Liberia
país de África / From Wikipedia, the free encyclopedia
Liberia,[1] oficialmente República de Liberia, é un país de África Occidental. Liberia significa "Terra dos libres" en latín.[2] Limita ao norte con Serra Leoa e con Guinea, ao leste con Costa do Marfil e ao suroeste co océano Atlántico. Abrangue unha área de 111 369 km² e está habitado por 4 503 000 de persoas (2015).[3] O inglés é a lingua oficial, e outras 20 linguas indíxenas son faladas por diferentes tribos que representan máis do 95% da poboación. A súa capital é Monrovia.
Os bosques da costa están compostos na súa maioría por mangleirais tolerantes do sol, mentres que as terras menos poboadas do interior teñen bosques que se abren a unha meseta de pasteiros. O clima é ecuatorial, con abondosas chuvias durante a estación húmida dende maio a outubro e o vento harmattan que lembra o paso do ano. Liberia posúe arredor do 40% da selva húmida guineana. Foi un importante produtor de caucho a comezos do século XX.
A República de Liberia comezou como un asentamento da American Colonization Society (ACS), pero declarou a súa independencia o 26 de xullo de 1847. Os Estados Unidos non recoñeceron a independencia de Liberia até a Guerra Civil Estadounidense o 5 de febreiro de 1862. Entre o 7 de xaneiro de 1822 e a Guerra Civil, máis de 15 000 escravos americanos liberados foron enviados dende os Estados Unidos e 3 198 afrocaribeños foron recolocados no asentamento.[4]
Os colonos afroamericanos levaron canda si a súa cultura a Liberia. A constitución liberiana e a súa bandeira foron creadas a semellanza dos Estados Unidos. O 3 de xaneiro de 1848, Joseph Jenkins Roberts, un rico afroamericano nado libre en Virxinia, foi elixido como o primeiro presidente de Liberia despois de que o pobo proclamara a independencia.[4] Ó contrario que o resto dos países africanos, Liberia é a única república que autoproclamou a independencia sen rebelarse e loitar con outra nación, sendo a primeira e máis antiga república do continente. Liberia mantivo e preservou a súa independencia durante a era colonial europea.
Durante a segunda guerra mundial, Liberia apoiou os esforzos dos Estados Unidos na loita contra Alemaña, e en troques, os Estados Unidos investiron unha infraestrutura considerable en Liberia para axudar os seus esforzos bélicos. Isto axudou ó país a modernizarse e a mellor as súas redes de transporte. Ademais, o presidente William Tubman foi o responsable de grandes reformas económicas que transformaron o país. Internationalmente, Liberia foi un membro fundador da Sociedade de Nacións, da Organización das Nacións Unidas e da Organización para a Unidade Africana.
As tensións políticas duradeiras por mor do goberno durante 27 anos de William Tubman deveron nun golpe de estado militar en 1980, marcando o comezo dunha política de inestabilidade. Cinco anos de goberno do People's Redemption Council e outros cinco anos de goberno civil do National Democratic Party of Liberia foron seguidos pola Primeira e Segunda Guerra Civil Liberianas. Os resultados foron a morte e o desprazamento de máis de medio millón de persoas e a devastación da economía. O acordo de paz de 2003 conseguiu unhas eleccións democráticas no 2005. A recuperación do país avanza, pero arredor dun 85% da poboación vive por debaixo do limiar de pobreza.
A estabilidade económica e política de Liberia estivo ameazada na década de 2010 pola epidemia do ébola. Orixinouse en Guinea en decembro de 2013, entrou en Liberia en marzo de 2014 e foi declarada oficialmente rematada o 8 de maio de 2015.[5][6][7]