From Wikipedia, the free encyclopedia
As Historias (en grego antigo ἱστορίαι historíai 'aproximacións, investigacións') de Heródoto de Halicarnaso (484–despois do 430 a. C.) é unha obra escrita en dialecto xonio[1] que ten como obxectivo narrar os enfrontamentos que tiveron lugar entre gregos e bárbaros (asiáticos, especialmente persas) e, en concreto, as Guerras Médicas. Tamén contén unha descrición da historia e costumes do Antigo Exipto. Trátase da primeira obra historiográfica grega que nos chegou íntegra e está dividida en nove libros, cada un deles dedicado a unha musa.
As Historias de Heródoto constitúen, dentro da prosa grega, o mellor exemplo de composición literaria aberta; é dicir, non opera de modo rectilíneo, senón que intercala todo tipo de retardacións e digresións no argumento central. Este trazo compárteo coa Ilíada.
Proemio: Heródoto expón a súa intención: evitar que as fazañas das xeracións que o precederon sexan relegadas ao esquecemento (I 1), explicando as causas dos seus enfrontamentos.
Libro I: Para expoñer as causas do conflito (as Guerras Médicas), Heródoto pasa a abordar as primeiras diferenzas e enfrontamentos que se produciron entre gregos e bárbaros en época mítica (secuestros de Europa, Medea e Helena, Guerra de Troia). Con todo, marca certa distancia con estas tradicións e acto seguido indica quen, polo que el sabe, cometeu en primeiro lugar actos inxustos (Creso, rei de Lidia). Temos, pois, exposta nitidamente que a agresión é a medida da responsabilidade moral e xurídica.
A atención pasa inmediatamente á figura de Creso, o primeiro agresor. A historia de Lidia permite entrar en contacto co grande eixe da súa Historia, Persia; ao mesmo tempo, senta as bases da súa concepción teleolóxica do acontecer humano (entrevista entre Solón e Creso, I 28–33). O resto do libro I traslada a súa atención a Persia, coa entronización de Ciro II o Grande e diversas campañas deste rei (submisión de Xonia, Caria e Licia).
Libro II: Está dedicado na súa totalidade a Exipto: Cambises II, descrición da xeografía e etnografía de Exipto, e historia do país.
Libro III: Causas que induciron a Cambises a atacar Exipto. Campaña militar. Detalles acerca do carácter soberbio e impío de Cambises. Morte de Cambises e entronización de Darío I.
Libro IV: Segue a expansión persa: Escitia. Digresións acerca dos escitas. Campañas contra os escitas. Campaña contra Libia.
Libro V: O avance persa cérnese contra Grecia. Operacións contra Macedonia e Tracia. Sublevación xonia. Aristágoras de Mileto pide axuda a Esparta e Atenas, o que serve para desenvolver a Historia destas dúas cidades.
Libro VI: I Guerra Médica. Incursión persa en Macedonia. Historia contemporánea de Esparta e Atenas. Desembarco persa no Ática. Batalla de Maratón. Asuntos de política interna en Atenas: Alcmeónidas e Milcíades.
Libro VII: Os acontecementos precipítanse. As digresións posúen unha estreita relación estrutural co núcleo do relato. Tras a morte de Darío, Xerxes I toma o mando do Imperio aqueménida e decide a invasión de Grecia. Descríbese a inxente expedición, o paso do Helesponto e o desenvolvemento das operacións. Preparativos gregos para resistir; batalla das Termópilas.
Libro VIII: Batalla de Artemisio. Ocupación e destrución de Atenas. A poboación e a frota ateniense refúxianse na illa de Salamina. Batalla de Salamina. Retirada de Xerxes.
Libro IX: Batallas de Platea e Micala. Tráxicos amores de Xerxes. Toma de Sestos polos atenienses. Opinión de Ciro sobre os riscos do expansionismo.
O final das Historias é problemático. A cuestión fundamental é se a obra está inacabada e se Heródoto chegou até a fin cronolóxica que, na súa opinión, poñía remate á guerra. Na obra, ademais, hai promesas incumpridas (como o prometido logos asirio) que se poden deber á falta dunha última revisión. O certo parece ser que Heródoto traballou durante moito tempo na obra con varios plans (uns logoi dispersos, unha Historia de Persia, as Guerras Médicas) e en varias etapas compositivas.
O aspecto fundamental á hora de estudar a metodoloxía en Heródoto é o tratamento das fontes:
1. Como elemento primario para a obtención de datos, acostuma basearse na súa observación persoal (ὄψις), articulada, de acordo co procedemento dos logógrafos, seguindo un criterio ternario: descrición xeográfica dun país, descrición dos costumes do pobo establecido e atención aos aspectos máis sorprendentes (τὰ θωμάσια). Bo expoñente destas fases que compoñen a ὄψις son os λόγοι ('relatos'), que facilitan informacións que, en xeral, a crítica moderna tende a confirmar. En calquera caso, debe destacarse a súa sinceridade, pois nunca pretende ter visto máis do que viu.
2. Un segundo medio, coñecido co nome de ἱστορίη ('investigación'), baséase na obtención de datos a partir de fontes escritas, de importancia capital na composición da obra. Poden destacarse tres grandes grupos: poetas (Homero, Hesíodo, Arquíloco, Esopo, Solón, Safo, Simónides de Ceos, Alceo, Píndaro, Esquilo, Anacreonte...), as fontes epigráficas (en ocasións o seu descoñecemento de linguas non gregas lévao a interpretacións puerís) e logógrafos (Hecateo de Mileto, principalmente).
3. A terceira fonte é a ἀκοή, os testemuños orais. As Historias de Heródoto é fundamentalmente de tradición oral (fronte a Tucídides, por exemplo). O normal é que aluda estes testemuños de modo indeterminado, utilizando expresións do tipo «segundo os persas...», «uns din..., en cambio outros sosteñen...» etc.
4. Finalmente Heródoto completa a súa metodoloxía cunha serie de consideracións que se agrupan baixo o nome xenérico de γνῶναι. Son argumentacións que serven para establecer relacións de afinidade ou para afondar no exame crítico do argumentado.
É indubidable que estamos nos albores do xénero histórico, o que explica o exceso de detalles pouco contrastados, argumentacións inconsistentes e faltas de rigor analítico. Por outra parte, o descoñecemento da estratexia e a táctica militar é evidente.
Heródoto representa o espírito arcaico de Grecia antiga. Moita se insistiu sobre as concomitancias (e a amizade) entre Sófocles e Heródoto, pero a dualidade teolóxica e humana que preside a obra posúe un estreito parangón con Esquilo. A dobre motivación factual da traxedia esquilea (responsabilidade humana e causalidade divina) non é diferente da posición de Heródoto para quen (I 32, 1) «a divindade é, en todos as ordes, envexosa e causa de perturbación». Pero ao tempo, aparece unha tendencia que busca no home mesmo a causa do seu sino. Atopámonos cun plano sobrenatural que pon en relevo a fraxilidade do ser humano, que é «todo continxencia».
O destino, entón, convértese nunha forza premoral que se impón de maneira inexorable. Isto implica un pesimismo que é consubstancial ao pensamento grego. O ser humano séntese suxeito á inestabilidade e é impotente (ἀμήχανος) ante os designios divinos. Con todo, o aparente dogmatismo do φθόνος θεῶν ('envexa dos deuses') non diminúe a responsabilidade do home. Os castigos que este sofre acostuman estar motivados por unha xusta reacción divina ante a soberbia (ὕβρις) do ser humano: Cando un home se encontra encumiado nunha posición que excede as súas posibilidades naturais, tende a incorrer en ὕβρις, e é culpable de crimes e desaforos que atentan contra a estabilidade ético-social. Para precaverse da hostilidade divina, o home debe intentar practicar a xustiza, a piedade e a modestia, sen que, como ocorre en Sófocles, sexa absolutamente seguro que baste con isto para logralo. É un plan similar ao da traxedia, a lírica e a épica.
Esta actitude de Heródoto presidida pola moderación, determina o seu pensamento político: obrigado a exiliarse da súa patria por un réxime tiránico, abomina a tiranía, cunha esencia que é a irresponsabilidade ante a lei e os demais membros da comunidade; móstrase convencido dos beneficios que representa a liberdade, de aí a súa admiración por Atenas e a explicación do seu auxe. Liberdade fronte a sometemento é esencialmente o trazo diferencial entre gregos e bárbaros.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.