Heliea
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Heliea (grego antigo Ήλιαία Hēliáia) era o tribunal supremo da antiga Atenas. En xeral, sostense que o nome do tribunal provén do verbo ἡλιάζομαι hēliádsomai do grego antigo, que significa celebrar sesión. Outra versión é que o tribunal recibe o seu nome do feito que as audiencias se levaban a cabo no exterior, baixo o sol (ἥλιος hēlios)[n. 1]. A Heliea tamén era chamada gran ekklesía. Inicialmente, este era o nome do lugar onde se realizaban as audiencias, pero despois esta denominación estendeuse até incluír tamén ao tribunal[1].
Os xuíces eran chamados heliastas (ἡλιασταί hēliastái) ou dikastas (δικασταί ὀμωμοκότες = 'xuíces xurados', é dicir, 'os xurados'). Os procesos de xulgar eran chamados ἡλιάζομαι (δικάζω dikádsõ).
A Heliea era un tribunal popular composto por 6000 cidadáns, maiores de 30 anos e repartidos en dez clases de 500 cidadáns (1000 quedaban en reserva) sorteados cada ano para ser heliastas. A acusación era sempre, en ausencia do equivalente aos nosos «ministerios públicos», unha iniciativa persoal dun cidadán. En caso de condena, recibían unha parte da multa, como indemnización e recompensa dos seus esforzos pola xustiza, polo cal algúns cidadáns facían da delación o seu oficio. Eran os sicofantas. A pesar dos mecanismos que limitaban as desviacións deste sistema, isto contribuía a dividir a cidade e servía de argumento ao partido aristocrático contra o novo réxime. Por un complicado sistema e segundo o asunto, designábase por sorteo (baixo control dun maxistrado instrutor) un número pequeno ou grande de heliastas para cada proceso. Así, a título de exemplo, para un proceso privado, reuníanse 201 xuíces normalmente, 401 excepcionalmente. Para os procesos públicos, eran 501, 1001, ou 1501 xuíces. O labor de xulgar era difícil xa que non había un código de procedemento, nin código penal, ofrecendo así unha gran liberdade de interpretación das leis (por outra banda de cantidade reducida).
Os veredictos eran sen apelación e inmediatamente executábeis, onde se comprende o importante papel político que os tribunais da Heliea tiveron. Tiñan lugar duascentas reunións anuais, cada unha baixo a presidencia dun maxistrado que non tomaba parte na votación. O tribunal dos éfetas (51 membros) foi o que acaparou as prerrogativas do Areópago, podía reunirse en catro sitios diferentes segundo os tipos de asuntos:
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/3/30/AGMA_Jetons_vote.jpg/640px-AGMA_Jetons_vote.jpg)
- No Pritaneo, xulgaban todo o que puidera carrexar a morte de homes (obxectos, animais).
- No Paladio, xulgaban as mortes involuntarias, aos metecos e os escravos.
- No Delfinio, xulgaban a lexítima defensa.
- Nunha praia xulgaban aos exiliados que coñeceran unha morte no seu exilio. O acusado estaba sobre unha embarcación.