escritor italiano From Wikipedia, the free encyclopedia
Kurt Erich Suckert, nado en Prato o 9 de xuño de 1898 e finado en Roma o 19 de xullo de 1957, foi un xornalista, dramaturgo, escritor e diplomático italiano coñecido como Curzio Malaparte. O apelido escollido para asinar as súas obras, que empregou desde 1925 significa literalmente "de mal lugar" e é un xogo de palabras con "Buonaparte", en referencia a Napoleón Bonaparte.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Kurt Erich Suckert 9 de xuño de 1898 Prato, Italia |
Morte | 19 de xullo de 1957 (59 anos) Roma, Italia |
Causa da morte | cancro de pulmón |
Educación | Universidade de Roma La Sapienza Convitto Nazionale Cicognini (en) |
Actividade | |
Lugar de traballo | París |
Ocupación | director de cinema, correspondente de guerra, novelista, ensaísta, escritor, xornalista, diplomático, guionista, dramaturgo |
Partido político | Partido Nacional Fascista (pt) |
Carreira militar | |
Rama militar | Legião Estrangeira Francesa (pt) |
Conflito | Primeira guerra mundial |
Familia | |
Parella | Virginia Bourbon del Monte |
Premios | |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978 |
|
Malaparte, de nai lombarda, Edda Perelli e pai alemán, Erwin Suckert,[1] foi educado no Colexio Cicognini, do que escapou en 1914 para alistarse no exército francés con só dezaseis anos e loitar na primeira guerra mundial, onde alcanzou o rango de capitán no Quinto Rexemento Alpino e algunhas condecoracións ao valor. Despois estudou na Universidade de Roma La Sapienza. En 1918 comezou a súa carreira como xornalista e en 1922 formou parte da marcha sobre Roma de Benito Mussolini. En 1924 fundou o xornal romano La Conquista dello Stato, un título que inspirou a Ramiro Ledesma Ramos o seu semanario La Conquista del Estado. Como membro do Partido Nacional Fascista, fundou varios xornais, editou dous deles, contribuíu a outros a través dos seus artigos e ensaios e escribiu numerosos libros desde principios dos anos vinte.
En 1926 fundou, xunto con Massimo Bontempelli (1878-1960), a publicación trimestral 900. Posteriormente converteuse en coeditor de Fiera Letteraria (1928-1931) e nun dos editores de La Stampa en Turín. A súa novela de guerra confesional La rivolta dei santi (1921) criticou a Roma corrupta como o verdadeiro inimigo. En Tecnica del colpo di Stato (1931) Malaparte atacou a Adolf Hitler, o que o levou a ser expulsado do partido fascista e enviado ao [[]]exilio interno na illa de Lipari de 1933 a 1938, ano en que foi liberado pola intervención persoal de Galeazoo Ciano, xenro e potencial herdeiro de Mussolini. O réxime de Mussolini detivo de novo a Malaparte en 1938, 1939, 1941 e 1943, encarcerándoo na prisión romana de Regina Coeli. Durante ese tempo (1938–41) construíu unha casa co arquitecto Adalberto Libera, coñecida como Casa Malaparte, en Capo Massullo, na illa de Capri.[2] Posteriormente, Jean-Luc Godard rodou nela o seu filme Le Mépris.
O seu notable coñecemento de Europa e dos seus líderes políticos foi o resultado da súa experiencia como correspondente e como parte do corpo diplomático italiano. En 1941 foi enviado a cubrir a guerra en Rusia como correspondente do Corriere della Sera. Os artigos que enviou desde a fronte ucraína, moitos dos cales foron suprimidos, foron compilados en 1943 e publicados baixo o título Il Volga nasce in Europa. Esta experiencia proporcionou a base dos seus dous libros máis famosos, Kaputt (1944) e La pelle (1949).
Como para unha nota editorial, en Kaputt, a súa descrición ficcionada da guerra, subrepticiamente escrita, presenta o conflito desde a perspectiva dos que estaban condenados a perdela. A descrición de Malaparte está marcada polas súas reflexións líricas, como cando se atopa cun destacamento de soldados que foxen dun campo de batalla ucraíno:
Cando os alemáns teñen medo, cando ese misterioso medo alemán comeza a moverse lentamente baixo os seus ósos, sempre espertan especial horror e compaixón. O seu aspecto é miserable, a súa crueldade triste, a súa coraxe silenciosa e desesperada.
En La pelle, Malaparte amplía o gran fresco da sociedade europea que comezou con Kaputt, onde o escenario era a Europa do Leste. Neste caso, é Italia durante os anos 1943 a 1945. En lugar dos alemáns, os invasores son as forzas armadas dos Estados Unidos. O libro, que representa a triunfante inocencia estadounidense no contexto da experiencia europea de destrución e colapso moral, foi incorporado ao Index Librorum Prohibitorum (Índice Vaticano de Libros Prohibidos).[3]
De novembro de 1943 a marzo de 1946 estivo destinado no alto mando estadounidense en Italia como axente de enlace italiano. Os artigos de Malaparte apareceron en moitas publicacións literarias de prestixio en Francia, Reino Unido, Italia e os Estados Unidos.
Despois da guerra, as súas tendencias políticas de esquerda radicalizáronse, converténdose en membro do Partido Comunista Italiano.[4] En 1947 estableceuse en París e escribiu obras de teatro sen moito éxito. A súa obra Du Côté de chez Proust estaba baseada na vida de Marcel Proust e Das Kapital, trazaba un retrato de Karl Marx. Cristo Proibito é un filme escrito e dirixido por Malaparte en 1950, que lle valeu un éxito moderado. Gañou o premio especial Cidade de Berlín no Festival de Berlín en 1951.[5] Na historia, un veterano de guerra regresa á súa vila para vingar a morte do seu irmán, asasinado polos alemáns. Estreouse nos Estados Unidos en 1953 como Strange Deception e foi elixido como un dos mellores cinco filmes estranxeiros polo National Board of Review.
Tamén produciu o programa de variedades Sexophone e planeou cruzar os Estados Unidos en bicicleta.[6] Pouco antes da súa morte, Malaparte completou a preparación doutro filme, Il Compagno P.. Despois do establecemento da República Popular da China en 1949, Malaparte interesouse pola versión maoísta do comunismo, pero a súa viaxe á China acurtouse debido á súa doenza, volvendo a Roma. Io in Russia e in Cina, o seu diario de feitos, publicouse postumamente en 1958. O último libro de Malaparte, Maledetti toscani, foi sobre un ataque á cultura burguesa, e apareceu en 1956.
Faleceu en Roma de cancro de pulmón en 1957.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.