composto químico From Wikipedia, the free encyclopedia
A inulina é o termo co que se designa unha familia de polisacáridos, constituídos por cadeas de frutosa, polo que se considera un frutano. As inulinas encóntranse xeralmente nas raíces, tubérculos e rizomas de certas plantas anxiospermas (bardán, chicoria, mexacán etc.) como substancia de reserva. Forma parte da fibra alimentaria.[1] O seu nome procede da primeira planta da que se illou en 1804, a Inula helenium.
Inulina | |
---|---|
Identificadores | |
Número CAS | 9005-80-5 |
PubChem | 24763 |
UNII | JOS53KRJ01 |
DrugBank | DB00638 |
ChEMBL | CHEMBL1201646 |
Código ATC | V04 |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C6nH10n+2O5n+1 |
Masa molecular | Polímero; depende de n |
Perigosidade | |
NFPA 704 | |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A dieta occidental achega de 1 a 10 g diarios de inulina. A dixestión da inulina libera frutosa, pero en pequena proporción, xa que o organismo humano carece de encimas específicos para hidrolizala. Ademais, a inulina é útil para avaliar a función do glomérulo renal, xa que se excreta sen ser reabsorbida nos túbulos renais.
As inulinas son polímeros compostos principalmente por unidades de frutosa, e normalmente teñen unha glicosa terminal. As unidades de frutosa das inulinas están unidas por enlace glicosídico β(2→1). En xeral, as inulinas das plantas conteñen entre 20 e varios milleiros de unidades de frutosa. Existen moléculas similares máis pequenas, chamadas frutooligosacáridos, o máis simple dos cales é un trisacárido formado por dúas unidades de frutosa e unha de glicosa.
As inulinas denomínanse da seguinte maneira: n é o número de residuos de frutosa e py é a abreviación de piranosil:
A hidrólise das inulinas rende frutooligosacáridos, que son oligómeros de como máximo 10 unidades.
A inulina non é degradada polos encimas humanos ptialina e amilase, presentes na saliva e secreción pancreática, xa que os seus enlaces β(1→2) non poden ser atacados por eles.[2] Como resultado, a inulina atravesa a maior parte do tracto dixestivo practicamente sen alteracións (só sofre un grao baixo de hidrólise ácida no estómago), e ata que chega ao colon non sofre transformacións importantes.
Na primeira porción do intestino groso as bacterias que residen alí comezan a degradar a inulina en grandes proporciones e a metabolizala producindo ácidos graxos de cadea curta, especialmente ácido butírico [3][4], xunto con dióxido de carbono, hidróxeno e metano.
Por esta razón os alimentos que conteñen inulina en grandes cantidades poden provocar flatulencia e molestias intestinais, especialmente naquelas persoas que non están acostumadas a inxerilos. É recomendable entón que ditos alimentos se consuman en pequenas cantidades ao principio, ata que o organismo se adapte.
A inulina estimula o crecemento da microbiota intestinal (microorganismos que viven no intestino) benéfica.[2],[5] Como atravesa o estómago e o duodeno case sen alterarse, chega ao final intestino delgado case sen dixerir e pasa ao groso. No colon está dispoñible para ser metabolizada por algúns dos microorganimos intestinais, como as bifidobacterias e os lactobacilos, promovendo o seu asentamento e desenvolvemento.[6] Por favorecer o crecemento das bifidobacterias dise que a inulina ten un efecto bifidoxénico,[7],[8] e como promove o crecemento de microorganismos beneficiosos para a saúde considérase que ten actividade prebiótica.[9]
A inulina é un integrante da fibra alimentaria, en particular da chamada fibra soluble.[9] Ao ser moderadamente soluble en auga, ten ademais a propiedade de formar xeles que reteñen unha gran cantidade de auga. Os subprodutos da metabolización da inulina parece que aumentan o peristaltismo intestinal[7] e facilitan a absorción dalgúns elementos minerais (calcio[10],[11] magnesio[11] e fósforo), pero esta absorción mellorada diminúe co tempo.
A inulina non causa unha elevación da glicemia. Debido a que a dixestión natural da inulina non libera cantidades importantes de glicosa, xa que o carbohidrato liberado é principalmente frutosa (cuxo metabolismo non está influído pola hormona insulina), esta non eleva de maneira significativa os niveis sanguíneos de glicosa ou de insulina.[12]
Como dentro dos carbohidratos da familia da inulina, os frutooligosacáridos máis simples de inulinas teñen sabor doce e os polisacáridos de inulinas máis complexos posúen propiedades similares ao amidón, estas características poden empregarse para elaborar edulcorantes e sucedáneos de fariñas moi útiles para o control dos niveis de glicosa en individuos diabéticos. Porén, esta recomendación debe efectuarse con precaución.[13]
Estimouse que a dieta occidental achega 1-10 g diarios de inulina ou frutooligosacáridos.[14],[15] Moitos alimentos que conteñen naturalmente cantidades importantes de inulina ou frutooligosacáridos, tales como a chicoria (Cichorium intybus) e o porro ou allo porro (Allium ampeloprasum var. porrum), son coñecidos desde a antigüidade como "estimulantes da boa saúde".
A inulina é recoñecida como segura,[16] polos organismos de control de alimentos como a FDA norteamericana. En Europa desde xaneiro de 2007 está autorizada a súa incorporación a todos os produtos alimenticios. Porén, tamén se sinalan reaccións adversas á inulina [17].
Aproximadamente entre un 30% e un 40% da poboación mundial sofre dunha síndrome de mala absorción de frutosa, e como a inulina é un frutano, presenta problemas para estes individuos. A recomendación é entón limitar a inxesta a 0,5 g de inulina por comida para estas persoas.[18]
A inulina, tal como se obtén das plantas que a conteñen, pode ser directamente convertida en etanol, por medio dunha sacarificación e fermentación microbiolóxica simultánea.[19] Esta técnica é a base para a obtención das bebidas alcohólicas mezcal e tequila, pero tamén posúe un enorme potencial para converter residuos de colleitas con alto contido de inulina en etanol para ser utilizado como combustible.
A inulina estase a utilizar de maneira crecente no procesado de alimentos, debido ás súas infrecuentes características nutricionais e, en especial, ás súas propiedades como ingrediente alimentario (téñase en conta que segundo a lexislación europea, a inulina non é un aditivo alimentario[20]). Propiedades que van desde un sabor moderadamente doce nas inulinas máis sinxelas, ata a posibilidade de utilizar as inulinas máis complexas como sucedáneos de fariñas; pasando por unha enorme cantidade de compostos de mediana complexidade sen sabor e cunha textura e palatabilidade moi similar á das graxas. Ademais destas propiedades, é interesante salientar que a metabolización da inulina achega 1,5 kcal /g.[8] Xa que logo, en numerosos produtos, en especial lácteos e xeados, a inulina utilízase como substituto das graxas.
Aínda que en certas circunstancias o uso da inulina non é apropiado,[21] a inulina tense utilizado na práctica clínica para medir o índice de filtración glomerular (GFR)[22] Esta técnica baséase na propiedade da inulina de ser un composto inocuo, non degradable polos encimas do organismo humano, que se filtra case completamente no glomérulo renal, e despois non se reabsorbe nin excreta no túbulo renal. Xeralmente, compáranse os resultados do índice de filtración glomerular obtidos con inulina cunha análise similar na que se utiliza PAH (ácido paraaminohipúrico), que é excretado totalmente a nivel tubular sen ser reabsorbido. Esta análise, aínda que é longa e cara, fornece información esencial sobre o volume sanguíneo que filtra o ril por unidade de tempo.
A inulina ten potenciais usos terapéuticos, xa que favorece a absorción de calcio[10],[23] polo que ten interese a súa aplicación no mantemento da saúde ósea.[24]
Outras aplicacións que se propuxeron é o seu uso, soa ou combinada con bacterias probióticas, nos tratamentos da enfermidade inflamatoria intestinal (enfermidade de Crohn e colite ulcerosa),[25],[26] da hipercolesterolemia[12],[27] ou o estrinximento intestinal.[28]
A táboa 1 recolle algunhas das plantas que conteñen cantidades significativas de inulina. Tamén se están a investigar outras fontes de inulina, como patacas, millo ou leituga modificados xeneticamente (que acumulan ata 1,3-3,2 mg de inulina por gramo de produto)[29][30].
Planta | Inulina (%) |
---|---|
Bardán (Arctium lappa) | 27-45 |
Agave (Agave spp) | 16-25 |
Inula (Inula helenium) | - |
Iñame (Dioscorea spp) | 19-20 |
Papa de Xerusalén (Helianthus tuberosus) | 14-19 |
Mexacán (Taraxacum officinale) | 12-15 |
Chicoria (Cichorium intybus) | 10-15 |
Allo común (Allium sativum) | 9-16 |
Smallanthus sonchifolius | 3-19 |
Alcachofa (Cynara scolymus) | 3-10 |
Porro (Allium porrum) | 3-10 |
Cebola (Allium cepa) | 2-6 |
Espárrago (Asparagus officinalis) | 2-3 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.