ADN satélite
From Wikipedia, the free encyclopedia
O ADN satélite é un tipo de secuencias repetitivas do ADN que se separan a partir do ADN cromosómico por ultracentrifugación diferencial. O ADN satélite consta de longas secuencias dispostas en tándem repetitivas e non codificantes. O ADN satélite é o principal compoñente dos centrómeros dos cromosomas e dos telómeros, e forma o principal compoñente estrutural da heterocromatina.[1]
- Ver satélite (homónimos).
As secuencias de ADN satélite poden ter varios millóns de pares de bases pero as unidades que se repiten son moito máis pequenas e denomínanse "unidade de repetición". Estas unidades varían en lonxitude dun tipo de ADN satélite a outro, desde só 5 pares de bases nos satélites III humanos a 755 pares de bases nos satélites dos xenomas das plantas [2]. Os bloques de ADN satélite poden ter unha lonxitude de varias megabases sen interrupción.
O nome "ADN satélite" débese a que estas secuencias, debido á súa natureza repetitiva, tenden a ter unha frecuencia de nucleótidos (adenina, guanina, citosina e timina) diferente da do resto do ADN, polo que teñen tamén diferente densidade e sedimentan por separado nas ultracentrifugacións de ADN en gradiente de densidade de cloruro de cesio, formando unha banda secundaria ou "satélite" distinta da banda do resto do ADN.