From Wikipedia, the free encyclopedia
O erisipeloide é unha doenza infecciosa humana causada pola bacteria Erysipelothrix rhusiopathiae que afecta o ser humano e transmítese por contacto sanguíneo cun animal ou carne infectado (xeralmente por abrasións nas mans por un rabuñazo, mordida ou por contacto con carne crúa ou case crúa).[1] Xeralmente a infección restrínxese á pel (erisipeloide cutáneo ou de Rosenbach), fundamentalmente nas mans, mais en casos raros migra ao interior do corpo e causa unha infección xeneralizada (septicemia).[2][3] Esta bacteria produce unha doenza parecida en animais, que son a fonte de contaxio para o home. É máis común entre persoas que tratan con carne e animais, como veterinarios, pescadores, carniceiros, cociñeiros e tratantes de animais.[4]
Erisipeloide | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Morfoloxía celular e colonial de Erysipelothrix rhusiopathiae. | |
ICD-10 | A26 |
ICD-9 | 027.1 |
DiseasesDB | 4432 |
MedlinePlus | 000632 |
eMedicine | derm/602 |
MeSH | D004887 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Non se debe confundir coa erisipela humana, a cal é causada por outras bacterias, os estreptococos, e ten outras características.
A Erysipelothrix rhusiopathiae é unha bacteria bacilar grampositiva que pode encontrarse en peixes, aves, mamíferos e moluscos. Na pel, pode producir certos encimas que lle axudan a abrirse camiño a través dos tecidos como a neuraminidase. Este encima axuda o microorganismo a invadir tecidos e entrar na corrente sanguínea. Ademais, ten dúas proteínas de superficie adhesivas, RSPA e RSPB, que serven para axudar o microorganismo a adherirse tanto a tecidos vivos, coma a fibras de coláxeno de tipo I e IV, e a superficies abióticas, como o polistireno. Cando entra na corrente sanguínea pode causar problemas cardíacos, neurolóxicos e articulares serios.[5]
Na pel causa unhas manchas vermellas, sensibles e quentes (eritema), fundamentalmente no dorso das mans.[6] Xeralmente o organismo elimina a bacteria por conta propia sen deixar secuelas. Raramente, consegue entrar na corrente sanguínea (bacteremia) causando problemas cardíacos, neurolóxicos ou articulares e sintomas de infección bacteriana como febre, dor e malestar.[5]
É común en diversos animais domésticos e salvaxes, dos que forma parte da súa flora normal, e encóntrase no 20 a 40% do gando saudáble, especialmente en porcos, onde na maioría dos casos son pouco ou nada sintomáticos.[7] A infección en humanos é rara, e considérase principalmente unha doenza laboral.
En xeral a bacteria é sensible ás penicilinas.[8] No raro caso de bacteremia, ademais de penicilinas, pode usarse cefalosporina, ceftriaxona ou ciprofloxacino soa ou en combinación con eritromicina ou rifampicina.[9] O tratamento pode ser por vía oral durante 5 a 7 días ou intramuscular en dose única. A bacteria é naturalmente resistente á vancomicina.[8]
Limpar as superficies que entran en contacto con animais ou carne con desinfectante, usar luvas e cociñar ben a carne axuda a previr esta infección.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.