Eruditos bizantinos no Renacemento
artigo de listas da Wikimedia / From Wikipedia, the free encyclopedia
Numerosos eruditos consideran que a migración de sabios bizantinos tras o saqueo de Constantinopla polos cruzados (1204) e a caída do Imperio bizantino ante os otománs (1453), é unha das claves do rexurdimento dos estudos gregos e romanos que conduciron ao nacemento do humanismo renacentista[4] e a ciencia. Estes emigrados eran gramáticos, humanistas, poetas, escritores, impresores, conferenciantes, músicos, astrónomos, arquitectos, académicos, artistas, escribentes, filósofos, científicos, políticos e teólogos, que achegaron a Europa occidental o remanente de coñecemento de cultura grega clásica que acumularan e preservaran relativamente ben, e que en Occidente case non lograra sobrevivir aos anos escuros[5].
O seu principal papel no humanismo renacentista foi ensinarlles grego aos seus homólogos occidentais tanto nas universidades como en privado, así como difundir os textos antigos. Os seus precursores foron Barlaam de Calabria (Bernardo Massari) e Leoncio Pilato, ambos os dous provenientes da Calabria culturalmente bizantina do sur de Italia. O impacto destes dous eruditos nos primeiros humanistas do Renacemento é indiscutíbel[6].
O Colexio Pontificio Grego foi unha fundación de Gregorio XIII, que estableceu unha universidade en Roma para recibir aos mozos gregos de todos os países onde se usase o rito grego, e por conseguinte para os refuxiados gregos en Italia así como para os rutenos e os melquitas de Exipto e Siria. Estes mozos debían estudar teoloxía a fin de difundir posteriormente coñecementos tanto sagrados como profanos entre os seus compatriotas, e facilitar a reunificación coas igrexas cismáticas. Dunha soa vez comezouse a construción do colexio e da igrexa de san Atanasio, unidos por unha ponte sobre a Via dei Greci. Os primeiros estudantes chegaron ese mesmo ano (1577) e ata que se ultimou a construción do colexio hospedáronse noutra parte[7].
Ademais dos italianos meridionais, que habitaban territorios da península e de Sicilia antes bizantinos e aínda moi vinculados coa cultura de Bizancio -en moitas zonas mesmo seguían falando grego-, cara a 1500 había unha comunidade duns 5.000 falantes de grego en Venecia. Os venecianos tamén gobernaban Creta, Dalmacia, e illas e cidades portuarias dispersas polos territorios do antigo imperio, cuxa poboación aumentara cos refuxiados doutras provincias bizantinas, que preferían un goberno veneciano antes que un otomán. Creta era especialmente notábel pola súa escola de iconografía, que despois de 1453 se converteu na máis importante do mundo grego[8].