Igrexa católica
Igrexa en comuñón co papa, organizada en 24 igrexas particulares / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Igrexa católica, tamén coñecida como Igrexa católica romana, é a maior denominación relixiosa cristiá con máis de 1.200 millóns de fieis.[1] Reclámase organizativa e doutrinalmente a Igrexa cristiá orixinal fundada por Xesús e os Doce Apóstolos. A Igrexa católica está gobernada polo papa e polo Colexio Episcopal, integrado polos bispos en comuñón con el, e do cal é cabeza. Hoxe en día os ritos que se empregan na Igrexa son o rito latino (con diversas variacións nalgunhas igrexas locais e nalgunhas ordes relixiosas), o rito bizantino, o rito copto, o siríaco, o armenio, o maronita e o rito caldeo.[2]
Igrexa católica Ecclesia Catholica | |
---|---|
Historia | |
Fundación | Século I en Xudea, Imperio Romano |
Motivo | Comezos do cristianismo |
Escisións | Gran Cisma (separación da Igrexa ortodoxa) Protestantismo, anglicanismo |
Goberno | |
Tipo de goberno | Episcopal |
Papa | Francisco |
Estrutura | Estruturada en dioceses |
Clasificación | |
Grupo | Catolicismo |
Demografía e cultura | |
Fieis | 1 200 000 000 |
Países | Todos, sen estrutura en países sen liberdade relixiosa |
Linguas litúrxicas | Latín, grego, demais linguas vernáculas |
Ritos litúrxicos | Bizantino, romano e outros |
Outros datos | |
Sede central | Roma |
Páxina web | vatican.va |
As notas esenciais que definen á Igrexa son a súa Unidade, Santidade, Catolicidade e Apostolicidade; estas notas atópanse en tódalas Igrexas particulares que constitúen a Igrexa católica, que son a Igrexa latina e as igrexas católicas orientais; todas elas teñen en común as devanditas notas ou características esenciais e a autoridade suprema do Romano Pontífice.
En ocasións a Igrexa católica é aludida como Igrexa católica apostólica romana ou como Igrexa católica romana; quen fai isto sostén que as Igrexas anglicana e ortodoxa tamén son católicas (no sentido etimolóxico e en todo o contido do termo) e que a única diferenza é non estar sometidos á autoridade do papa, ou ben se trata de persoas procedentes de países nos que o idioma adoptou esta expresión debido ao uso intenso por parte de comunidades relevantes de anglicanos e outros protestantes e de ortodoxos.