![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a9/Dino_Zoff_-_1972_-_Juventus_FC_%2528cropped%2529.jpg/640px-Dino_Zoff_-_1972_-_Juventus_FC_%2528cropped%2529.jpg&w=640&q=50)
Dino Zoff
futbolista italiano / From Wikipedia, the free encyclopedia
Dino Zoff, nado en Mariano del Friuli (Gorizia) o 28 de febreiro de 1942, é un exfutbolista italiano que xogaba como porteiro. Considerado un dos mellores gardametas de todos os tempos,[1][2][3] foi o xogador de máis idade en gañar a Copa do Mundo, a que levantou como capitán da selección italiana en 1982, con 40 anos, 4 meses e 13 días.[4] Tamén levou o premio ao mellor porteiro do torneo, do mesmo xeito que fixera na Eurocopa de 1968, que tamén conquistou coa azzurra, converténdose no único xogador italiano que gañou tanto o Mundial como a Eurocopa.[5] Triunfou tamén coa Juventus, gañando seis títulos da Serie A, dúas Copas Italia e unha Copa da UEFA, ademais de acadar dúas finais da Copa de Europa. En 1973, ano no que estivo a piques de conseguir un triplete co equipo de Turín, quedou segundo nas votacións para o Balón de Ouro, sendo superado só por Johan Cruyff.
Foi nomeado o terceiro mellor porteiro do século XX pola IFFHS, só por detrás do soviético Lev Iashin e do inglés Gordon Banks.[6] Posúe o récord de máis minutos sen encaixar un gol en torneos internacionais (1.142), marca que estableceu entre 1972 e 1974.[7][8] Con 112 partidos, é o sexto xogador da selección italiana por número de encontros disputados. En 2004, Pelé incluíuno na súa lista dos 100 mellores futbolistas vivos. Ese mesmo ano quedou quinto na enquisa do Xubileo de Ouro da UEFA, e foi elixido como o mellor xogador italiano dos últimos 50 anos.
Despois de retirarse como futbolista traballou como adestrador, gañando coa Juventus unha Copa da UEFA e dúas Copas Italia na tempada 1989/90. Tamén dirixiu á selección italiana, coa que chegou á final da Eurocopa de 2000, caendo ante Francia.