From Wikipedia, the free encyclopedia
A inmunoglobulina M, ou IgM é un dos tipos de anticorpo producidos polos linfocitos B. A IgM é o anticorpo fisicamente máis grande que circula polo sangue humano, xa que está formado por cinco unidades de inmunoglobulina unidas. Aparece unida a membranas como monómero ou en circulación no sangue xeralmente como pentámero. É o primeiro anticorpo que aparece en resposta a unha exposición inicial ao antíxeno.[1] O bazo é o principal sitio de produción de IgM.[2]
Inmunoglobulina M | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
(pentámero) | |||||||||||||
Cadeas pesadas en azul e lixeiras en amarelo. | |||||||||||||
Tipo de proteína | anticorpo | ||||||||||||
|
A IgM forma polímeros constituídos por varias inmunoglobulinas unidas covalentemente por pontes disulfuro, principalmente formando un pentámero pero algunhas veces un hexámero. A IgM ten unha masa molecular de aprocimadamente 970 kDa na súa forma pentámera. Como cada monómero ten dous sitios de unión ao antíxeno, unha IgM pentámera ten dez. Porén, normalmente a IgM non pode unir antíxenos aos seus dez sitios de unión á vez porque o gran tamaño de moitos antíxenos dificulta a unión a sitios que estean próximos.
Nas IgM pentámeras encóntrase unha cadea proteica chamada cadea J (joining chain), pero non nas formas hexámeras, quizais debido ás constricións de espazo no complexo hexamérico. A cadea J é unha glicoproteína cun 12% de azucres e unha masa molecular de 15 kDa, que se une por pontes disulfuro á zona dos extremos Fc das inmunoglobulinas[3]. A IgM pentamérica pode tamén formarse en ausencia da cadea J. Actualmente, non está aínda claro que fracción dos pentámeros normais contén a cadea J, e se os pentámeros conteñen unha ou máis cadeas J. [4]
Como a IgM é unha molécula grande, non pode difundir ben, e encóntrase só en pequenas cantidades no fluído intersticial dos tecidos. A IgM atópase principalmente no plasma sanguíneo. Pode segregarse tamén a través das mucosas e atravesa as células epiteliais da mucosa dentro de vesículas e para a secreción debe ter a cadea J.[5]
Debido á súa natureza polimérica, a IgM posúe unha grande avidez polo antíxeno, e é particularmente efectiva na activación do sistema do complemento. Por si mesma a IgM é unha opsonina ineficaz, pero contribúe de xeito importante á opsonización ao causar que o C3b se una ao antíxeno e se active o complemento.[6]
As propiedades da IgM poden resumirse así: é o primeiro anticorpo que se forma en resposta a un estímulo antixénico, é a Ig máis abundante unida a membranas no linfocito B, ten propiedades neutralizantes, precipitantes, e aglutinantes, fixa o complemento e non atravesa a placenta.[3] As iGM hexámeras activan moito máis o complemento ca as pentámeras.[7]
Nas células da liña xerminal, o segmento xénico que codifica a rexión constante μ da cadea pesada está situado en primeira posición con respecto aos outros segmentos das rexións constantes. Por esta razón, a IgM é a primeira inmunoglobulina expresada polas células B maduras.
Tamén é a primeira inmunoglobulina expresada no feto (arredor da semana 20) e tamén filoxeneticamente se cre que foi o primeiro anticorpo que se desenvolveu.[8]
O transcrito primario da que se orixina esta Ig contén tanto rexións constantes μ coma δ, de modo que un splicing alternativo fai que a célula produza IgM ou IgD.
Os anticorpos IgM aparecen cedo no curso dunha infección e xeralmente reaparecen, aínda que en menor proporción, despois dunha posterior exposición. Os anticorpos IgM non pasan a barreira placentaria (só o fai o isotipo IgG).
Estas dúas propiedades biolóxicas da IgM fan que sexa útil no diagnóstico de enfermidades infecciosas. A demostración da presenza de anticorpos IgM no soro dun paciente indica unha recente infección, ou no soro dos recentemente nados indica unha infección intrauterina (por exemplo, roséola conxénita).
O desenvolvemento de IgM antidoante despois dun transplante de órganos non está asociado co rexeitameno do enxerto senón que pode ter efecto protector.[9]
No soro normal a IgM únese a antíxenos específicos, mesmo en ausencia dunha inmunización previa. por esta razón a IgM foi chamado ás veces "anticorpo natural". Este fenómeno é probablemente debido á gran avidez da IgM que lle permite unirse detectablemente mesmo a antíxenos con reacción cruzada moi feble que aparecen naturalmente. Por exemplo, os anticorpos IgM que se unen aos antíxenos A e B dos glóbulos vermellos poderían formarse nos inicios da vida como resultado da exposición a substancias similares aos antíxenos A e B presentes nas bacterias ou de materias vexetais.
Os anticorpos IgM son principalmente responsables da aglutinación de glóbulos vermellos que se produce se o receptor dunha transfusión de sangue recibe sangue que non é compatible co seu tipo sanguíneo.
A IgM é máis sensible á desnaturalización por 2-mercaptoetanol ca a IgG. Esta propiedade foi utilizada historicamente para distinguir entre estes isotipos ante anticorpos secundarios específicos anti-IgG e anti-IgM en inmunoensaios. Comprobábase a reactividade das mostras séricas cun antíxeno antes e despois do tratamento con 2-mercaptoetanol para determinar se a actividade era debida a IgM ou a IgG.[10]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.