From Wikipedia, the free encyclopedia
Emberiza pusilla é unha ave paseriforme que pertence á familia Emberizidae. É asiática e algunhas aves errantes poden chegar a Europa, incluída Galicia.[2]
Emberiza pusilla | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Exemplar na illa de Heligoland no mar do Norte | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
En galego ténselle dado a esta ave na literatura zoolóxica os nomes de escribenta pigmea[3] e escribenta anana,[2] pero o dicionario da Academia non acepta a palabra escribenta para os paxaros emberícidos, senón escribente (feminino)[4] ou escribidora[5]. No dicionario DiGalego só se acepta escribente (masculino).[6]
O nome do xénero Emberiza vén da palabra do alemán antigo Embritz, que era o nome que se lle daba alí a estas aves.[7] O nome específico pusilla en latín significa 'moi pequeno'.[7]
Foi descrita inicialmente por Peter Simon Pallas en 1776 e é unha especie monotípica,[8] sen variacións ao longo da súa extensa área de distribución euroasiática.[9]
É un pequeno emberícido, que mide só de 12 a 14 cm de lonxitude.[8] Ten un dorso marrón moi veteado e partes inferiores brancas cun fino veteado negro. Pola súa face castaña e banda malar branca, lembra unha pequena femia de escribente das canaveiras, pero diferénciano as bandas negras do píleo, o anel ocular branco e a beira fina negra da parte posterior das meixelas castañas. Os sexos son similares.
A chamada é un distintivo zik, e a canción é un vibrante siru-sir-sir-siru.
Esta ave cría na taiga do extremo norte de Europa e norte de Asia. É unha ave migratoria, que inverna nos subtrópicos no norte da India, sur da China e parte norte do sueste asiático.[9] As aves permanecen nos seus cuarteis de inverno durante moito tempo; recolléronse exeplares en Yunnan a finais de marzo.[10] Aparece como ave errante rara no oeste de Europa,[9] e en Galicia está considerada como unha ave accidental rara.[2] Esta especie é adaptable; nas montañas de Bután por exemplo, onde inverna un pequeno número delas, atópase normalmente en hábitats agrícolas, maiormente entre os 1000 e 2000 m de altura.[11]
Reprodúcese en bosques de coníferas abertos, a miúdo con algúns bidueiros ou salgueiros. Poñen de catro a seis ovos nun niño feito nas árbores. A súa comida natural consiste en sementes ou, cando están alimentando as crías, insectos.
A especie é común e ten unha ampla área de distribución, polo que non é considerada especie ameazada na Lista Vermella da IUCN.[1]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.