Itzamná
deidade maia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Zamná, tamén chamado trala súa deificación: Itzamná (en maia: Itzamná, ‘casa do resío’‘itz, resío; ah, de/persoa que se ocupa de; naah, casa’)?, foi nun principio un gran sacerdote maia chegado cos chanes de Bacalar (despois chamados itzáes) para fundar e estabelecerse en Chichén Itzá, contra o ano 525 d. C., "durante a primeira baixada, ou baixada pequena do oriente, que mencionan as crónicas".[2]
Aí, en Chichén Itzá, asentando os chanes a sede do seu goberno, viviu Zamná un tempo e ensinou as súas doutrinas. Home sabio que "puxo nome ás paraxes e terras, sitios e promontorios do Mayab, hoxe o Iucatán", e inventou os primeiros caracteres que serviron de letras ós nativos da rexión. Este sacerdote recibiu así mesmo o nome de Lakin-Chan que en lingua maia quere dicir "o sacerdote Chan, que veu do oriente". A importancia de Zamná como fecundo creador da cultura maia derivou da súa chegada a Chichén Itzá na época da súa fundación.
A influencia de Zamná seguiu a ruta dos chanes cara ó poñente quen, no seu traxecto pola península, fundaron outras cidades populosas, hoxe importantes, como Ek Balam, Izamal, Motul e T'Hó, que se situou onde está a actual Mérida, fundada polos españois durante o proceso da conquista do Iucatán.[3]