Complexo da piruvato deshidroxenase
From Wikipedia, the free encyclopedia
O complexo da piruvato deshidroxenase (PDC) é un complexo formado por tres encimas que transforma o piruvato en acetil-CoA por medio dun proceso chamado descarboxilación do piruvato, que implica a súa descarboxilación e oxidación. Fórmase tamén NADH ("poder redutor") e CO2. O acetil-CoA formado pode utilizarse despois no ciclo do ácido cítrico para levar a cabo a respiración celular, polo que este complexo liga a vía metabólica da glicólise co ciclo do ácido cítrico. Os tres encimas que forman parte do complexo son: a piruvato deshidroxenase (E1), a dihidrolipoíl transacetilase (E2) e a dihidrolipoíl deshidroxenase (E3). No complexo hai moitas copias de cada encima, polo que no complexo hai moitos sitios activos para a unión dos substratos.
Este complexo multiencimático está relacionado estrutural e funcionalmente coa oxoglutarato deshidroxenase e o complexo da alfa-cetoácido de cadea ramificada deshidroxenase.