Codia oceánica
capa máis externa da porción oceánica dunha placa tectónica / From Wikipedia, the free encyclopedia
A codia oceánica é a capa máis externa da porción oceánica dunha placa tectónica. Está composta pola codia oceánica superior, con lavas almofadadas e un complexo de diques, e a codia oceánica inferior, composta por troctolitas, gabros e cúmulos ultrabásicos.[1][2] A codia oceánica (e a continental) está por riba da capa superior sólida do manto. A codia oceánica e esta capa do manto constitúen en conxunto a litosfera oceánica.
A codia oceánica está composta principalmente por rochas básicas (máficas), que son ricas en ferro e magnesio. É máis delgada que a codia continental, cun grosor de xeralmente de menos de 10 km; pero é máis densa, cunha densidade media duns 3,0 g/cm3[3] en oposición á codia continental, que ten unha densidade duns 2,7 g/cm3.[4]
A parte superior da codia oceánica é o resultado do arrefriamento do magma derivado do material do manto que hai baixo a placa. O magma é inxectado no centro de extensión do fondo, e consta principalmente dunha papa cristalina parcialmente solidificada derivada das inxeccións iniciais, formando lentes de magma que son a fonte dos diques laminares que alimentan as lavas almofadadas que están enriba.[5] A medida que as lavas arrefrían, son en moitos casos modificadas quimicamente pola presenza de auga mariña.[6] Estas erupcións ocorren principalmente nas dorsais oceánicas, pero tamén en puntos quentes espallados polo océano, e incluso en raras pero poderosas emisións de basalto de inundación (fluxos basálticos). Porén, a maior parte do magma cristaliza a maior profundidade, na codia oceánica inferior. Alí, o novo magma que fai intrusión pode mesturarse e reaccionar coa papa cristalina e rochas.[7]