Imperio Sikh
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Imperio Sikh foi un estado do subcontinente indio, que xurdiu en torno ao liderado do maraxá Ranjit Singh, que estableceu un imperio secular, baseándoo na rexión do Punjab, ocupando territorios actualmente localizados na India e no Paquistán.[1] O imperio existiu a partir de 1799, cando Ranjit Singh capturou Lahore, ata 1849 e foi forxado nas fundacións da Khalsa, a partir da reunión de varios misls (pequenos estados soberanos sikhs) autónomos.[2][3] No seu auxe no século XIX, o imperio estendeuse do paso Khyber no oeste ao Tíbet occidental no leste e de Mithankot no sur á Caxemira no norte. Foi a última gran rexión do subcontinente en ser conquistada polos británicos.
Himno | Deg Tegh Fateh (en) | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
Capital | Lahore Gujranwala (pt) | |||
Poboación | ||||
Poboación | 1.500.000 (3.052,11 hab./km²) | |||
Lingua oficial | lingua persa lingua punjabi | |||
Xeografía | ||||
Superficie | 491,464 km² | |||
Datos históricos | ||||
Creación | 1733 | |||
Disolución | 1849 | |||
Organización política | ||||
Forma de goberno | monarquia federal (pt) monarquía | |||
As fundacións do Imperio Sikh poden trazarse dende polo menos 1707, o ano da morte de Aurangzeb e o inicio da caída do Imperio Mogol. Cos mogois significativamente enfraquecidos, o exército sikh, coñecido como Dal Khalsa, un rearranxo da Khalsa, inaugurada anos antes polo Gurú Gobind Singh, liderou expedicións contra os mogois e contra os paxtos no oeste. Isto levou a un crecemento do exército, que se dividiu en varias confederacións ou misls semiindependentes. Cada un dos exércitos compoñentes controlaba distintas áreas e cidades. Non obstante, no período entre 1762 e 1799, os comandantes sikhs dos misls estaban a volverse cada vez máis xefes militares autónomos e independentes.
A formación do imperio comezou coa toma de Lahore por Ranjit Singh, do seu gobernante afgán, Zaman Shah Durrani, e a conseguinte e progresiva expulsión dos paxtos do Punjab e a unificación dos distintos misls sikhs. Ranjit Singh foi proclamado como maraxá do Punjab o 12 de abril de 1801, creando unha unidade política. Sahib Singh Bedi, descendente do Gurú Nanak, conduciu a coroación.[4] Ranjit Singh ascendeu ao poder nun período moi curto, de líder dun misl a maraxá de todo o Punjab. Comezou a modernizar o seu exército, empregando técnicas contemporáneas de adestramento, así como armamento e artillaría. Trala morte de Ranjit Singh, o imperio enfraqueceu por divisións internas e má administración. En 1849 o imperio caeu trala derrota nas guerras anglo-sikhs.
Durante súa existencia, de 1799 a 1849, o Imperio Sikh dividiuse en catro provincias: Lahore, Multan, Peshawar e Caxemira.