![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/27/Aurangzeb.png/640px-Aurangzeb.png&w=640&q=50)
Aurangzeb
From Wikipedia, the free encyclopedia
Muhi-ud-Din Muhammad,[1] nado o 3 de novembro de 1618 e finado o 3 de marzo de 1707,[2] coñecido polo alcume de Aurangzeb (en persa, "ornamento do trono")[1] ou polo seu título real Alamgir (en persa, "Conquistador do Mundo"),[3] foi o sexto emperador mogol, que gobernou por completo o subcontinente indio durante un período de 49 anos.[4][5][6] Considerado o último gobernante efectivo do Imperio Mogol,[7] Aurangzeb recompilou o Fatawa-e-Alamgiri, e está acreditado como un dos poucos líderes que estableceron totalmente a Xaria e a economía islámica en Asia Meridional.[8][9]
Como líder militar,[10] Aurangzeb foi un destacado expansionista; durante o seu reinado, o Imperio Mogol acadou a súa máxima extensión, dominando case todo o subcontinente indio.[11] Durante a súa vida, as vitorias no sur aumentaron o imperio a catro millóns de quilómetros cadrados,[12] e gobernou unha poboación estimada de máis de 158 millóns de persoas,[11] cuns ingresos anuais de 450 millóns de dólares (máis de dez veces os do seu contemporáneo Lois XIV de Francia),[13] ou 38 624 680 libras (2 879 469 894 rupias) en 1690. Baixo o seu reinado, a India superou a China Qing como a maior economía e potencia fabricante mundial, cun valor de máis de noventa mil millóns de dólares, case un cuarto do produto interior mundial e máis que toda Europa Occidental.[14]
Aurangzeb destacou pola súa piedade relixiosa, recompilou o Corán por completo, estudou os hadiths e observou os rituais do islam.[15][16] Ao contrario dos seus predecesores, incluído o seu pai Shah Jahan, Aurangzeb considerou que o tesouro real debía conservarse para os cidadáns do imperio.[16][17] Non gozou dunha vida de luxo e os seus gastos persoais e a construción de pequenas mesquitas cubriunas coas súas propias ganancias, que incluían a costura de capas e o comercio das súas copias escritas do Corán.[18][19] Tamén patrocinou traballos de caligrafía islámica e árabe.[20]
Aurangzeb foi obxecto de críticas e controversias.[21] Os críticos argumentan que as súas políticas abandonaron o legado de pluralismo e tolerancia relixiosa dos seus predecesores, citando a introdución do imposto jizya, a destrución de templos hindús, a execución do seu irmán máis vello Dara Shukoh, rei Sambhaji de Maratha[22][23] e o noveno gurú sikh Tegh Bahadur,[24][25] e a prohibición e supervisión do comportamento e as actividades que estaban prohibidas no islam como as apostas, a bebida, a música e o sexo prematrimonial.[26][27] Pénsase ás veces que a caída do imperio mogol comezou preto da fin do seu reinado, debido á súa intolerancia política e relixiosa.[28] Varios historiadores cuestionan a historicidade das afirmacións dos seus críticos, discutindo que a súa destrución de templos foi esaxerada,[29][30] que empregou significativamente máis hindús na burocracia imperial que os seus predecesores e que se opuxo á intolerancia contra os hindús e os xiítas.[31]
Aurangzeb tamén foi coñecido como Amir al-Mu'minin (líder dos fieis) e foi comparado con outros notables gobernantes musulmáns como o califa Umar e Saladin.[32][33][34] Foi unha figura prominente, admirada e controvertida nas culturas musulmá, bengalí, paquistaní e india.[35][36][37][38]