Gangliósido
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un gangliósido é un tipo de glicoesfingolípido exclusivamente animal, formado por unha ceramida unida a un oligosacárido, o cal contén un ou máis ácidos siálicos, como o ácido N-acetilneuramínico, (NANA ou NeuNAc) ou máis raramente o ácido N-glicolilneuramínico. Coñécense case 200 gangliósidos, que difiren principalmente na posición e número de residuos de NANA.
Os gangliósidos son compoñentes da membrana plasmática que modulan a transdución de sinais na célula. Aparecen agrupados en balsas lipídicas, fundamentalmente na capa externa da bicapa lipídica da membrana. Descubriuse recentemente que son moi importantes en inmunoloxía. Varios gangliósidos naturais e semisintéticos considéranse posibles moléculas de uso terapéutico para trastornos neurodexenerativos.[1]
Os gangliósidos son os glicoesfingolípidos máis complexos. O ácido N-acetilneuramínico que conteñen (NANA) é un derivado acetilado do carbohidrato ácido siálico (ou ácido neuramínico), fai que a cabeza polar dos gangliósidos estea cargada negativamente (é aniónica). En todos os gangliósidos a ceramida está unida polo C-1 a un residuo de β-glicosa, que, á súa vez, está unido a un residuo β-galactosa, formando unha lactosilceramida, á que se une o resto do oligosacárido, onde están os ácidos siálicos. O oligosacárido é ramificado. Os residuos de azucre engádense no aparato de Golgi por encimas chamadas glicosiltransferases e sialotransferases. A degradación dos gangliósidos realízana encimas que interveñen na ruta da endocitose-endosoma-lisosoma como sialidases, exoglicohidrolases e ceramidases.
O nome gangliósido deullo o científico alemán Ernst Klenk en 1942 a uns lípidos novos que illara das células ganglionares do cerebro.[2]