Enfermidade celíaca
From Wikipedia, the free encyclopedia
A enfermidade celíaca ou doenza celíaca (celiaquía) é unha doenza autoinmune que comeza na infancia e está provocada por unha intolerancia intestinal permanente ao glute. Caracterízase por unha inflamación crónica do intestino delgado na zona do xexuno, causada pola exposición á gliadina, unha proteína vexetal dalgúns cereais na dieta.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2016.) |
Celiaquía | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Biopsia do intestino delgado na que se olla atrofia das vilosidades intestinais, hiperplasia das criptas e linfocitose intraepitelial. | |
OMIM | 212750 |
DiseasesDB | 2922 |
MedlinePlus | 000233 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A gliadina é un dos compoñentes do glute (proteína presente no trigo (Triticum spp.), o orxo (Hordeum vulgare), o centeo (Secale cereale), o triticale (× Triticosecale), o kamut (Triticum turgidum), o trigo vermello ou espelta (Triticum spelta) e posibelmente a avea (Avena sativa) —por cuestións de contaminación cruzada—). Ao ser exposta á gliadina, a encima transglutaminasa tisular modifica a proteína e o sistema inmune do individuo fai unha reacción cruzada en contra do intestino delgado, causando unha reacción inflamatoria que causa atrofia das vilosidades que recobren o intestino e interferencias na absorción de nutrientes.
En condicións normais todo alimento inxerido debe pasar por un proceso de dixestión que o degrade en partículas máis pequenas para que estas poidan ser despois absorbidas. Esta absorción de alimentos ten lugar no intestino delgado e para que isto sexa posíbel cómpre a existencia de vilosidades que, á súa vez, poderíamos comparar con raíces microscópicas que penduran no interior do intestino. O seu papel na absorción é semellante á que realizan as raíces das árbores sendo a lonxitude destas esencial para que dita absorción se produza en maior ou menor grao. Cando a lonxitude da vilosidade é acurtada, a absorción vese reducida e a nutrición da persoa queda comprometida. E é isto precisamente o que sucede cos celíacos, que sofren dun encurtamento destas raíces, o que provoca unha intolerancia ao glute.
É un trastorno que aparece en persoas xeneticamente predispostas, de todas as idades a partir da nenez. Os síntomas inclúen diarrea crónica, atraso do crecemento e/ou do desenvolvemento infantil, dispnea, erupcións na pel, perda de peso, cambios no carácter, vómitos e ventre inchado, malia que estes síntomas poden estar ausentes e aparecen de cando en vez, estes síntomas poden aparecer en calquera de case todos os órganos e sistemas do corpo. Estímase que a doenza afecta ao 1% da poboación de linguas indoeuropeas, aínda que se pensa que é unha enfermidade considerabelmente subdiagnosticada. Coma resultado de exames precoces, estase ollando un número crecente de diagnosticados asintomáticos.[1] O único tratamento eficaz é o cambio a unha dieta libre de glute e permitir a rexeneración das vilosidades intestinais.
Malia ser un trastorno causado por unha reacción ás proteínas do trigo, non é o mesmo que unha alerxia ao trigo. O termo axeitado é intolerancia ao glute, enteropatía sensitiva o glute, esprú endémico non-tropical e esprú celíaco.[2] O termo «celíaco» vén do grego κοιλιακός (koiliakós, intestinal). Foi introducido no século XIX nunha tradución da obra do médico grego Areteo de Capadocia, que é considerada a primeira descrición da doenza.[3]