![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/6b/MenstrualCycle2_en-gl.svg/langgl-640px-MenstrualCycle2_en-gl.svg.png&w=640&q=50)
Ciclo menstrual
cambios fisiolóxicos dunha muller que facilitan a reprodución / From Wikipedia, the free encyclopedia
O ciclo menstrual é o conxunto de cambios fisiolóxicos que se producen nunha muller fértil que teñen como obxecto facilitar a reprodución sexual e a fertilización do óvulo. Os cambios afectan o estado dos ovarios, útero e outros órganos, están controlados hormonalmente e teñen unha periodicidade aproximadamente mensual. Os contraceptivos hormonais interfiren cos cambios hormonais do ciclo para así impediren a concepción.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/6b/MenstrualCycle2_en-gl.svg/320px-MenstrualCycle2_en-gl.svg.png)
O ciclo menstrual divídese xeralmente en tres fases: a fase folicular, a fase ovulatoria (ovulación) e a fase lútea; aínda que outras fontes falan de fase de menstruación, proliferativa e secretora.[1] O ciclo menstrual empeza a contarse desde o primeiro día de sangrado menstrual.
Despois da menstruación o estímulo de cantidades gradualmente maiores de estróxenos na fase folicular fai que o fluxo da menstruación se faga menor e se deteña, e que o endometrio que reviste o útero engrose. Os folículos ováricos empezan a desenvolverse baixo a influencia dunha complexa interacción de varias hormonas, e despois de varios días un deles (ocasionalmente dous) faise dominante, entanto que o resto dos folículos (non dominantes) que se empezaron a desenvolver se atrofia e morren. Aproximadamente á metade do ciclo, entre 24 e 36 horas despois de que apareza un pico de hormona luteinizante (LH), o folículo dominante libera un óvulo, fenómeno denominado ovulación. Despois da ovulación, o óvulo só vive 24 horas ou menos se non é fertilizado, e os restos que quedan do folículo que ovulou convértense no corpo lúteo. O corpo lúteo ten como misión principal a produción de grandes cantidades da hormona proxesterona. Baixo a influencia da proxesterona, o endometrio (revestimento uterino) sofre unha serie de cambios para prepararse para unha posible implantación do embrión e o establecemento do embarazo. Se non ten lugar a implantación nun prazo de dúas semanas, o corpo lúteo dexenera, causando unha aguda caída dos niveis de proxesterona e estróxenos, e isto provocará o desprendemento da capa superficial do endometrio e o sangrado, proceso chamado menstruación, que dá comezo a un novo ciclo.
No ciclo menstrual os cambios que se observan afectan a diversas partes do aparato reprodutor feminino, mais tamén a outros aparatos (cambios nos peitos ou no estado de ánimo, por exemplo).