futbolista brasileiro From Wikipedia, the free encyclopedia
Claudio Olinto de Carvalho, máis coñecido como Nené, nado en Santos o 1 de febreiro de 1942 e finado en Capoterra, Cagliari, o 3 de setembro de 2016, foi un futbolista e adestrador brasileiro, que xogaba como centrocampista e dianteiro. Vestiu as camisetas do Santos, a Juventus e o Cagliari durante as décadas de 1960 e 1970. A súa carreira estivo especialmente vencellada ao club sardo, co que conquistou o histórico scudetto da tempada 1969/70 e onde se converteu no estranxeiro con máis partidos da historia do club (390). Ademais mantivo durante 38 anos o récord de futbolista con máis partidos de Serie A na historia do Cagliari (311), ata que foi superado por Daniele Conti en 2014.
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 1 de febreiro de 1942 Santos, Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 3 de setembro de 2016 (74 anos) Capoterra, Italia (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 182 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 78 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Brasil | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Nado en Santos, era fillo de Herminio Olinto de Carvalho, futbolista e capitán do Santos nos anos 50, tamén alcumado Nené, e de Ruth de Jesus Ribeiro da Silva.[1][2][3]
Comezou a súa carreira no Santos, equipo no que militara durante 11 tempadas seu pai. Debutou co primeiro equipo nun partido válido para o Campionato Paulista o 15 de setembro de 1960, aos 18 anos, na vitoria por 5-2 ante o Clube Atlético Juventus, substituíndo a Ney e marcando un gol.[4] Xogou xunto a figuras como Pelé, Pepe, Zito, Mengálvio, Lima, Dorval, Coutinho e Sormani, sendo empregado como dianteiro centro atrasado.
A pesar de xogar só tres anos co equipo da súa cidade, gañou con el numerosos títulos: dúas Copas Libertadores consecutivas (nos anos 1962 e 1963), a Copa Intercontinental en 1962, dous Campionatos Brasileiros (1961 e 1962), tres Campionatos Paulistas consecutivos e o Torneo Río–São Paulo en 1963. As súas actuacións levárono a formar parte da selección brasileira que conseguiu a medalla de ouro nos IV Xogos Panamericanos celebrados en São Paulo en 1963.[5][6]
O 26 de xuño de 1963, durante unha xira europea co Santos, xogou un partido contra a Juventus de Omar Sívori no Comunale de Turín. Alí foi observado por Giampiero Boniperti, dirixente da Juventus que se interesou por el, sendo finalmente contratado por 100 millóns de liras.[7][8][9]
Debutou na Serie A o 15 de setembro de 1963, na vitoria por 3-1 ante o SPAL. Xogou unha soa tempada na Juve, marcando 11 goles en 28 partidos de liga, e a continuación foi traspasado ao Cagliari, por 600 millóns de liras.
Debutou co equipo sardo o 13 de setembro de 1964, na derrota en liga ante a Roma por 2-1. En Sardeña o adestrador Arturo Silvestri colocouno na banda dereita,[10] converténdose nos anos seguintes nun volante ou tornante, que aproveitaba a súa velocidade para percorrer a banda.[11]
A Juventus tentou compralo de novo na tempada 1967/68, pero o Cagliari negouse. En 1969, coa fichaxe de Angelo Domenghini, o novo adestrador rossoblù, Manlio Scopigno, trasladouno ao centro do campo, facendo do brasileiro un dos piares do equipo sardo, que na tempada 1969/70 gañou o único título de liga da súa historia.[12][13]
Trala tempada 1975/76 puxo fin á súa carreira, aos 34 anos, despois de doce tempadas consecutivas coa camisola do Cagliari, todas na Serie A.[14] Disputou co Cagliari un total de 390 partidos oficiais e marcou 31 goles. Os seus 311 partidos na Serie A foron a cifra máis alta na historia do club durante 38 anos, ata que foron superados en 2014 por Daniele Conti.[15][16]
Entre a Juventus e o Cagliari disputou en Italia un total de 426 partidos, marcando 43 goles.
Co club sardo tivo tamén unha breve experiencia no campionato dos Estados Unidos organizado en 1967 pola United Soccer Association e recoñecido pola FIFA, no que o Cagliari saíu ao campo representando os Chicago Mustangs e obtendo o terceiro posto na División Oeste.[17][18]
Trala súa retirada como futbolista comezou a súa carreira como adestrador na canteira do Cagliari. Entre 1979 e 1980 adestrou o equipo xuvenil da Fiorentina gañando a liga e a copa de Italia xuvenís, así como o reputado torneo de Viareggio.[19][20][21] Despois dirixiu o Sant'Elena na Serie C2 e o Paganese na Serie C1. Preferindo adestrar no fútbol base, regresou á canteira do Cagliari, onde traballou varios anos, pasando logo á Juventus, primeiro como adestrador do equipo xuvenil e finalmente como observador.[22][23]
Casou o 30 de maio de 1970 en Turín con Fiorella,[1][24] coa que tivo dous fillos,[25] nacidos en 1971 e 1976. Como algúns dos seus compañeiros campións co Cagliari en 1970, ao final da súa carreira optou por instalarse en Sardeña, onde permaneceu ata o final da súa vida.[26][27]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.