Diocese católica latina de Astorga
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A diocese de Astorga ou diocese asturicense é unha diocese da Igrexa Católica Latina sufragánea da de Oviedo, cuxa sé catedralicia está radicada na cidade de Astorga.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Castela e León | ||||
Provincia | provincia de León | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 259.450 (2018) (22,51 hab./km²) | ||||
Lingua usada | lingua castelá | ||||
Relixión | Igrexa católica latina | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 11.528 km² | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 747 | ||||
Catedral | Catedral de Astorga (pt) | ||||
Páxina web | diocesisastorga.es | ||||
Comprende territorios que se estenden por parte das provincias actuais de León, Zamora, ambas as dúas pertencentes civilmente á comunidade de Castela e León, ademais de por parte da provincia de Ourense, na comunidade de Galiza. Nesta son asturicenses as comarcas de Valdeorras, Trives, e Viana; ademais algunhas freguesías dos concellos de Chandrexa de Queixa e A Gudiña, tamén o son. A comarca lucense de Quiroga foi asturicense até o ano 1955, pasando entón á diocese de Lugo ao trocarse por territorios lucenses no Valcarce, no Bierzo. Historicamente tamén formaron parte desta diocese territorios portugueses da Terra de Miranda, actualmente pertencentes á diocese de Bragança, o que se ten aducido para explicar a persistencia de dialectos leoneses nesa comarca (ver mirandés).
Na actualidade a diocese de Astorga ocupa uns 11.525 km² de superficie, dos cales corresponden á provincia de León 6.299 km² (54,65 % do total), á provincia de Zamora 3.526 km² (30,59 %) e á provincia de Ourense 1.700 km² (14,75 % da diocese). A poboación total do bispado apenas superaba os 200.000 habitantes, dos cales algo máis de 40.000 corresponden ao territorio galego.
A mención máis antiga do cristianismo nestas terras, no século III, menciona xa a existencia dun bispo en Astorga. Trátase dunha carta dirixida polo bispo de León, no ano 254, ao metropolitano de Cartago, Cipriano, que menciona a comunidade cristiá de Astorga e o seu bispo Basílides. As mencións dun bispo, Efrén, no ano 60, é unha piadosa lenda carente de rigor histórico. O que a epístola a Cartago permite supor é que as comunidades de León e Astorga teñen a súa orixe en África, pois era costume desta época consultar os problemas eclesiásticos coas igrexas madre.
Durante o século V, vólvense a ter noticias do bispado astorgano, pois o seu prelado, San Toribio, ten intervención nos problemas suscitados cos seguidores do priscilianismo.
No século VI o territorio asturicense está comprendido dentro do Reino Suevo. O Parochiale suevorum, un documento que mostra a organización eclesiástica do territorio desa monarquía, menciona a diocese asturicense xunto con outras da Gallaecia. Asigna a Astorga un territorio en parte diferente do que administraría a partir da Alta Idade Media: Ad Asturicensem sedem ipsa Astorica: Legio, Bergido, Petra speranti, Comanca, Ventosa, Maurelos superiores et inferiores, Senimure, Francelos, Pesicos, pois inclúe na diocese as igrexas de León (Legio), Zamora (Senimure) ou mesmo territorios asturianos, como Pesgos (Pesicos). Mais non lle atribúe ningunha igrexa no que hoxe é o territorio histórico de Galiza, pois unha parte están indicados para o bispado de Ourense, así Trives (Teporos) ou Valdeorras (Geurros), á que aínda lle asigna a Seabra (Senabria). O territorio de Quiroga (Carioca) está, no Parroquial, asignada a Lugo.
No século VIII, Astorga foi incluída no territorio dominado polos árabes. Houbo que esperar até Afonso III para que pasase de novo a mans cristiáns. Porén o territorio da diocese tardou máis en reorganizarse.
Ha que agardar até o ano 934 para que o rei Ramiro II faga a chamada Restitución da Igrexa Asturicense. O monarca convoca un concello de bispos e relixiosos xunto con magnates laicos, que asinan, o 17 de xaneiro, un documento no cal se indican as igrexas que se atribúen agora á diocese astorgana: en terras de Braganza seguindo o río Tuela ata confluír co Douro, de aí cara a Zamora, incluíndo Aliste e Seabra, Trives, Caldelas, O Courel e Quiroga e máis Valdeorras integramente, engadindo algo máis abaixo as igrexas de Toro (in Bergantia per illum riuulum qui dicitur Tuela, et discurrit dum intrat in Dorio contra Zamora ad partem Orientis, et intus Alisti et Senabria, Tribes, Caldellas, Caurille et Quiroga, et Iurres ab omni integritate [...] tornamus ad ciuitatem Astoricensem eclesias de Campo Tauro). O texto, que sofre sospeitas de autenticidade, non cita as actuais comarcas do Bolo e Viana, porque seguramente estaba incluída nos territorios de Trives e do Valdeorras, e que si aparecen como Roboreta = Robleda, nun documento confirmatorio e que, de paso, autentifica dubidosos acordos anteriores, debido ao rei Ordoño II do ano 956). A reconstrución efectuada agora acomodaba a diocese astorgana, pola súa banda occidental, aos límites do antigo convento asturicense romano, que foi o que a corte debeu ter en mente para restaurar a diocese, aínda que resultase imposíbel retornarlle outros territorios que a compuxeran, nos que agora había xa outras sés coas correspondentes terras, como Oviedo ou León.
Este artigo sobre relixión é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.