![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/aa/Heparin-2D-skeletal.png/640px-Heparin-2D-skeletal.png&w=640&q=50)
Heparina
From Wikipedia, the free encyclopedia
A heparina (do grego ηπαρ, hepar, fígado), é un polisacárido sulfatado do grupo dos glicosaminoglicanos, que se utiliza como anticoagulante. Ten a maior densidade de carga negativa de todas as biomoléculas coñecidas.[1] Tamén se usa en diversos aparellos médicos e de laboratorio para formar unha superficie anticoagulante interna, tales como tubos de ensaio e máquinas de hemodiálise.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/aa/Heparin-2D-skeletal.png/640px-Heparin-2D-skeletal.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/0/0f/Heparin-3D-vdW.png/640px-Heparin-3D-vdW.png)
Aínda que o seu uso médico principal é como anticoagulante, o seu verdadeiro papel fisiolóxico no corpo non está claro, porque a misión da anticoagulación no sangue lévana a cabo fundamentalmente os proteoglicanos con heparán sulfato (e non a heparina) derivados das células do endotelio vascular.[2] A heparina almacénase normalmente nos gránulos secretorios dos mastocitos, e é liberada nos vasos sanguíneos nos sitios onde hai danos tisulares. Suxeriuse que, en vez da anticoagulación, a misión principal da heparina no organismo podería ser a defensa dos tecidos danados contra a invasión de bacterias e materiais estraños.[3] Ademais, a heparina é unha substancia conservada evolutivamente en moitos taxons de animais, incluídos algúns invertebrados que non teñen sistemas de coagulación sanguínea comparables.