Creacionismo (pseudociencia)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Denomínase creacionismo ao conxunto de crenzas, inspiradas en doutrinas relixiosas, segundo as cales a Terra, e cada ser vivo que existe nela actualmente, proveñen dun acto de creación por un ou varios seres divinos, cuxo acto de creación se levou a cabo de acordo cun propósito divino.[1] Por extensión desta definición, o adxectivo "creacionista" aplicouse a calquera opinión ou doutrina filosófica ou relixiosa que defenda unha explicación da orixe do mundo baseada nun ou máis actos de creación por un deus persoal, como o fan, por exemplo, as relixións do Libro.[2] Por iso, igualmente denomínase creacionismo aos movementos pseudocientíficos e relixiosos que militan en contra do feito evolutivo.[3]
O creacionismo caracterízase principalmente polos "movementos antievolucionistas", tales como o deseño intelixente,[4] cuxos partidarios buscan obstaculizar ou impedir a ensinanza da evolución biolóxica nas escolas e universidades.
Segundo estes movementos creacionistas, os contidos educativos sobre bioloxía evolutiva teñen que substituírse, ou polo menos contrarrestarse, polas súas crenzas e mitos relixiosos ou coa idea da creación dos seres vivos por parte dun ser intelixente.
En contraste con esta posición, a comunidade científica sostén a conveniencia de diferenciar entre o natural e o sobrenatural, de forma que non se obstaculice o desenvolvemento daqueles elementos que respectan ao benestar dos seres humanos.[5]
As cosmogonías e mitos de carácter creacionista estiveron e están presentes en moi distintos sistemas de crenzas, tanto monoteístas, como politeístas ou animistas. O movemento creacionista politicamente máis activo e coñecido é de orixe cristiá (protestante) e está implantado principalmente, nos Estados Unidos.