Dixestión anaerobia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A dixestión anaerobia é o conxunto de procesos polos cales os microorganismos degradan o material biodegradable en ausencia de oxíxeno.[1] O proceso utilízano de forma natual certos microorganismos no seu metabolismo e tamén se utiliza en moitas aplicacións industriais e domésticas para tratar o lixo e/ou producir combustibles. Moitas das fermentacións utilizadas industrialmente para producir alimentos e bebidas, e as fermentacións caseiras, utilizan a dixestión anaerobia.
A dixestión anaerobia prodúcese de forma natural nalgúns solos e en lagos e nos sedimentos das cuncas oceánicas, onde xeralmente se denomina "actividade anaerobia".[2][3] Esta actividade é, por exemplo, a fonte do gas metano dos pantanos, como descubriu Volta xa en 1776.[4][5]
O proceso de dixestión anaerobia empezou coa hidrólise bacteriana de materiais. Nela polímeros orgánicos insolubles, como carbohidratos, son degradados dando derivados solubles utilizables por outras bacterias. As bacterias acidoxénicas converten despois os azucres e aminoácidos en dióxido de carbono, hidróxeno, amoníaco, e ácidos orgánicos. Estas bacterias converten estes ácidos orgánicos resultantes en ácido acético, xunto con amoníaco adicional, hidróxeno, e dióxido de carbono. Finalmente, os metanóxenos converten estes produtos en metano e dióxido de carbono.[6] As poboacións de arqueas metanoxénicas xogan un indispensable papel nos tratamentos anaerobios de augas residuais.[7]
A dixestión anaerobia utilízase como parte do proceso de tratamento do lixo biodegradable e de lodos de augas residuais. A dixestión anaerobia, como parte dun sistema integrado de xestión do lixo, reduce a emisión á atmosfera de gases nos vertedoiros de lixo. Os dixestores anaerobios poden tamén ser alimentados con colleitas agrícolas enerxéticas cultivadas con ese propósito, como o millo.[8]
A dixestión anaerobia utilízase amplamente como fonte de enerxía renovable. O proceso produce biogás, que consiste en metano, dióxido de carbono e trazas doutros gases "contaminantes".[1] Este biogás pode utilizarse directamente como combustible, en motores de gas de electricidade e calor combinados[9] ou ser mellorado a biometano de calidade de gas natural. O dixestato rico en nutrientes tamén producido pode utilizarse como fertilizante.
Coa reutilización do lixo como recurso e as novas estratexias tecnolóxicas que rebaixaron os custos de capital, a dixestión anaerobia está recibindo nos últimos anos unha atención crecente dos gobernos de varios países, como Reino Unido (2011)[10] Alemaña[11] e Dinamarca (2011).[12]