Cinetocoro
From Wikipedia, the free encyclopedia
O cinetocoro[1] é unha estrutura proteica situada sobre os cromosomas, xeralmente sobre a zona do centrómero. Sobre esta estrutura é onde se ancoran os microtúbulos do fuso acromático durante os procesos de división celular (meiose e mitose). En vertebrados e lévedos os cinetocoros son estruturas discretas e únicas en cada cromosoma, pero existen organismos (como o verme nematodo C. elegans) que presentan cinetocoros difusos ao longo dos brazos cromosómicos: son os denominados cromosomas holocéntricos.[2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/25/Kinetochore.jpg/320px-Kinetochore.jpg)
Os cinetocoros inician, controlan e supervisan os movementos dos cromosomas durante a división celular. En canto á súa estrutura, os cinetocoros das células animais poden subdividirse en dúas rexións:
- o cinetocoro interno organízase normalmente sobre secuencias de ADN moi repetitivas (o ADN satélite) e ensámblase nunha forma especializada de cromatina que persiste durante o ciclo celular.
- o cinetocoro externo é unha estrutura proteica con moitos compoñentes dinámicos que se ensambla e funciona só durante a división celular.
Entre as funcións do cinetocoro están a ancoraxe dos cromosomas aos microtúbulos do fuso acromático, a verificación destas ancoraxes, a activación do checkpoint ou punto de control da mitose (un mecanismo de control que atrasa a saída da mitose se se detectan fallos) e a participación na xeración das forzas que propulsan os movementos cromosómicos durante a división celular.[3]
Os microtúbulos son polímeros metaestables de tubulina-α e β que alternan entre fases de crecemento e despolimerización, un fenómeno que se coñece como "inestabilidade dinámica".[4] A natureza dinámica do comportamento dos microtúbulos está integrada coa función dos cinetocoros para así poder mover e segregar (separar) os cromosomas.