Igrexas católicas orientais
From Wikipedia, the free encyclopedia
O termo Igrexas católicas orientais, tamén coñecidas como uniatas, refírese colectivamente ás 22 igrexas particulares autónomas en comuñón coa Santa Sé que, xunto coa Igrexa Latina, forman a Igrexa Católica universal. Conservan moitas antigas tradicións teolóxicas, litúrxicas e devocionais que, en moitos casos, comparten co resto das igrexas cristiás orientais coas que estiveron unidas no pasado, como a Igrexa Ortodoxa ou as igrexas ortodoxas orientais.
Aínda que comparten tradicións similares con estas igrexas ortodoxas, afástanse delas en temas doutrinais e teolóxicos, polo que non admiten a participación de membros destas outras igrexas nos sacramentos, agás baixo as circunstancias previstas polo dereito canónico.[1] No caso da Igrexa Ortodoxa isto é consecuencia, de xeito principal mais non exclusivo, de diferenzas conceptuais en canto ao papel e á autoridade do Bispo de Roma.
Historicamente, estás igrexas tiñan o seu ámbito de actuación en Europa do Leste, Oriente Medio, o Norte de África e a India. Por mor da emigración, teñen presenza tamén en Europa Occidental, América e Oceanía, onde teñen creado eparquías de xeito paralelo ás dioceses latinas.