos músculos da perna, entrando na cadeira, finalmente viaxando polo dorsal entrando no brazo e colapsando no momento do impacto. O corpo debe ser suave e lixeiro, sen forza bruta, para non impedir o devir da enerxía.
Tamén están o "Chi-Sao" ("mans pegañentas", sen separar as mans do opoñente para obter información extra por medio do tacto para así mellorar o timing), e o "Lop-Sao" ("mans que agarran", suxeitar a man ou brazo do opoñente para realizar un contragolpe).
As seis enfermidades
O Jeet Kune Do é moito máis que un método de combate. É unha das ávidas pólas que a vida nos descobre os seus segredos. Máis que dunha técnica é o desenvolvemento físico e espiritual do individuo como tal. A mentalidade fronte ó combate ha de ser unha mentalidade de gañador, ou máis ben "positiva" (somos parte da natureza), sen anticiparse o resultado do combate, deixando que a natureza flúa. Unha técnica tan completa pode deformarse se quen a practica comete un destes seis erros fundamentais:
- O desexo de vitoria.
- O desexo de recorrer á astucia técnica.
- O desexo de mostrar todo o aprendido.
- O desexo de atemorizar o inimigo.
- O desexo de xogar un papel pasivo.
- O desexo de liberarse de calquera enfermidade que nos afecte.
O método e a constancia adestrando adoitan solucionar todos estes problemas. Como repetía Bruce Lee: Investiga nas túas propias experiencias para chegar a entender que funciona de ti.
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.