Remove ads
novelista británica From Wikipedia, the free encyclopedia
Jane Austen, nada en Steventon o 16 de decembro de 1775 e finada en Winchester o 18 de xullo de 1817, foi unha novelista inglesa. Foi autora de obras de ficción romántica localizada entre a clase acomodada rural, que a converteron nunha das escritoras máis lidas da literatura inglesa. O seu realismo, a súa penetrante análise da sociedade da época, unida ao seu uso da narración indirecta libre e a ironía, fan dela un dos máis estimados e influentes novelistas do século XIX segundo os críticos e estudosos[1].
Jane Austen naceu en Steventon, Hampshire, o 16 de decembro de 1775, un mes máis tarde do que esperaban os seus pais; o seu pai escribiu da súa chegada nunha carta que a súa nai "seguramente esperaba que fose levada á cama hai un mes". Engadiu que a súa chegada foi especialmente benvida como "futura compañeira para a súa irmá".[3] O inverno de 1776 foi particularmente duro e non foi ata o 5 de abril que foi bautizada na igrexa local co nome único de Jane.[4]
Durante gran parte da vida de Jane, o seu pai, George Austen (1731-1805), serviu como reitor das parroquias anglicanas de Steventon e da veciña Deane.[5][6] Procedía dunha vella, respectada e rica familia de comerciantes de la. Co paso dos séculos, cada xeración de primoxénitos recibía herdanzas, dividíase a súa riqueza e a rama da familia de George caera na pobreza. El e as súas dúas irmás quedaran orfos cando eran pequenos e tiveron que ser acollidos por familiares. A súa irmá Philadelphia marchou á India para procurar un marido e George entrou en St John's College, Oxford grazas a unha bolsa. Alí moi probablemente coñeceu a Cassandra Leigh (1739-1827),[7] que procedía da destacada familia Leigh; o seu pai foi reitor no All Souls College, Oxford, onde creceu entre a clase acomodada. O seu irmán máis vello James herdou unha fortuna e unha gran propiedade da súa tía avoa Perrot, coa única condición de que cambiase o seu nome por Leigh-Perrot.
George e Cassandra intercambiaron retratos en miniatura en 1763 e probablemente se comprometeron nese tempo.[8] George recibiu a parroquia de Steventon do rico marido da súa prima segunda, Thomas Knight, que posuía Steventon e as súas granxas asociadas, unha das cales alugou a familia Austen para vivir.[9] Dous meses despois da morte do pai de Cassandra, casaron o 26 de abril de 1764 na igrexa de St Swithin en Bath nunha cerimonia sinxela. Partiron cara a Hampshire ese mesmo día.[10]
Os seus ingresos eran modestos, cunha pequena renda anual de George; Cassandra levou ao matrimonio a esperanza dunha pequena herdanza no momento da morte da súa nai.[11] Os Austen fixaron a súa residencia temporal na reitoral de Deane ata que se realizaron en Steventon, unha casa do século XVI en mal estado, as reformas necesarias. Cassandra deu a luz tres fillos mentres vivían en Deane: James en 1765, George en 1766 e Edward en 1767.[12] O seu costume era manter un bebé na casa durante varios meses e logo levalo a Elizabeth Littlewood, unha muller que vivía preto para que os coidase e criase dos doce aos dezaoito meses.[13]
En 1768, a familia finalmente pasou a residir en Steventon. Henry foi o primeiro fillo que naceu alí, en 1771.[14] Nesa época, Cassandra xa non podía ignorar os sinais de que o pequeno George tiña unha discapacidade no seu desenvolvemento. Sufriu convulsións e pode que fose xordo e mudo, e ela decidiu envialo para que fose acollido.[15] En 1773, naceu Cassandra, á que seguiu Francis en 1774 e Jane en 1775.[16]
Austen viviu toda a súa vida como parte dunha familia situada no chanzo máis baixo da burguesía rural.[17] De 1773 a 1796, George Austen complementou os seus ingresos coa agricultura e como titor deu clases particulares a tres ou catro estudantes que residían na súa casa.[18] O reverendo Austen obtivo uns ingresos anuais de 200 libras esterlinas dos seus dous medios de vida.[19] Era un ingreso moi modesto na época; en comparación, un traballador cualificado como un ferreiro ou un carpinteiro podería gañar uns 100 libras anuais mentres que os ingresos anuais típicos dunha familia de cabaleiros estaban entre 1000 e 5000 libras.[19]
A familia estaba composta por oito irmáns, con Jane e a súa irmá máis vella, Cassandra, as únicas mulleres. Cassandra e Jane eran confidentes e hoxe coñécense unha serie de cartas da súa correspondencia. O apoio da súa familia foi esencial para a súa evolución como escritora profesional.[20]
En 1783, Jane e Cassandra foron enviadas a Oxford para seren educadas por Mrs Ann Cawley, que as levou con elas a Southampton cando se mudou alí máis tarde ese mesmo ano. No outono, ambas as rapazas tiveron que regresar a casa debido a que sufrían tifo e Austen case faleceu.[21] Entre 1785 e 1786, ambas foron estudantes dun internado en Reading, a Reading Abbey Girls' School, gobernada por Mrs La Tournelle, que tiña unha perna de cortiza e era unha apaixonada do teatro.[22] O lugar puido inspirar a Jane para describir o internado da señora Goddard que aparece na novela Emma. O currículo escolar incluía probablemente algo de francés, ortografía, costura, baile e música e, quizais, arte dramática. As irmás volveron a casa antes de decembro de 1786 porque as taxas escolares das dúas nenas eran demasiado altas para a familia Austen.[23] A educación que Austen recibiu alí foi a única que tivo fóra da familia. Por outra banda, o reverendo Austen tiña unha gran biblioteca e, segundo o seu propio relato nas súas cartas, tanto ela como a súa familia eran "lectores ávidos de novela e non se avergoñaban diso". Aparentemente, Austen tiña acceso libre ás bibliotecas do seu pai e á dun amigo da familia, Warren Hastings. Así como leu novelas de Fielding e Richardson, tamén leu a Frances Burney. O título de Orgullo e prexuízo, por exemplo, foi extraído dunha frase deste autor, na novela Cecilia. O seu pai tamén era tolerante coa súa experimentación na escritura ás veces arriscada por parte de Austen e proporcionaba ás dúas irmás papel caro e outros materiais para escribir e debuxar.[24]
Entre 1782 e 1784, os Austen fixeron representacións teatrais na casa reitoral de Steventon, que entre 1787-1788 foron elaboradas grazas á colaboración da súa curmá, Eliza de Feuillide, á que dedicou Love and Friendship.[25] A maioría das obras eran comedias, o que suxire que os dotes satíricos de Austen xa estaba a ser cultivados.[26]
Desde os once anos de idade, e quizais antes, Austen escribiu poemas e historias para o seu propio divertimento e para a súa familia.[27] Nestes traballos, os detalles da vida cotiá son esaxerados, paródianse os dispositivos argumentais comúns e as "historias están cheas de fantasías anárquicas de poder feminino, comportamento ilícito e bo humor xeral", segundo Janet Todd.[28] Coas obras escritas entre 1787 e 1793, Austen compilou tres cadernos de notas, agora chamados Juvenilia.[29] Entre 1795 e 1799 comezou a escribir as primeiras versións das novelas que se publicaron baixo os títulos de Sense and Sensibility, Orgullo e prexuízo e Northanger Abbey (antes Elinor and Marianne, First Impressions e Susan, respectivamente). Probablemente tamén escribiu nese momento Lady Susan. En 1797, o seu pai quería publicar Orgullo e prexuízo, mais o editor negouse.
Non hai probas de que Jane fose cortexada por ninguén malia un breve amor xuvenil con Thomas Lefroy (parente irlandés dun amigo de Austen), aos 20 anos. En xaneiro do ano seguinte, 1796, escribiu á súa irmá dicindo que todo rematara, xa que non podía casar por motivos económicos. Pouco despois, a tía de Lefroy intentou achegar a Jane ao reverendo Samuel Blackall, pero non lle interesou.
En 1800, o seu pai decidiu mudarse a Bath,[30] unha cidade que Jane non apreciaba moito. Naquela época, a familia adoitaba ir á costa todos os veráns e foi nunha destas viaxes cando Jane coñeceu un home que se namorou dela. Cando marchou, decidiron volver a verse, mais morreu. Este feito non aparece en ningunha das súas cartas, aínda que foi escrito moitos anos despois e non se sabe canto puido afectar a Austen a relación. Hai quen a considera unha inspiración para Persuasión.
En decembro de 1802, estando Jane e Cassandra coa familia Bigg preto de Steventon, Harris Bigg-Wither propúxolle matrimonio a Jane e ela aceptou. Probablemente rompeu o compromiso o día seguinte[31] e marchou con Cassandra a Bath. Cassandra comprometeuse con Thomas Fowle, que morreu de febre amarela no Caribe en 1797. Thomas Fowle non podía permitirse o luxo de casar e o compromiso pospúñase dende 1794; fora ao Caribe como militar, só para gañar cartos. Nin Jane nin Cassandra Austen casaron.
En 1803, Jane Austen conseguiu vender a súa novela Northanger Abbey (daquela titulada Susan) á editorial Crosby & Company por 10 libras esterlinas,[32] aínda que o libro só se publicou catorce anos despois. É posible que nesa ocasión comezase a escribir The Watsons, abandonando pronto a idea.
En xaneiro de 1805, o seu pai morreu, deixando a súa muller e as súas fillas nunha situación economicamente precaria, e pasaron a depender dos seus irmáns e da pequena cantidade que herdara Cassandra do seu prometido.[33]
En 1806, as Austen mudáronse a Southampton, preto do porto deportivo de Portsmouth, o que lles permitiu visitar frecuentemente os seus irmáns Frank e Charles,[34] que servían na mariña, chegando a ser almirantes.
En 1809 mudáronse a Chawton, preto de Alton e Winchester, onde o seu irmán Edward podía aloxalos nunha pequena casa nunha das súas propiedades. Esta casa tiña a vantaxe de estar en Hampshire, o mesmo condado da súa infancia.
Unha vez instalada en Chawton, Jane retomou as súas actividades literarias revisando Sense and Sensibility, que foi aceptada por un editor en 1810 ou 1811, aínda que o autor asumiu os riscos da publicación. Nesa época, as mulleres casadas británcias non tiñan poder legal para asinar contratos, e era común que unha muller que quixese publicar tivese un parente masculino que a representase na sinaura do contrato.[35] Como moitas autoras dese tempo, Austen tivo que publicar os seus libros anonimamente:[36] "By a Lady". Segundo o diario de Fanny Knight, sobriña de Austen, recibiu unha "carta da tía Cass pedindo que non se mencionase que a tía Jane era a autora de Sense and Sensibility".[37] Houbo algúns comentarios favorables e sábese que os beneficios de Austen foron de 140 libras,[38] que lle proporcionaron certa independencia financeira e psicolóxica.[39] Tralo éxito de Sense and Sensibility, todos os seguintes libros de Austen foron editados como escritos "Pola autora de Sense and Sensibility" e o nome de Austen nunca apareceu nas súas obras durante a súa vida.[36]
Animada polo éxito de Sense and Sensibility (1811), a autora tamén intentou publicar Orgullo e prexuízo, que foi vendida a Egerton por 110 libras.[36] en novembro de 1812 e publicada en xaneiro de 1813. Para maximizar os beneficios, empregou papel barato e estableceu o prezo de 18 xilins.[36] En outubro de 1813 Egerton puido comezar a vender a segunda edición.[40] Ao mesmo tempo, comezou a traballar en Mansfield Park. En 1813, a identidade da autora de Orgullo e prexuízo comezou a estenderse, grazas á popularidade da obra e á indiscreción da familia. Ese mesmo ano publicouse a segunda edición dos seus traballos e en maio de 1814 apareceu Mansfield Park, obra da que se venderon todos os exemplares en seis meses e Austen comezou a traballar en Emma.
Foi o seu irmán Henry, que vivía en Londres, o encargado de negociar coas editoriais e, cando Jane foi a Londres, quedou na súa casa. En 1813, Henry Austen foi tratado polo señor Clarke, doutor do príncipe rexente, quen, ao descubrir que Austen era a autora de Orgullo e prexuízo e Sense and Sensibility, obras de que gozou moito, pediulle que solicitase a Henry que lle dedicase a seguinte novela da autora. É posible que tal solicitude tardase en chegar a ela, xa que nas súas cartas non tiña boa opinión sobre os príncipes, debido ás súas coñecidas infidelidades.[41]
En Chawton, Austen non tiña a mesma intimidade que en Steventon e a anécdota narrada por James Austen-Leigh, sobre a porta "chiadora" que Austen solicitou para ocultar o manuscrito que escribía.
En decembro de 1815 publicouse Emma, dedicada ao príncipe rexente e, no ano seguinte, unha nova edición de Mansfield Park. O segundo non tivo o éxito dos traballos anteriores e as perdas desequilibraron as ganancias da primeira edición.
Austen comezou Persuasión en agosto de 1815, mais un ano despois comezou a sentirse mal. A principios de 1817 comezou Sanditon, aínda que tivo que abandonar o traballo debido á súa saúde. Para recibir tratamento médico, levárona a Winchester, onde morreu o 18 de xullo de 1817 con 41 anos. As súas últimas palabras foron: "Non quero máis que a morte".[42]
No seu testamento, legou todo o que tiña á súa irmá Cassandra. Nese momento non se coñecía a causa da súa morte; hoxe en día, considérase que foi por mor da enfermidade de Addison. Está enterrada na catedral de Winchester.[43]
O epitafio, na catedral de Winchester, non mencionaba que foi autora de coñecidas novelas. En 1872, despois de que James Edward Austen-Leigh publicase as súas memorias, colocouse unha nova placa explicando a súa condición de escritora e subliñando:
"She opened her mouth with wisdom and in her tongue is the law of kindness"[44]
As obras de Austen critican as novelas sentimentais da segunda metade do século XVIII e son parte da transición ao realismo do século XIX.[45]. Os primeiros novelistas ingleses, Richardson, Henry Fielding e Tobias Smollett, foron seguidos pola escola dos sentimentalistas e dos románticos como Walter Scott, Horace Walpole, Clara Reeve, Ann Radcliffe e Oliver Goldsmith, cun estilo e xénero que rexeitaba Austen, devolvendo a novela nun "delgado fío" á tradición de Richardson e Fielding para un "realista estudo das formas".[46] A mediados do século XX, os críticos literarios F. R. Leavis e Ian Watt situárona na tradición de Richardson e Fielding; ambos os dous cren que utilizou a súa tradición da "ironía, realismo e sátira para formar unha autora superior a ambos".[47]
Os argumentos, cheos de ironía como base da súa comicidade, reflicten a dependencia que a muller tiña do matrimonio para asegurar a súa posición social e económica.[48] Como forma de arte, a novela do século XVIII carecía da seriedade dos seus equivalentes a partir do século XIX, cando as novelas eran tratadas como "o vehículo natural para a discusión e ventilación do que importaba na vida".[49] En lugar de afondar demasiado na psique das súas personaxes, Austen goza delas e imprégnaas de humor, segundo o crítico John Bayley. El cre que o brote do seu enxeño e ironía é a súa propia actitude de que a comedia "é a graza salvadora da vida".[50] Parte da fama de Austen descansa na importancia histórica e literaria de que foi a primeira muller en escribir grandes novelas cómicas. A influencia de Samuel Johnson é evidente, xa que segue os seus consellos para escribir "unha representación da vida que poida excitar a alegría".[51]
O seu humor provén da súa modestia e falta de superioridade, o que permite ás súas personaxes de máis éxito, como Elizabeth Bennet, transcender as trivialidades da vida, en que as personaxes máis parvas están excesivamente absorbidas.[50] Austen utilizou a comedia para explorar o individualismo da vida das mulleres e as relacións de xénero, e parece que a usou para atopar a bondade na vida, a miúdo fundíndoa coa "sensibilidade ética", creando tensión artística. O crítico Robert Polhemus escribiu: "Para apreciar o drama e os logros de Austen, necesitamos darnos de conta do fonda que era a súa paixón tanto pola reverencia como polo ridículo [...] e a súa imaxinación cómica revela tanto as harmonías como as contradicións reveladoras da súa mente e da súa visión mentres tenta conciliar o seu nesgo satírico co sentido do ben".[51]
No seu tempo as súas obras non lle deron moita fama persoal e só recibiu unha poucas críticas positivas, pero a publicación por un seu sobriño en 1869 de A Memoir of Jane Austen deuna a coñecer entre un público máis amplo e cara a 1940 era amplamente aceptada como unha das grandes escritoras de lingua inglesa e as súas obras consideradas clásicos da literatura universal. Na segunda metade de século XX viu unha proliferación de estudos sobre a súa obra e a súa adaptación ao cine e á televisión.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.