Remove ads
entidade eclesiástica galega From Wikipedia, the free encyclopedia
A diocese de Lugo (en latín: Dioecesis Lucensis in Hispania) é unha sé territorial galega da Igrexa católica latina sufragánea da arquidiocese de Santiago de Compostela. No ano 2004 contaba con 296.389 bautizados sobre 296.961 habitantes. Actualmente está presidida polo bispo Alfonso Carrasco Rouco.
Dioecesis Lucensis in Hispania (la) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Poboación | |||||
Poboación | 263.544 (2019) (34,21 hab./km²) | ||||
Lingua usada | lingua castelá lingua galega | ||||
Relixión | catolicismo | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 7.703 km² | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Catedral | catedral de Lugo | ||||
Sitio web | diocesisdelugo.org | ||||
A diocese comprende a parte meridional da provincia de Lugo, e inclúe ademais parroquias pertencentes ás provincias da Coruña e Pontevedra[1]. A sede episcopal é a cidade de Lugo, na que se acha a catedral de Santa María de Lugo.
O seu territorio abrangue uns 7.780 km² e está subdividido en 1.138 parroquias, agrupadas en 28 arciprestados. Lugo é a diocese con maior número de parroquias de toda España.
A diocese de Lugo foi creada en época antiga. Segundo tradición, infundada historicamente, o país galaico foi evanxelizado polo apóstolo Santiago, mais o primeiro bispo, Capitón, é de fins do século V. Inicialmente a diocese comprendía cerca da metade da Gallaecia.
A primeira catedral era moi antiga. No 832 era descrita como un edificio de extraordinaria beleza, constituíndo o modelo para a catedral de Oviedo.
A mediados do século VI cedeu unha porción do seu territorio setentrional para a creación da diocese de Bretoña (actual diocese de Mondoñedo-Ferrol). Apenas refundada, a fins do século XI a diocese de Lugo cedeu á diocese de Mondoñedo outra vez unha parte do seu territorio setentrional.
No 560 a diocese foi elevada ao rango de arquidiocese metropolitana, tendo como sufragáneas as dioceses de Tui, de Iria, de Bretoña, de Ourense e mais de Astorga. Lugo foi conquistada polos musulmáns en 713 e, reocupada polos cristiáns, de modo que no ano 745 foi restabelecida coa súa dignidade metropolitana.
En 832 fóronlle asignadas á arquidiocese de Lugo as cidades de Braga e Ourense, coa condición de desprenderse delas cando houbese unha futura restauración das respectivas sedes. Os bispos residentes en Lugo usaron en tanto o dobre título de arcebispos de Braga e de Lugo. A primeira destas sedes que foi refundada foi a diocese de Ourense, no ano 886, segundo os seus supostos antigos límites, aínda que unha disputa territorial sobre deles chegaría a prorrogarse até a intervención do papa Lucio III no ano 1185.
A arquidiocese de Braga foi restabelecida no ano 1071 e, ao que parece, Lugo debía recibir nesta ocasión unha compensación territorial por parte da diocese de Oviedo. Con todo, as disputas con Braga non foron resoltas de todo até o século XIV. No mesmo ano 1071 a diocese de Lugo perdeu o rango de arquidiocese metropolitana e pasou a ser sufragánea da arquidiocese de Braga, mais o 27 de febreiro de 1120 pasou a formar parte da provincia eclesiástica da arquidiocese de Santiago de Compostela.
No ano 1129 decidiuse a construción dunha nova catedral, que non sería rematada até 1880. En consecuencia, a catedral actual presenta unha estratificación de diversos estilos: románico, gótico, barroco e neoclásico.
O 13 de xuño de 1599 foi instituído o seminario diocesano, aínda que non iniciaría as actividades até 1624, probablemente debido a problemas económicos. Orixinariamente, cada arciprestado dirixiría un certo número de vacantes do seminario, determinado segundo a contribución económica do mesmo.
En 1645 a diocese estaba subdividida en 39 arciprestados, mentres dun mapa do ano 1768 colíxese unha subdivisión en 35 parroquias e tres priorados beneditinos, estes gobernados polo abade de Samos e que conformaban unha prelatura territorial (hoxe defínese como abadía nullius). Esta prelatura territorial foi suprimida no século XIX, como consecuencia da exclaustración e a desamortización de Mendizábal. O 9 de agosto de 1890 aprobouse unha nova subdivisión parroquial, pero que sufriría numerosas reformas ao longo do século XX: 31 de decembro de 1934, 9 de xuño de 1942, 15 de setembro de 1955, 14 de agosto de 1964, 23 de xullo de 1970, 14 de xuño de 1985 e 28 de setembro de 1995.
O 17 de outubro de 1954, consonte o Concordato de 1953, foron modificados os confíns diocesanos, presuntamente para adaptalos aos das provincias civís.[2] En particular foron cedidas algunhas parroquias de fóra da provincia civil á diocese de Astorga, Mondoñedo e Ourense e foron agregadas á diocese outras parroquias que as dioceses de Ourense e Astorga e máis a diocese de Oviedo posuían na provincia de Lugo[3].
O seminario edita a revista semestral Lvcensia (subtitulada "Miscelánea de cultura e investigación"), que en 2014 ía polo volume XXIV, números 48 e 49[4].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.