Colón salvadoreño
antiga unidade monetaria do Salvador / From Wikipedia, the free encyclopedia
O colón foi a unidade monetaria do Salvador desde 1892 ata 2001, cando foi substituído progresivamente no uso polo dólar estadounidense, aínda que oficialmente non deixou de ter curso legal.[1][2]
- Para a antiga moeda homónima de Costa Rica, véxase Colón costarriqueño.
Colón salvadoreño | |
---|---|
Código: | SVC |
Ámbito: | O Salvador |
Símbolo: | ¢ |
Fracción: | 100 centavos |
Moedas: | 1, 2, 3, 5, 10, 25, 50 centavos. 1, 5 colóns. |
Billetes: | 5, 10, 25, 50, 100, 200 colóns. |
Emisor: | Banco Central de Reserva do Salvador. |
Taxa de troco: Maio de 2018 | 1 EUR = 10,18 SVC. 1 USD = 8,75 SVC. |
Troco actual |
O 1 de outubro de 1892, o Goberno do presidente Carlos Basilio Ezeta, decidiu que o anterior peso salvadoreño pasase a denominarse "colón", en homenaxe a Cristovo Colón, do mesmo xeito que faría Costa Rica co seu peso catro anos despois, acolléndose a unha tendencia da época co gallo das celebracións do IV centenario da Descuberta de América, aínda que non foi ata a reforma de 1919 cando o colón substituíu formalmente o peso.[1][2]
As moedas do sistema do colón foron emitidas a partir de 1934 polo Banco Central de Reserva de El Salvador, organismo gobernamental creado o 19 de xuño dese ano para se encargar da política monetaria do país.[3][2]
O 1 de xaneiro de 2001 entrou en vigor a Lei de Integración Monetaria, baixo o Goberno do presidente Francisco Flores, que autorizaba a libre circulación do dólar estadounidense no país, cun tipo de cambio fixado en 8,75 colóns.[1][2]
No momento en que se deixou de cuñar, circulaban moedas de 1, 5, 10, 25 e 50 centavos (a moeda fraccionaria), e dun colón. Canto ao papel moeda, no momento da súa desaparición circulaban billetes de 5, 10, 25, 50, 100 e 200 colóns, e anteriormente existiran de 1 e de 2 colóns. Aínda que o colón segue a aceptarse legalmente no comercio ao tipo de cambio fixo establecido, en realidade pódese considerar como extinto, xa que nin circula nin se producen emisións con ese valor facial.[1][2]