![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/9e/Centraldogma_nodetails_gl.gif/640px-Centraldogma_nodetails_gl.gif&w=640&q=50)
Dogma central da bioloxía molecular
From Wikipedia, the free encyclopedia
O dogma central da bioloxía molecular é unha explicación do sentido do fluxo de información xenética nun sistema biolóxico. Foi formulado por Francis Crick en 1958[1] e reformulado nun artigo publicado na revista Nature en 1970:[2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/9e/Centraldogma_nodetails_gl.gif/640px-Centraldogma_nodetails_gl.gif)
- O dogma central da bioloxía molecular trata coa transferencia detallada residuo por residuo da información secuencial. Afirma que esa información non pode ser transferida en dirección inversa desde unha proteína a outra proteína ou a un ácido nucleico.
Ou, en palabras de Marshall Nirenberg, "o ADN fai o ARN, o ARN fai as proteínas" (DNA makes RNA, RNA makes protein).[3]
Para apreciar o significado do concepto, nótese que Crick aplicou incorrectamente o termo "dogma" con ignorancia (como el mesmo despois recoñeceu na súa autobiografía). Na súa aplicación en teorías de bioloxía molecular ou evolutiva, nin entón nin posteriormente, a proposta de Crick non ten nada que ver co significado auténtico de "dogma", senón que é unha teoría científica como calquera outra.
O dogma é un marco para comprender a transferencia da información das secuencias entre os biopolímeros que levan información secuencial, no caso máis común ou xeral, nos organismos vivos. Hai tres grandes clases dese tipo de biopolímeros: ADN e ARN (ambos os dous ácidos nucleicos), e proteínas. Hai 3×3 = 9 transferencias directas posibles de información que poden ocorrer entre eles. O dogma clasifícaas en 3 grupos de tres:
- 3 transferencias xerais, que ocorren normalmente na maioría das células. As transferencias xerais describen o fluxo normal da información biolóxica: O ADN pode ser copiado a outro ADN (replicación do ADN), a información do ADN pode ser copiada a un ARNm (transcrición xenética), e as proteínas poden ser sintetizadas utilizando a información do ARNm como molde (tradución de proteínas).[2]
- 3 transferencias especiais, que se sabe que ocorren, pero só en condicións específicas en certos virus ou no laboratorio. Tamén se dan en transposóns.
- 3 transferencias descoñecidas, que se cre que nunca ocorren.