From Wikipedia, the free encyclopedia
Lava almofadada ou lava en almofada (na literatura inglesa pillow lava) é a designación dada en xeoloxía e xeomorfoloxía ás coadas de lava típicas das erupcións volcánicas subacuáticas nas cales a lava é extruída no fondo dun mar, lago profundo ou unha cavidade chea de auga dentro dun glaciar e ten formas arredondadas.[1] No mar fórmanse na parte superior da capa 2 da codia oceánica normal.
As lavas en almofada están en xeral compostas por basaltos, mais tamén as hai de komatita, picrita, boninita, andesita, andesita basáltica e mesmo de dacita ou riolita.[2][3][4][5] Xeralmente a composición afecta o tamaño das «almofadas», xa que modifica a viscosidade da lava. Esta denominación débese á súa sección aproximadamente esférica, que lles dá un aspecto semellante a almofadas ou coxíns. As lavas almofadadas non só se forman en mares profundos, senón tamén cando lavas subaéreas corren polas vertentes entrando en contacto co mar, ríos ou lagos.
A produción de lavas almofadadas ocorre cando lavas intermedias ou máficas extrúen baixo unha masa de auga, en especial en erupcións submarinas. Tendo en conta a abundancia e extensión do vulcanismo de carácter basáltico ao longo das dorsais oceánicas onde existen cadeas case continuas de volcáns expulsando lava aos leitos oceánicos, este tipo de lava é o máis abundante na Terra.
As superficies vítreas destas lavas non son lisas, presentan gretas, enrugamentos e estrías lineares moitas das cales se intersectan en ángulos rectos. As lavas almofadadas poden encontrarse nunha enorme variedade de formas incluíndo as bulbosas, esféricas, achatadas, alongadas e tubulares, e varían en diámetro de varias decenas de centímetros a varias decenas de metros, porén, o seu tamaño típico varía entre 0,5 e 1 metro. O interior das lavas almofadadas arrefría máis lentamente que a cobertura exterior vítrea e consecuentemente é máis cristalino. A cristalización a taxas de arrefriamento progresivamente máis lentas en dirección ao interior produce unha considerable variedade de texturas nas rochas.
Como ao longo das dorsais mesooceánicas se está a formar decote nova codia oceánica, vanse producindo novas capas no centro da dorsal, alimentando os diques que se ligan á cámara magmática. As lavas almofadadas e as formas de dique complexas forman parte da clásica secuencia de ofiolitas cando un segmento da codia continental está en proceso de obdución coa codia oceánica.
A presenza de lavas en almofada nos restos volcánicos máis antigos que se coñecen na Terra (o Cinto supracortical de Isua e o Cinto de Barberton) confirma a presenza de grandes corpos de auga sobre a superficie do planeta no eón Arcaico. A presenza de lavas almofadadas utilízase para confirmar que existiu vulcanismo subacuático nos cintos metamórficos.
Na Península Ibérica aparecen lavas deste tipo en áreas paleovolcánicas de Euskadi[6], da periferia do macizo alóctono de Braganza [7] e do complexo volcânico de Lisboa. En Galicia aparecen vestixios de antigas lavas almofadadas convertidas polo metamorfismo en metavulcanitas no Complexo de Cabo Ortegal.
As lavas en almofada tamén poden aparecer asociadas a volcáns subglaciares nas primeiras etapas dunha erupción.[8][9]
As lavas en almofada fórmanse cando o magma alcanza a superficie, pero, debido á enorme diferenza de temperatura entre a lava e a auga, a superficie da masa emerxente arrefría moi rapidamente, formando unha capa sólida superficial en forma de codia. A masa de lava continúa a crecer por inxección de máis lava no seu interior líquido, formando un lóbulo, ata que a presión interna da lava creza o suficiente como para romper a codia da lava e comezar a formación dun novo lóbulo. O proceso ocorre repetidamente, producindo unha serie de masas en forma de lóbulo ou «almofada». Como a codia arrefría moito máis rápido que o interior do lóbulo, presenta un gran moi fino (textura afanítica) con elementos vítreos, mentres que o interior, que arrefría moito máis lentamente, presenta cristais de dimensións crecentes a medida que están máis afastados da periferia.
As lavas almofadadas poden utilizarse en xeoloxía como un indicador de se están na súa posición orixinal ou foron invertidas ao longo do tempo;[10] é dicir, o estudo da súa forma pode revelar a posición na cal se formaron orixinalmente. As lavas almofadadas mostran que aínda están na súa orientación orixinal cando:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.