From Wikipedia, the free encyclopedia
A estridulación[1] é o acto de producir son fretando certas partes do corpo. Este comportamento está principalmente asociado cos insectos, pero coñécese noutros animais tamén, como en varias especies de peixes, serpes e arañas. O mecanismo consiste en que unha estrutura que ten un labio, crista ou nódulos ben definidos (o "rascador" ou plectro) móvese sobre unha superficie con rugosidades ou cristas finas (a "lima" ou estridulitro -estridulitrum-, ás veces chamado pars stridens) ou viceversa, e isto causa unhas vibracións, como cando se arrastra transversalmente a agulla dun tocadiscos a través dos sucos dun disco de vinilo. Ás veces é a estrutura que leva a "lima" a que resoa producindo o son, pero noutros casos faino o "rascador", e ambas as variantes poden observarse en grupos relacionados.[2]
Os insectos e outros artrópodos estridulan fretando dúas partes do seu corpo, que forman os seus órganos estriduladores.
O mecanismo da estridulación coñécese mellor nos grilos, grilos ceboleiros e saltóns (ortópteros), pero hai outros insectos que estridulan, como os Curculionidae (coleópteros), Cerambycidae (coleópteros),[3] Mutillidae (himenópteros), Reduviidae (hemípteros), Buprestidae (coleópteros), Hydrophilidae (coleópteros acuáticos),[4] Cicindelinae (coleópteros), Scarabaeidae (coleópteros),[3] Glaresidae (coleópteros), larvas de Lucanidae (coleópteros),[5] Passalidae (coleópteros),[3] Geotrupidae (coleópteros), Alydidae (hemípteros),[6] Largidae (hemípteros),[7] Miridae (hemípteros), Corixidae (hemípteros, concretamente Micronecta scholtzi), varias formigas (himenópteros, incluíndo Solenopsis richteri),[8] algúns insectos palo como Pterinoxylus spinulosus,[9] e algunhas especies de Agromyzidae (dípteros). Aínda que as carricantas ou cigarras (Cicadoidea) son ben coñecidas pola produción de sons por medio de órganos timbal abdominais (que non son estridulacións), demostrouse que algunhas especies de Cicadoidea como Subpsaltria yangi poden producir sons por estridulación tamén.[10]
A estridulación tamén se coñece nunhas poucas tarántulas (arácnidos), e nalgúns milpés (Diplopoda, Oniscomorpha).[11] Tamén está espallada entre os crustáceos decápodos, como por exemplo en lagostas Panulirus longipes.[12] A maioría das arañas son silenciosas, pero algunhas especies de tarántulas estridulan se as molestan, como as Theraphosa blondi, que producen un ruído chifrante bastante alto fretando os pelos das patas, que se pode oír a unha distancia de ata 4,5 m.[13] Unha das arañas lobo, Schizocosa stridulans, produce sons de baixa frecuencia flexionando o seu abdome (propiamente sería tremulación, máis que estridulación) ou estridulacións de alta frecuencia usando os extremos dos seus pedipalpos.[14] Na maioría das especies de arañas a estridulación ocorre comunmente nos machos durante os encontros sexuais. Na especie Holocnemus pluchei, as femias tamén posúen órganos estriduladores, e ambos os sexos realizan estridulacións.[15] Un exemplo é a especie Steatoda nobilis, na que o macho produce estridulacións durante o apareamento.[16]
As partes anatómicas utilizadas para producir sons estridulantes son bastante variadas: o sistema máis común é o visto en saltóns e moitos outros insectos, nos que un rascador da pata posterior se freta contra a á anterior adxacente (en escaravellos e hemípteros as ás anteriores son duras); nos grilos e tettigónidos (ortópteros) unha "lima" situada nunha á frétase contra un rascador da outra á; nos escaravellos cerambícidos a beira posterior do pronoto rasca contra unha "lima" do mesonoto; noutros varios escaravellos o son prodúcese movendo a cabeza arriba e abaixo ou de esquerda a dereita, mentres que noutros os terxitos abdominais frétanse contra os élitros; nos Reduviidae a punta das pezas bucais rasca contra un suco cristado do prosterno; nos Mutillidae a beira posterior dun terxito abdominal rasca contra unha "lima" da superficie dorsal do seguinte terxito.
A estridulación en varios destes exemplos ten o obxectivo de atraer unha parella ou é unha forma de comportamento territorial, pero pode tamén ser un sinal de advertencia (aposematismo acústico, como nos Mutillidae e nas tarántulas). Este tipo de comunicación foi descrito primeiramente polo biólogo esloveno Ivan Regen (1868–1947).
Algunhas especies de serpes velenosas estridulan como parte da súa exhibición de ameaza. Ondulan o seu corpo formando unha serie de curvas que fretan facendo rozar as escamas para producir un son crepitante, como auga caendo nunha placa quente. O exemplo mellor coñecido é o dos membros do xénero Echis, aínda que tamén se observa no xénero Cerastes e na especie Atheris desaixi.[17][18]
Unha ave píprida da especie Machaeropterus deliciosus, ten un aparato de estridulación especializado.
Unha especie de mamífero tenrécido, o Hemicentetes semispinosus produce un ruído agudo ao fretar pugas especializadas das súas costas.[19]
Tamén algúns peixes poden estridular fretando pezas esqueléticas, como ocorre por exemplo en Arius felis e Bagre marinus (que fretan a base da espiña pectoral coa cintura pélvica) ou algúns cabalos de mar como Hippocampus erectus (que fretan ósos craniais). Outros peixes producen estridulacións cos dentes mandibulares ou farínxeos e algúns utilizan a vexiga natatoria como cámara de resonancia.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.