Dólar do busto drapeado
antiga moeda dun dólar de prata dos EEUU / From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar do busto drapeado (en inglés: Draped Bust dollar) é unha moeda estadounidense con valor dun dólar, cuñada en prata entre 1795 e 1803 na Casa da Moeda de Filadelfia. A partir da década de 1830 producíronse recuñaxes que amosan a data de 1804.
Dólar do busto drapeado (1º modelo) [1] | |
---|---|
Busto drapeado cara á dereita, rodeado por 15 estrelas. LIBERTY na parte superior. Data no exergo. | Aguia coas ás abertas ollando cara á dereita, dentro dunha coroa vexetal. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA. |
|
Trátase da segunda moeda dun dólar estadounidense, sucesora da coñecida como "dólar do cabelo solto".
Descoñécese a identidade do seu deseñador e da modelo do anverso, aínda que tradicionalmente atribúenselles, respectivamente, ao artista Gilbert Stuart e á dama da alta sociedade de Filadelfia Ann W. Bingham.
En outubro de 1795, Elias Boudinot, acabado de nomear como director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, ordenou que se utilizase para a moeda dun dólar unha pureza de prata do 89,2 %), no canto da non autorizada do 90 %, que era a que se viñera utilizando desde que se comezou a cuñar a moeda dun dólar en 1794. Debido en gran medida á diminución da cantidade de prata depositada na Casa da Moeda de Filadelfia, a cuñaxe de dólares de prata diminuíu ao longo dos derradeiros anos do século XVIII. Finalmente, en 1804 detívose a produción de dólares de prata, aínda que a derradeira data quen aparece nas moedas de circulación estándar é a de 1803.
En 1834, retomouse temporalmente a produción dos dólares de prata, co fin de subministrar a unha misión diplomática en Asia xogos especiais de moedas cun acabamento especial (proof), para serviren como agasallo diplomático. Os funcionarios creron, erroneamente, que a última data que aparecía nos dólares da emisión regular fora a de 1804, o que os levou a utilizar esa data, en lugar do ano en que, efectivamente, se produciron estas recuñaxes.
A serie completa de moedas co deseño do busto drapeado, emitida entre 1795 e 1807, abrangue os seguintes valores: ½ cent e 1 cent en cobre, e 5 cents, 10 cents, 25 cents, ½ dólar e 1 dólar en prata.[2]