Igrexas ortodoxas orientais
From Wikipedia, the free encyclopedia
As Igrexas ortodoxas orientais son aquelas Igrexas cristiás orientais que aceptan tan só os tres primeiros concilios ecuménicos (Primeiro Concilio de Nicea, Primeiro Concilio de Constantinopla e Primeiro Concilio de Éfeso). Rexeitaron as definicións dogmáticas do Concilio de Calcedonia do 451. Tamén son coñecidas como igrexas orientais antigas, miafisitas ou non calcedonianas; e descritas tanto polo cristianismo occidental como pola Igrexa Ortodoxa como igrexas monofisitas (aínda que elas mesmas rexeitan esta descrición como inexacta, por ter rexeitado as ensinanzas de Nestorio e Eutiques).[1] Estas igrexas están en plena comuñón entre elas, aínda que son totalmente independentes.
Non se debe confundir ás igrexas ortodoxas orientais coas diferentes igrexas ortodoxas. A comuñón ortodoxa oriental abrangue seis igrexas: a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Ortodoxa Etíope, a Igrexa Ortodoxa Eritrea, a Igrexa Ortodoxa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Siria Malankara e a Igrexa Apostólica Armenia.[2] Estas igrexas, malia estar en comuñón entre elas, son xerárquicamente independentes.