Dólar do cabelo solto
primeiro dólar de prata dos EEUU (1794-1795) / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar do cabelo solto (en inglés: Flowing Hair dollar) foi unha moeda dun dólar de prata cuñada en 1794 e 1795 na Casa da Moeda de Filadelfia, a primeira con este valor emitida polo Goberno federal dos Estados Unidos. O seu peso e o seu tamaño establecéronse tomando como base o real de oito español, unha moeda daquela moi utilizada no comercio en todo o continente americano.
Dólar do cabelo solto [1] | |
---|---|
Busto feminino co cabelo solto, rodeado por 15 estrelas. LIBERTY na parte superior. Data no exergo. | Aguia coas ás abertas ollando cara á dereita, dentro dunha coroa vexetal. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA. |
|
En 1791, logo dun estudo levado a cabo polo secretario do Tesouro, Alexander Hamilton (1757-1804), o Congreso aprobou unha resolución conxunta na que se solicitaba a creación dunha casa da moeda nacional. Ese mesmo ano, no seu terceiro discurso sobre o estado da Unión, o presidente George Washington (1732-1799) requiriu ao Congreso a creación da nova ceca, que foi autorizada oficialmente pola Lei da Moeda de 1792. Malia a autorización, ata 1794 non comezaron as cuñaxes de prata e de ouro.
Neste contexto, en 1794 producíronse as primeiras moedas dun dólar de prata, coñecidas como "dólar do cabelo solto", deseñadas polo primeiro gravador Xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Robert Scot (1745-1823). O ano seguinte realizouse unha segunda emisión, e este modelo foi substituído en outubro de 1795 polo coñecido como "dólar do busto drapeado".