Fórum Universal das Culturas 2004
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Fórum Universal das Culturas 2004 ou Fórum de Barcelona 2004 foi a primeira edición do Fórum Universal das Culturas, que se organizou entre o 9 de maio e o 26 de setembro de 2004 en Barcelona (España). A idea de organizar este evento xurdiu en 1996, cando o entón alcalde de Barcelona, Pasqual Maragall propuxo a celebración dun grande acontecemento cultural durante o ano 2004. En novembro do ano 1997 a 29ª Conferencia Xeral da Unesco aprobou o proxecto do Fórum Barcelona 2004 por unanimidade. Durante este período traballouse na definición do acontecemento e do recinto onde este debía celebrarse. O orzamento foi de 324 millóns de euros.
O Fórum Barcelona baseouse en tres eixos temáticos, o desenvolvemento sostible, as condicións para a paz e a diversidade cultural. Estes temas foron tratados mediante exposicións, espectáculos e congresos internacionais, que se concentraron especialmente nun recinto de 30 hectáreas, construído especialmente para albergar este acontecemento.
Ao longo dos 141 días que durou dito evento, o recinto do Fórum recibiu a visita de 3 323 123 persoas. A pesar de que durante as últimas semanas, tivo que pechar portas algúns días pola excesiva afluencia de público, o cómputo final de visitas estivo por baixo das estimacións iniciais, que calculaban cinco millóns de visitantes. No conxunto de actividades do Fórum, tanto dentro como fóra do recinto, participaron máis de seis millóns de persoas.
As actividades celebradas fóra do recinto e que máis persoas mobilizaron foron o Entroido de Carlinhos Brown e o Festival do Mar, unha gran concentración de veleiros que foi acompañada de actividades diversas.