![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/96/Bloch-SermonOnTheMount.jpg/640px-Bloch-SermonOnTheMount.jpg&w=640&q=50)
Cristianismo
relixión abrahámica monoteísta / From Wikipedia, the free encyclopedia
O cristianismo[1] (da verba en grego antigo Χριστός, Khristós (Cristo)) é unha relixión monoteísta baseada na vida e ensinanzas de Xesús Cristo como aparecen nos evanxeos canónicos e noutros escritos do Novo Testamento. Actualmente é a relixión, se contamos tódalas súas ramas, que conta con maior número de practicantes, coñecidos como cristiáns.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/96/Bloch-SermonOnTheMount.jpg/640px-Bloch-SermonOnTheMount.jpg)
Os cristiáns cren que Xesús é o Fillo de Deus, Deus feito home, e o salvador da humanidade. Por mor disto, refírense a Xesús como Cristo, o Mesías profetizado nos textos xudeus que compoñen o Antigo Testamento. A doutrina teolóxica básica aparece nos primeiros textos cristiáns, cuxo contido é aceptado pola maioría das confesións cristiás. Estas profesións de fe din que Xesús sufriu, morreu e resucitou de entre os mortos para garantir a vida eterna a aqueles que cren nel e que confían nel para o perdón dos seus pecados. A maioría sosteñen tamén que Xesús subiu ao Ceo e que alí goberna xunto con Deus Pai. Aínda que o cristianismo é unha relixión monoteísta a maioría dos cristiáns cren que Deus existe en tres persoas, Deus Pai, Deus Fillo e Deus Espírito Santo que constitúen unha mesma substancia de Deus, o que constitúe o misterio da Santa Trindade.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/10/Giovanni_Battista_Tiepolo_074.jpg/640px-Giovanni_Battista_Tiepolo_074.jpg)