Ébola
enfermidade viral humana / From Wikipedia, the free encyclopedia
A febre hemorráxica do Ébola ou enfermidade polo virus Ébola (ICD-10, CIE-10)[1][2] e informalmente "o ébola" (ás veces escrito Ebola) é unha enfermidade viral humana contaxiosa e de alta mortalidade que pode ser producida pola infección de catro das cinco especies de Ebolavirus, que son: Zaire, Sudán, Bundibugyo, e Bosque Taï (ou Costa do Marfil). Os ebolavirus tamén afectan a algúns animais, e a quinta especie, Reston, afectou só a primates non humanos e porcos.[2] A especie prototípica é o Ebolavirus Zaire, tamén chamado simplemente virus Ébola[3]. Os primeiros gromos coñecidos desta enfermidade aconteceron en 1976 no sur do Sudán e en rexións preto do río Ébola (ou Ebola), na actual República Democrática do Congo (antes Zaire). As taxas de mortalidade da doenza son altas e nas distintas epidemias que se sucederon variaron entre o 90% e o 25% (media 50%).[2]
Enfermidade polo virus Ébola | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Fotografía de 1976 de dúas enfermeiras atendendo un paciente con ébola. | |
ICD-10 | A98.4 |
ICD-9 | 065.8 |
DiseasesDB | 18043 |
MedlinePlus | 001339 |
eMedicine | med/626 |
MeSH | D019142 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A infección produce febre hemorráxica; o seu período de incubación pode variar dos dous aos vinte e un días. O virus multiplícase polo fígado, o bazo, os pulmóns e o tecido linfático causando danos significativos. Os seus síntomas clínicos son moi similares aos da enfermidade polo virus Marburg; comeza cunha forte sensación de febleza, cefalea intensa, náuseas, vómitos, dores musculares, diarrea, dor abdominal e na garganta, despois avanza con tose seca e dores punzantes no peito ao tempo que se desenvolven signos de deshidratación, insuficiencia renal e hepática, e coagulación intravascular diseminada. No sangue detéctanse síntomas de leucocitose neutrofílica, trombocitopenia e anemia producíndose xeralmente a morte na segunda semana da enfermidade debido a fallos multiorgánicos ou shock hipovolémico.[2][4][5]
O virus pode contaxiarse por contacto co sangue ou fluídos corporais dun animal infectado (xeralmente monos ou morcegos da froita).[2] Non se transmite de forma natural polo aire.[6] Os morcegos da froita crese que son portadores e espallan o virus sen seren eles afectados. Unha vez que se produce a infección humana, a enfermidade pode contaxiarse dunha persoa a outra por contacto con fluídos corporais. Os homes superviventes poden transmitir a doenza por medio do seu seme normalmente durante un período de dúas a sete semanas despois de curados, pero rexistráronse casos de maior duración. Para facer o diagnóstico, xeralmente procúranse excluír outras doenzas con síntomas similares como a malaria, cólera e outras febres hemorráxicas virais. Despois compróbase en mostras de sangue do paciente a presenza de anticorpos contra o virus, ARN viral, ou a do propio virus para confirmar o diagnóstico.[2]
Entre as medidas de prevención están tratar de diminuír o espallamento da enfermidade desde os monos e outros animais aos humanos mediante o exame dos animais na procura de casos de infección ou mortes, e desfacerse dos seus corpos da forma máis axeitada. Tamén son útiles medidas como cociñar suficientemente a carne e levar roupas protectoras cando se manexa carne. Unha vez que comezou o gromo nas poboacións humanas debe levarse roupa protectora e lavar as mans cando se está cerca dunha persoa coa enfermidade e aplicar medidas xerais de desinfección. As mostras de fluídos corporais e de tecidos de persoas afectadas deberían manexarse con especial precaución.[2]
Non existe un tratamento específico para esta doenza; pode atenderse ás persoas infectadas dándolles unha terapia de rehidratación oral (auga algo azucrada e salgada para beber) ou fluídos intravenosos.[2] A doenza ten unha alta taxa de mortalidade: como media mata ao 50% dos infectados (a cifra exacta depende de cada epidemia e virus, e nalgúns casos chegouse ao 90%).[2][7] A doenza aparece tipicamente en gromos en rexións tropicais da África subsahariana.[2] Desde que se identificou en 1976 ata 2013, foron infectadas menos de 1.000 persoas por ano.[2][8] Porén, o maior gromo ata agora é o de 2014 que está afectando sobre todo Guinea, Serra Leoa e Liberia e que ata o momento non rematou.[9][9][10] Estanse a facer grandes esforzos para obter unha vacina, pero polo momento non existe ningunha,[2] e estanse a probar medicamentos experimentais.