Evolución diverxente
From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución diverxente é a acumulación de diferenzas entre poboacións estreitamente relacionadas dentro dunha especie que dá lugar a unha especiación, é dicir, á formación de especies diferentes. A evolución diverxente dáse normalmente cando dúas poboacións quedan separadas por unha barreira xeográfica (como na especiación alopátrica ou na peripátrica) e experimentan diferentes presións selectivas que dan lugar a adaptacións ao seu novo ambiente. Despois de moitas xeracións e unha evolución continua, as poboacións xa son menos capaces de hibridarse entre si.[1] O naturalista norteamericano J. T. Gulick (1832-1923) foi o primeiro que usou o termo "evolución diverxente",[2] e o seu uso fíxose xeral na literatura evolutiva moderna. Os exemplos clásicos de diverxencia na natureza son a radiación adaptativa dos pimpíns das illas Galápagos ou as diferenzas de coloración en poboacións de especies que vive en diferentes hábitats como nos ratos Chaetodipus intermedius e nos lagartos Sceloporus undulatus.[3]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/97/Darwin%27s_finches.jpeg/220px-Darwin%27s_finches.jpeg)
O termo pode aplicarse tamén en evolución molecular, como nas proteínas que derivan de xenes homólogos. Tanto en xenes ortólogos (resultantes dun evento de especiación) coma nos xenes parálogos (resultantes da duplicación xénica) poden ilustrar a evolución diverxente. Por medio da duplicación de xenes faise posible que ocorra evolución diverxente entre dous xenes dentro dunha mesma especie. As semellanzas entre as especies que diverxeron débense á súa orixe común, polo que ditas semellanzas son homoloxías. A diferenza disto, a evolución converxente prodúcese cando se orixina independentemente en grupos diversos unha adaptación, creando estruturas análogas como as ás de aves e insectos.